Certificacións

A Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda vén de renovar a súa certificación na marca pescadeRías de onde se non? para os grupos biolóxicos cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes.

Así mesmo, a empresa distribuidora Grupo Envimar NW, S.L., situada na Lonxa de Ribeira, tamén renova a súa certificación para peixes, cefalópodos, crustáceos e equinodermos.

Estas renovacións supoñen que estes usuarios da marca terán en vixencia a certificación por un período doutros cinco anos.

A entidade do mes: Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda

A Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda encárgase da primeira venda e distribución dos produtos do mar extraídos polos seus asociados. A venda dos productos do mar pode realizarse, ben mediante poxa na propia lonxa ou ben mediante venta directa do armador a compradores autorizados, como intermediarios ou comerciantes polo miúdo. Neste último caso os produtos deben pasar por lonxa para o seu control, rexistro e emisión da documentación necesaria.

Esta confraría está certificada pola marca pescadeRías de onde se non? dende o ano 2013 para os grupos biolóxicos peixes, cefalópodos, crustáceos e equinodermos.

Accións formativas

No mes de setembro impartiuse formación en hixiene e manipulación dos produtos da pesca ao persoal da empresa Da Lonxa ao Prato S.L., situada na Lonxa de Ribeira.

Esta empresa conta con depuradora de bivalvos, cetaria de crustáceos e realiza distribución dos produtos da pesca dende a Lonxa de Ribeira.

Todo o persoal da industria alimentaria ten que contar con formación actualizada en manipulación de alimentos, así como coñecer os principios básicos do APPCC, segundo a frecuencia que determine o Plan de Formación de cada empresa.

pescadeRías, ¿de onde se non?… De cine!

A 16ª Edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu FICBUEU, que se celebrará o vindeiro mes de setembro, exercerá de escaparate internacional das bondades e calidade dos produtos certificados da pesca artesanal galega.

O sábado 16 celebrarase na Praza de abastos de Bueu a degustación guiada “Descubrindo as excelencias do noso mar con pescadeRías, ¿de onde se non?”, da man de Sergio Roma, do Restaurante O Souto de Pontevedra. Participarán nesta actividade as personalidades do mundo do cinema que veñen a Bueu a presentar as súas películas e outras convidadas profesionais do festival. Ademais de catar distintas elaboracións a base de produto certificado da pesca artesanal, terán oportunidade de coñecer de primeira man os oficios do mar, as especies, e as modalidades e artes de pesca coas que se capturan.

Toda a información do FICBUEU aquí.

Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos

A Confraría de Pescadores San Telmo de Mugardos celebrou o 1 de xullo a II edición da Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos. Esta iniciativa pretende amosar a calidade do produto que se extrae na ría.

A Lonxa de Mugardos está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de bivalvos e gasterópodos.

Accións formativas

Durante o mes de xuño realizaron formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos o persoal da lonxa da Confraría de Pescadores de Vilaxoán.

Os Plans de Formación dos operadores da industria alimentaria establecen a frecuencia de formación na que o seu persoal debe actualizar os coñecementos en hixiene e boas prácticas de manipulación para diminuír os riscos para os alimentos.

Certificacións

No mes de xuño renovaron a certificación a Confraría de Pescadores de Cedeira (Bivalvos, Crustáceos, Peixes e Cefalópodos) e a Lonxa de Ribeira (Bivalvos, Peixes, Cefalópodos, Crustáceos, Equinodermos e Gasterópodos).

Ademais, a depuradora Aurelio Silva Abalo S.L. tamén renovou a súa certificación para moluscos Bivalvos.

Dúas novas empresas, ubicadas no Porto de Muros, realizaron a auditoría inicial de certificación na marca: Pescados y Mariscos Areamaior S.L., para crustáceos e bivalvos, e Pesca artesanal Fresco y del Mar S.L. para peixe, bivalvos, cefalópodos e crustáceos.