Novas entidades apostan polo etiquetado individual de peixe

Novas entidades do sector pesqueiro galego dan un paso adiante na diferenciación e posta en valor do produto coa implantación do etiquetado individual de peixe, unha medida que reforza a trazabilidade, a transparencia e a identificación na orixe.

Recentemente comezaron a aplicar este sistema a Confraría de Pescadores de Porto do Son e Cíes Artesanais S. Coop. Galega. Esta práctica permite que cada peza leve asociada unha etiqueta azul co logo da marca pescadeRías de onde se non? e un código numérico, garantindo ao consumidor unha identificación clara do produto e facilitando a súa diferenciación no mercado.

Ademais, está previsto que no mes de marzo se sume a esta iniciativa a Confraría de Pescadores de Portosín, ampliando así o número de entidades que apostan por este modelo. Con estas incorporacións, son xa 15 as entidades que practican o etiquetado individual, consolidando unha rede cada vez máis ampla comprometida coa valorización do produto.

A implantación deste sistema supón un avance relevante na estratexia de impulso da pesca artesanal, xa que reforza a confianza do consumidor, visibiliza o traballo da frota e contribúe a combater prácticas irregulares. Ao mesmo tempo, mellora a información dispoñible no punto de venda e fortalece a imaxe de calidade asociada aos produtos do mar de Galicia, apostando por un modelo máis transparente, sostible e orientado á excelencia.

Principais capturas da flota artesanal galega en 2025

Un repaso ás especies que lideraron as lonxas galegas este ano, tanto en volume como en valor económico.

A piques de despedir o ano, traémosche a clasificación dos peixes e mariscos máis capturados en 2025 pola flota artesanal galega. Un resumo perfecto para entender que especies conquistaron as lonxas… e tamén as mesas!

Os peixes volven ser os grandes protagonistas*, tanto polo volume de capturas como por valor económico. Tras deles, sitúanse os bivalvos, os cefalópodos*, os crustáceos, os equinodermos, as algas e os gasterópodos.

Entre os peixes, o peixe azul manda con claridade: sardiña, xurelo, bocarte, xarda e congro encabezan a lista. E se falamos de valor, os catro primeiros repiten e a robaliza adiántase ao congro.

Nos bivalvos, a ameixa xaponesa, o berberecho e a navalla son as especies con maior volume de capturas. Por importe, o podio queda para a ameixa xaponesa, a navalla e a ameixa rubia, mentres o berberecho baixa ao cuarto posto.

Nos cefalópodos, polbo e choco son as estrelas absolutas tanto en volume como en facturación.

E nos crustáceos, centola e percebe lideran as capturas, aínda que, se miramos o valor económico, o percebe colócase por diante.

Gráfico: Volume de primeira venda nas lonxas galegas entre o 1 de xaneiro e o 19 de decembro de 2025.

*O gráfico inclúe o volume de primeira venda en todas as lonxas de Galicia, sen diferenciar as capturas segundo o tipo de pesca. Esta circunstancia non altera a importancia relativa dos distintos grupos biolóxicos en termos de volume de vendas para a flota artesanal galega. Mesmo se se considerasen unicamente as capturas desta frota, a distribución dos grupos biolóxicos en volume de vendas sería moi semellante.

Fonte: https://www.pescadegalicia.gal/

Aprobado o Real Decreto que actualiza as denominacións comerciais dos alimentos en conserva ou preparados aplicables aos produtos da pesca e da acuicultura

O obxectivo da norma é adaptar e actualizar as definicións e criterios relativos á presentación, conservación, comercialización e partes dos produtos da pesca e da acuicultura, para axustalos á realidade actual do sector e aos cambios na normativa europea e estatal en materia pesqueira, de información alimentaria e de seguridade alimentaria.

Recentemente aprobouse o Real Decreto 1082/2025, do 3 de decembro, que regula o procedemento para determinar as denominacións comerciais nacionais e denominacións de alimentos en conserva ou preparados admitidas en España aplicables aos produtos da pesca e da acuicultura.

Esta nova normativa, impulsada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, actualiza o marco vixente para adaptalo aos avances científicos, aos cambios nos hábitos de consumo e á realidade actual do mercado. O seu propósito central é reforzar a protección das persoas consumidoras e garantir unha información clara, veraz e comprensible. Para iso, o real decreto clarifica o ámbito das conservas e preparados e achega maior seguridade xurídica ao procedemento de determinación das denominacións legais.

A implantación deste sistema desenvolverase en dúas fases: a actualización normativa a través deste real decreto e a posterior publicación das denominacións comerciais de conservas e preparados nunha resolución da Secretaría General de Pesca.

A regulación establece tamén a base para publicar periodicamente listaxes de denominacións comerciais autorizadas para produtos frescos, conxelados, salgados, afumados, conservas e preparados en todo o territorio estatal. As denominacións comerciais que poidan emitir as comunidades autónomas terán carácter complementario ás de ámbito nacional.

A norma entrará en vigor o 2 de xaneiro de 2026.

Podes descargar a norma aquí.

O artigo do mes

Este mes, o artigo que vos achegamos vén da man de dous biólogos mariños cunha ampla traxectoria de investigación e divulgación sobre o medio mariño galego: Rafael Bañón e Manuel E. Garci.

O artigo preséntanos as especies de peixes máis coloridas das augas de Galicia, e explica os seus patróns de pigmentación. Esperamos que vos guste.

Podes ler aquí o artigo completo.

Especie do mes: a choupa

A choupa (Spondyliosoma cantharus) é un peixe semigraxo co corpo ovalado, alto e compacto. Pódese confundir co sargo. Para diferencialos podemos fixarnos na lixeira chepa que ten a choupa por detrás da cabeza. Ademais, carece da mancha negra que ten o sargo onde nace a aleta pectoral.

Os adultos presentan unha tonalidade gris azul prateada, con estrías douradas e discontInuas nos costados que van desde o opérculo ata a aleta caudal. Os exemplares novos son de cor gris escura. Entre os ollos presenta unha característica banda escura que chega ata o fociño.

Podes atopar máis información sobre esta especie nesta ligazón.