O 21 de marzo, impartiuse unha charla sobre a marca pescadeRías ao alumnado de cociña e pastelería do Obradoiro de Emprego Moaña Labora VI. Por outra banda, o 23 de marzo, o alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume VIII realizou unha visita a Noia, dinamizada polo persoal técnico da marca, onde coñeceron diversas instalacións da Confraría de Pescadores de Noia: o laboratorio de análise de biotoxinas, microbioloxía e xenética, o criadeiro de moluscos de O Freixo e a lonxa e a depuradora de Testal. Os futuros profesionais puideron coñecer o selo pescadeRías, valorar a importancia do marisqueo en Galicia, o traballo dos profesionais do mar e diferenciar especies que se comercializan nas lonxas.
Empresa do mes: Insuapesca, S.L.
INSUAPESCA S.L. é unha empresa con sede en Carnota (A Coruña) adicada á distribución de peixes e mariscos.
INSUAPESCA S.L. está certificada para o selo pescadeRías, ¿de onde se non? dende o ano 2022 para a comercialización de peixes, cefalópodos e crustáceos, que merca en diferentes lonxas galegas pero principalmente na Lonxa de Portosín.
Ademais de adicarse ao comercio maiorista, os seus produtos poden ser adquiridos polo público en xeral na peixería que a empresa ten do Mercado de Abastos de Muros, adherida así mesmo á marca pescadeRías, na cal podemos atopar unha grande variedade de peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal.
Especie do mes: tapa
A tapa (Zeugopterus punctatus) é un peixe plano capturado normalmente con artes de enmalle, que vive nas nosas costas a pouca profundidade sobre fondos rochosos con algas .
O seu corpo e oval, de cor escura e con manchas de aspecto marmóreo. No lado dos ollos presenta escamas con crecementos espiñosos, que son como peles ásperas ao tacto.
É baixa en graxas e podemos preparala á grella, á prancha ou fritida.
Se queres coñecer máis sobre esta especie e os seus valores nutricionais, preme aquí para ver unha ficha.
Nova peixería adherida: Carrefour Market Sanxenxo
A marca pescadeRías, ¿de onde se non? conta cunha nova entidade adherida, a peixería de Carrefour Market en Sanxenxo. Esta peixería é xestionada pola empresa Orixe da Ría S.L. que acaba de obter a certificación na marca.
Neste establecemento poden ser adquiridos produtos da pesca artesanal e do marisqueo procedentes de lonxas certificadas.
Busca o distintintivo do selo!
Novo restaurante adherido: Material
No restaurante Material de Malpica, adherido este mes ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, ofrecen unha cociña de mercado en consonancia coas súas raíces e tradicións, con sabores clásicos e un toque de modernidade.
A cociña a lume aberto domina o seu menú, que se compón de pequenos pratos destinados a ser compartidos, con respecto aos produtos e priorizando a boa materia prima adquirida a provedores locais para representar adecuadamente a diversidade da zona.
Certificacións
En marzo, as empresas Orixe da Rías, S.L. (peixe, cefalópodos, crustáceos, bivalvos e equinodermos) e Moluscos Ven do Mar, S.L. (bivalvos e crustáceos) e a Lonxa de Canido (bivalvos, cefalópodos, antozoos, equinodermos, crustáceos e algas), xestionada pola Confraría de Pescadores de Vigo tiveron auditorías para a certificación inicial no selo pescadeRías. As empresas Fish Factory, S.L. (bivalvos e peixe) e Mariscos Islas Cíes, S.L. (bivalvos, crustáceos, peixe, cefalópodos, antozoos, gasterópodos e equinodermos) tiveron auditorías de seguimento.
Accións formativas
Durante o mes de marzo impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a todo o persoal e responsables da Confraría de Pescadores de Malpica e ao personal das empresas Mariscos Calimar, S.L., Mariscos Islas Cíes, S.L. e Moluscos Ven do Mar, S.L.
Ter actualizada a formación nestas materias é requisito necesario para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.
Solla de Rianxo en Vivir o Mar
O pasado 19 de marzo a solla foi protagonista dunha reportaxe do programa Vivir o Mar, na cal tamén participaron dúas entidades adheridas: a peixería As Rianxeiras no Mercado de Santiago e o restaurante Aghro da Corna de Rianxo, onde prepararon unha falsa caldeirada de solla con puré de patacas, castañas e apio nabo, conforme a receita publicada no boletín do pasado mes.
Preme aquí para ver o vídeo.
Feiras internacionais
No que vai de ano, a Consellería do Mar, baixo o lema GALICIA SABE AMAR, participou en tres importantes feiras internacionais acompañada de empresas galegas do sector. Entre o 20 e o 24 de febreiro estivo na Gulfood en Dubai, entre o 7 e o 10 de marzo na Foodex Japón, acompañada entre outras, da empresa certificada Porto-Muiños, e entre o 12 e o 14 de marzo participou na Seafood Expo de Boston. Preme aquí para ver algunhas imaxes destes eventos.
Nova Lei de Pesca Sostible
O pasado 18 de marzo publicouse no BOE a Lei 5/2023, de 17 de marzo, de pesca sostible e investigación pesqueira.
Entre outras medidas, a nova lei estabelece que o coeficiente reductor a aplicar nas actividades de marisqueo e recollida de percebes e algas será do 0,15 e recoñece este mesmo coeficiente para o colectivo das redeiras así como para os mergulladores profesionais.