En 2021, as vendas de produtos do mar co selo de calidade pescadeRías acadaron preto das 14.400 toneladas o cal supuxo un incremento do 30% con respecto a 2020. As lonxas con maior volume de recurso certificado foron Ribeira (2.400 Tn), Noia (1.700 Tn), Malpica (1.480 Tn), Corcubión (1.075 Tn) e Portonovo (970 Tn). Por especies comercializadas, a produción de vieiras e ostras foi comercializada na súa totalidade baixo o selo pescadeRías, mentres que outras moitas acadaron índices de arredor do 90% do total. É o caso do berberecho (máis de 1.500 Tn), da ameixa xaponesa (máis de 1.400 Tn) ou do polbo (944 Tn), que son as especies con maior volume de vendas rexistradas.
Galicia Market Place
O pasado 3 de maio celebrouse a VI edición de Galicia Market Place organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia, baixo o lema «Construír un futuro o para sector marítimo pesqueiro de Galicia. Como o facemos?». Durante o evento, tuveron lugar charlas-coloquio e mesas redondas, degustacións de produtos certificados, así como un espacio escaparate onde empresas do sector presentaron os seus produtos e un almorzo-coloquio coa conselleira do Mar, Rosa Quintana. Contouse coa participación das empresas certificadas HQ Seawwed (Capitán Alga), Susións e hijos S.L. (Pulpo de Ons) e Conservas Peperetes, e a Confraría de Pescadores de Redondela. Aquí podes ver unhas imaxes da xornada.
25º Edición do Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT – ABANCA
Do 3 ao 5 de xuño celebrarase en Silleda a 25º Edición do Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA, un dos principais foros e puntos de encontro do sector agroalimentario a nivel nacional. A Consellería do Mar contará, como todos os anos, cun stand institucional e unha sala de catas onde se poderán degustar produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.
A organización ofrece ás empresas do sector de produtos do mar de Galicia estar presentes cun stand de 6 metros cadrados. Nesta ligazón atoparás as condicións de participación e nesta ligazón o boletín de inscrición.
Novos minoristas adheridos
No emblemático edificio coñecido como «La Pescadería», obra do arquitecto Rodolfo Ucha, que data de principios do pasado século, integrado no Mercado da Magdalena de Ferrol, podemos atopar unha gran variedade de peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal. A meirande parte deles proceden da lonxa de Ferrol e da lonxa de Cedeira, ambas certificadas por la marca pescadeRías, ¿de onde se non?.
Nas súas instalacións teñen os seus postos Peixes e Mariscos Mari Carmen y León e Peixes e Mariscos Esme y David, adheridos o pasado mes ao selo de calidade. Con estas novas incorporacións son xa cinco os minoristas adheridos nesta praza de abastos.
Novos restaurantes adheridos
Na cidade de Vigo o restaurante La Candela ofrece na súa carta produtos procedentes da pesca artesanal nun ambiente ecléctico, con pequenos recunchos íntimos e agradables nos que sentirse como na casa. Tamén na cidade olívica, a carón da praia de Samil, en Marina Cíes Beach Club ofrecen tres tipos de cociña: tradicional, de autor e cociña xaponesa, así como servizo de comida para levar, todo elo elaborado con produtos frescos de mercado.
Pola súa banda na cidade de Ferrol, o restaurante D´tapas Café Bar ofrece no seu menú produtos frescos procedentes da pesca artesanal da lonxa desta localidade.
Certificacións
En abril a empresa distribuidora de peixes e mariscos Insuapesca, S.L. certificouse no selo pescadeRías co alcance de peixe, cefalópodos e crustáceos. Nas lonxas de Fisterra (bivalvos, cefalópodos, peixe, equinodermos, crustáceos e gasterópodos) e Aguiño (crustáceos, equinodermos e bivalvos) e nas empresas Mariscos Inés, S.L. (bivalvos, gasterópodos, crustáceos, cefalópodos, equinodermos e peixe), Cultivos Marinos de Vilanova, S.L. (bivalvos, equinodermos, gasterópodos e crustáceos) e Nagober, S.L. (cefalópodos e peixe) realizáronse auditorías de recertificación. A lonxa de Ferrol (bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixes e antozoos) e a depuradora Mariscos Ramáis, S.L. (bivalvos) tiveron auditorías de seguimento.
Accións formativas
Durante o mes de abril impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a todo o persoal da Confraría de Pescadores de Pontedeume, da Confraría de Pescadores de Aguiño e da Confraría de Pescadores de Baiona.
Ter formación actualizada nestas materias é requisito imprescindible para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.
Usuario do mes: Los Peperetes
A empresa Jelopa, S.L. é a propietaria da prestixiosa marca de conservas gourmet Los Peperetes, que elabora de xeito artesanal nas súas instalacións de Carril (Vilagarcía de Arousa – Pontevedra). Con máis de 30 anos de experiencia no sector, a selección e manufactura do marisco é a base fundamental do seu proceso para ofrecer á súa clientela un produto de máxima calidade coas mellores materias primas e tratadas co máximo respecto.
Especie do mes: ameixa rubia
O nome deste molusco bivalvo provén da súa tonalidade encarnada, que lle dá un aspecto diferente ao das outras ameixas. A maior parte das capturas realízanse dende pequenas embarcacións con raños, rastros ou ganchos. Tamén está permitida a súa extracción con endeño remolcado cunhas medidas reguladas. Se queres saber máis sobre esta especie e os seus valores nutricionais, preme aquí para ver unha ficha.
Aperturas e peches
O 2 de maio comezou a campaña da zamburiña na Ría de Ferrol. A explotación desta especie realízase baixo un plan de xestión conxunto presentado polas Confrarías de Ferrol, Mugardos e Barallobre, no cal están autorizadas 13 embarcacións que extraen esta especie con rastros de vieira/volandeira. O tope de capturas por tripulante e día é de 25 quilos. Por outra banda, en abril rematou a tempada para a captura de ourizo nas nosas costas.