A receita do mes: pastel de escacho

Ricardo Fernández, cociñeiro e profesor dos ciclos de formación profesional de cociña no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, propón unha receita de pastel de escacho sinxela, saborosa e moi agradecida na cociña do día a día. Con esta receita, Ricardo quere poñer o foco no coñecemento do produto e no aproveitamento responsable dos recursos mariños.

Trátase dunha elaboración versátil, que admite variacións segundo o peixe dispoñible e permite adaptarse facilmente ao que marca a tempada e a lonxa. O resultado é un prato equilibrado, de textura suave e sabor limpo, no que o produto do mar é o verdadeiro protagonista. Un bo peixe, unha salsa de tomate caseira e unha elaboración coidada fan deste pastel unha opción perfecta tanto para menús familiares como para restauración colectiva.

Podes ver aquí a receita completa.

Especie do mes: alfóndega

A alfóndega (Chelidonichthys lucerna) é un peixe de corpo cónico, escamas pequenas e cabeza grande e angulosa. O dorso presenta tons pardo-avermellados e destaca polas aletas pectorais cos radios inferiores libres, que lle permiten desprazarse polo fondo.

Habita en fondos de area, fango ou grava entre 20 e 300 m de profundidade e aliméntase de crustáceos e moluscos. Distribúese no Atlántico oriental, de Noruega a Senegal, e no Mediterráneo. É unha especie común nas lonxas galegas e moi apreciada pola firmeza e sabor da súa carne. A frota artesanal captúraa con trasmallos e palangre de fondo.

Amplía a información aquí.

A receita do mes

A receita do mes chega da man de Javier Rodríguez Ponte “Taky”, xefe de cociña do Catering Boketé. Proponnos un lombo de alfóndega á tixola con crema de apiorravo e vinagreta de encurtidos, unha elaboración saborosa e moi sinxela de adaptar á cociña da casa.

O prato foi presentado na cata “pescadeRías de onde se non?: o mellor da nosa pesca artesanal “ durante a última edición de San Sebastián Gastronómika, onde destacou pola textura e polo protagonismo do produto.

Podes consultar aquí o paso a paso desta receita e animarte a preparala na túa propia cociña.

A especie do mes: melgacho

A especie protagonista deste mes é o melgacho (Scyliorhinus canicula), pequeno tiburón presente nas lonxas e mercados onde se vende limpo e esfolado porque ten unha pel moi áspera ao tacto. Este peixe cartilaxinoso posúe unha cabeza aplanada dorsoventralmente, algo triangular, morro curto. Os ollos son grandes, ovalados, en posición lateral. A súa cor é marrón clara polo dorso, salpicado de numerosas manchiñas negras, que forman zonas máis escuras e o ventre branco.

Vive en fondos de substrato coralíxeno, rochas cubertas de algas, area ou lama, desde os 40 metros ata os 700 metros de profundidade. Péscase con artes de pesca de enmalle, palangre e arrastre. Podes ampliar a información aquí.

O Bono Peixe: descontos ata 50 euros en peixe e marisco fresco

Desde o pasado 28 de xullo está dispoñible o Bono Peixe, unha iniciativa da Xunta de Galicia deseñada para fomentar o consumo de peixe e marisco fresco entre a cidadanía. Trátase dun programa de dinamización comercial que ofrece un bono de ata 50 euros por persoa, destinado a persoas físicas maiores de idade e residentes en Galicia.

Os bonos descárganse en formato dixital a través da web www.bonopeixe.gal, e permiten un desconto do 25 % por compra, cun máximo de 5 euros semanais. O importe non consumido poderá acumularse ata un máximo de 25 euros, cun prazo de uso de dez semanas ou ata esgotar o crédito dispoñible.

Máis de 700 establecementos adheríronse xa á campaña, incluíndo tanto peixerías tradicionais como cadeas de supermercados. O prazo de adhesión permanecerá aberto durante toda a vixencia do programa, que finalizará en outubro. Poderán inscribirse todos aqueles comercios con actividade en Galicia, incluíndo autónomos e empresas, dados de alta nos epígrafes do IAE recollidos na convocatoria e inscritos no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA).

Máis información en bonopeixe.gal.

A receita do mes

O sanmartiño (Zeus faber) é un delicioso peixe que vale a pena probar se o atopamos na nosa peixería. Ten unha carne apreciada e saborosa que fai moitos amigos cando ocupa o seu lugar no prato. É un dos mellores peixes para facer ao sal, no forno e tamén para filetear, pola súa carne compacta. Tamén se pode facer en caldeirada.

Anxo Fernández, chef do Hostal La Viuda, en A Pobra de Trives, proponnos esta sinxela receita coa que podemos sorprender aos nosos convidados. 

Podes ver a receita completa aquí.