Ricardo Fernández únese á Tripulación pescadeRías

Ricardo Fernández únese á Tripulación pescadeRías, e falamos con el e co seu alumnado dos ciclos de formación profesional de cociña do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra. Ao longo da conversa, Ricardo aborda o seu labor como docente, a importancia de traballar con produtos da pesca artesanal galega e o papel das marcas de produto diferenciado na formación de futuros profesionais da hostalaría.

A entrevista complétase cunha visita á praza de abastos de Pontevedra e cunha práctica de elaboración dun pastel de peixe no Espazo Oroza. Ademais, o alumnado comparte a súa experiencia e aprendizaxes. Unha xornada na que conectamos ensino, mercado, pesca artesanal e cociña.

Podes ver a entrevista completa aquí.

Charla no Obradoiro de Hostalaría de Moaña

O pasado 30 de xullo tivo lugar unha nova acción formativa sobre a pesca artesanal galega no marco do Obradoiro Labora Hostalaría de Moaña. A charla «A marca da pesca artesanal de Galicia: pescadeRías de onde se non?» achegou ao alumnado das especialidades de cociña e sala os principios, valores e requisitos que definen a marca, así como a súa función como garantía de orixe, calidade e pesca responsable.

A actividade incluíu unha parte práctica de recoñecemento de especies comerciais e dos seus tamaños mínimos de comercialización, aspecto clave para unha cociña profesional comprometida coa sustentabilidade e co respecto ás normas vixentes.

Accións de divulgación no Obradoiro de Hostalaría do Salnés

O alumnado de cociña e sala do obradoiro de Hostalaría do Salnés XVI do Concello de Sanxenxo participou nunha xornada formativa centrada nos produtos da pesca artesanal, o pasado 18 de febreiro.

Visitamos a Praza de Abastos de Portonovo. Durante a visita, o alumnado tivo a oportunidade de identificar distintas especies de interese comercial, analizar as etiquetas dos produtos do mar para comprender mellor a súa información e descubrir a oferta específica da praza de abastos de Portonovo. Esta actividade permitiu aos futuros profesionais do sector da hostalaría coñecer de preto a variedade e calidade dos peixes e mariscos que se comercializan neste mercado, así como afondar nos criterios de sustentabilidade e trazabilidade que rexen a súa comercialización. 

A continuación, tivo lugar unha sesión formativa sobre a marca pescadeRías de onde se non?, onde nos achegamos ás tallas mínimas de peixes e mariscos, e á identificación de moluscos bivalvos, aspectos fundamentais para garantir a explotación e consumo responsable dos recursos mariños. 

Foi unha experiencia enriquecedora que permitiu conectar a teoría coa práctica e valorar o traballo das persoas que forman parte da cadea mar-industria.

Podes ver un vídeo resumo da xornada aquí.

Obradoiros de emprego

Neste momento estanse a impartir distintos obradoiros de emprego de hostalaría ao longo da nosa xeografía. As persoas que se están a formar terán distintas responsabilidades no futuro á hora de tomar decisións relacionadas coa compra, deseño de menús, información ao cliente ou tratamento culinario dos produtos do mar.

No mes de xuño acudimos aos Obradoiros de Emprego de Hostalaría Vigo Capacita IX, O Salnés XV e Porriño Cualifica II para dar a coñecer aos futuros profesionais de cociña e restauración os produtos da pesca artesanal galega e a marca pescadeRías de onde se non? Tamén se levaron a cabo actividades de diferenciación de moluscos bivalvos.

Formación no CSHG

O 30 de abril impartiuse unha charla informativa sobre a marca pescadeRías de onde se non? ao alumnado de 2º curso de Gastronomía do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, en colaboración coa empresa certificada Artesa Rías Baixas S.L.

As persoas participantes coñeceron os oficios do mar e os produtos certificados amparados pola marca, a importancia do etiquetado e a trazabilidade dos produtos do mar, así como conceptos relacionados coa seguridade alimentaria. Ademais, puideron visualizar o proceso de comercialización da vieira certificada por parte de Artesa Rías Baixas S.L.