Especie do mes: a cornicha

Recoñecible pola súa cuncha branca de forma oval tirando a triangular, a cornicha (Spisula solida) captúrase principalmente mediante marisqueo a flote co raño, e adoita aparecer asociada á ameixa babosa e á rubia. En determinadas zonas tamén pode recollerse a pé con ganchas.

O seu prezo nos mercados é máis económico que o doutras especies como a rubia, a babosa ou a xapónica, polo que é unha excelente opción para axustar o orzamento da cesta da compra.

Na cociña ofrece múltiples posibilidades: en fresco encaixa perfectamente cunha salsa mariñeira tradicional, en empanada ou guisada con patacas. Tamén resulta moi saborosa acompañando pastas ou fabas.

Podes ampliar aquí a información.

Especie do mes: ameixa babosa

A ameixa babosa (Venerupis corrugata) é un molusco bivalvo coa cuncha de cor gris ou crema, con manchas escuras irregulares. Presenta dous sifóns unidos na súa totalidade, característica a que nos permite diferenciala das outras ameixas.
Aliméntase de partículas orgánicas en suspensión e fitoplancto presentes na auga de mar.
É máis delicada que as outras ameixas; pequenas variacións de temperatura e de salinidade poden provocar a súa morte e, ademais, resiste menos tempo fóra da auga que a ameixa fina.

Podes atopar máis información sobre esta especie nesta ligazón.

Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos

A Confraría de Pescadores San Telmo de Mugardos celebrou o 1 de xullo a II edición da Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos. Esta iniciativa pretende amosar a calidade do produto que se extrae na ría.

A Lonxa de Mugardos está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de bivalvos e gasterópodos.