Cunchas de vieira para a construción de arrecifes artificiais sostibles

Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña vén de publicar un estudo pioneiro que conecta a alta gastronomía coa restauración dos ecosistemas mariños.

A investigación analiza a reutilización de cunchas de pectínidos procedentes de restaurantes con estrela Michelin como material sostible para a construción de arrecifes artificiais. O traballo, publicado na revista International Journal of Gastronomy and Food Science, demostra que estes refugallos poden substituír parte dos áridos tradicionais en ecoformigóns sen perder resistencia, contribuíndo á economía circular e á rexeneración costeira. Un exemplo de como ciencia, mar e gastronomía poden avanzar xuntas desde Galicia con proxección internacional.

Podes ampliar a información e ler o artigo completo aquí.

As algas, unha fonte de saúde

O artigo deste mes presenta a investigación de Ana Belén Crujeiras Martínez, líder do grupo Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

Este proxecto está centrado no estudo dos beneficios das algas dentro da dieta atlántica e no potencial das rías galegas como produtoras das mesmas. Pretende amosar ata que punto este produto pode converterse tamén nun aliado para o noso benestar.

O estudo permitirá contar con datos clínicos propios e abrirá as portas a novas recomendacións nutricionais ademais de posicionar a Galicia como referente internacional na investigación sobre algas e saúde.

Podes ler o artigo completo aquí.

Seguimento do Índice de Maduración Visual da ostra plana na Ría de Ferrol

O artigo do mes presenta o desenvolvemento dun Índice de Maduración Visual (IMV) para a ostra plana (Ostrea edulis). O traballo foi realizado por Carlos Brezmes Comesaña, biólogo da Delegación Territorial de Ferrol da Consellería do Mar, xunto con asistencias técnicas das confrarías da Ría de Ferrol.

O obxectivo é crear un método práctico e accesible para avaliar o estado de maduración sexual da especie. O IMV baséase na observación da cor e aspecto da gónada, de xeito que permite estandarizar o seguimento reprodutivo e facilitar unha xestión sostible da pesqueira. Podes ler o artigo aquí.

As algas galegas en cifras

Os investigadores Ángel M. Rodríguez e Emilio Abella, do Centro de Investigacións Mariñas (Cima), presentan un estudo pioneiro sobre a recollida e comercialización de algas en Galicia, elaborado no marco do proxecto ALGAPROX da REDEMAR. A investigación, desenvolvida entre 2020 e 2024, analiza datos procedentes de confrarías, lonxas, empresas transformadoras e organismos oficiais. A principal conclusión é clara: as algas son unha fonte de ingresos complementaria, que achega diversidade e estabilidade á pesca artesanal. Galicia destaca pola súa ampla variedade de especies comerciais, como o wakame, a ulva ou o codium, cunha estrutura produtiva sólida baseada nas confrarías e no tecido transformador.

Podes ler o artigo aquí.

Poden os sedimentos influír na produtividade dos bancos marisqueiros?

No artigo deste mes, Natalia Bienzobas, José Guitián e Ana M. Bernabeu, investigadores/as da Universidade de Vigo, analizan a influencia do tamaño de gran dos sedimentos na produtividade dos bancos marisqueiros da Ría de Arousa.

O obxectivo do estudo, realizado en colaboración con tres confrarías locais no marco do proxecto europeo TransformAr, é comprender como as características sedimentarias afectan ao desenvolvemento dos bivalvos. A investigación busca xerar datos a longo prazo que permitan anticipar cambios e garantir a sustentabilidade da actividade marisqueira galega.

Podes ler o artigo completo aquí.

Proxecto PERCEBES

Un equipo internacional, liderado pola Universidade de Oviedo, coa participación da catedrática Elsa Vázquez e do investigador Salvador Román, do CIM-UVigo, realizou un estudo de catro anos sobre a recuperación das poboacións de percebe (Pollicipes pollicipes) na costa suroeste de Europa. A investigación contou coa colaboración das confrarías de Baiona, Cangas e A Coruña.

Os resultados revelan o papel crucial dos percebes adultos que permanecen nas rochas, actuando como núcleos clave para o recrutamento desta especie.

Podes ler o artigo completo aquí.

Proxecto ESClimaTIC

Laura Vidal Bralo, doutora en Bioloxía e coordinadora de sustentabilidade da cooperativa Dalle que dalle, preséntanos os resultados do proxecto ESClimaTIC (acrónimo de Estratexia, Clima e Tecnoloxías da Información e Comunicación), na que participaron varias confrarías da ría de Arousa.

Un equipo técnico composto por persoas con diversos perfís das confrarías da Pobra do Caramiñal, da Pastoriza de Vilanova, de San Martiño do Grove e de San Antonio de Cambados adaptou ao contexto pesqueiro-marisqueiro local a Climate-Resilient Fisheries Planning Tool (CRF), unha metodoloxía desenvolvida pola SNAPP (Science for Nature and People Partnership). Esta ferramenta facilita a toma de decisións estratéxicas das PEMEs locais, promovendo a súa resiliencia climática e a sustentabilidade das actividades que desenvolven.

Podes ler o artigo completo aquí.

Explotación dos recursos marisqueiros das rías ante o cambio climático

No artigo deste mes, os investigadores Xosé Antón Álvarez-Salgado, Isabel Fuentes Santos e Silvia Piedracoba Varela analizan a evolución temporal das variables que inflúen na explotación dos recursos mariños das rías galegas: o réxime de ventos predominantes, a temperatura superficial da auga costeira, a salinidade, a variación do nivel medio do mar e a acidificación oceánica.

A través do estudo de modelos de proxección climática, o artigo explora posibles escenarios para responder á pregunta: Que nos depara o futuro?

Podes ler o artigo completo aquí.

Proxecto Hippo-DEC

O grupo de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo Hippo-DEC (IIM-Vigo CSIC) liderado por Miquel Planas  e Jorge Urcera está a avaliar a situación actual das poboacións salvaxes de cabaliños de mar no litoral español para identificar zonas de protección e propoñer medidas de conservación.

O rexistro dos avistamentos de exemplares, tanto vivos como mortos, é fundamental para levar a cabo este proxecto. O grupo de investigación Hippo-DEC solicita a colaboración dos profesionais do sector marítimo pesqueiro galego na comunicación dos avistamentos de cabaliño de mar que teñan oportunidade de realizar no seu día a día. Podes ler o artigo completo aquí.

O marisqueo a pé, un paradigma de sustentabilidade

Gumersindo Feijoo, catedrático de Enxeñería Química pola Universidade de Santiago de Compostela e coautor da marca de garantía de calidade «Pescaenverde», analiza neste artigo a pegada ambiental do marisqueo a pé. Ademais, o autor pon de relevancia a influencia que o quecemento global e o cambio nas condicións climáticas das rías galegas pode ter sobre esta actividade profesional.

Podes ler o artigo completo aquí.

A versión en castelán deste artigo foi publicada orixinalmente en The Conversation-España.