Especie do mes: Congro

O congro (Conger conger) é unha especie de peixe anguiliforme presente nas costas galegas, onde habita en fondos rochosos, agochado entre fendas e pedras. A súa captura realízase mediante técnicas artesanais como o palangre e a liña.

Aliméntase de cefalópodos e pequenos crustáceos, o que lle confire unha carne saborosa, especialmente apreciada na cociña tradicional. A parte dianteira emprégase en caldeiradas, guisos e empanadas, mentres que a traseira, máis espiñenta, é ideal como base para caldos.

Comercialízase en fresco e destaca polo seu alto valor nutricional: é baixo en graxas saturadas e rico en proteínas, vitaminas e minerais esenciais. Amplía a información aquí.

A entidade do mes: Mariscos Daporta

Mariscos Daporta S.L. é unha empresa familiar con longa traxectoria no sector, fundada en 1955 e constituída como sociedade no ano 1999. Está situada no porto de Tragove, en Cambados, e opera como depuradora de moluscos.

Desde 2015 conta coa certificación pescadeRías de onde senon? para o grupo biolóxico dos bivalvos. A empresa realiza compras nas principais lonxas galegas onde os bivalvos son o produto principal.

O compromiso coa pesca artesanal e a calidade dos seus procesos avalan a renovación da súa certificación a través de auditorías anuais, que recoñecen o seu esforzo pola sustentabilidade e pola proximidade ao consumidor.

X Reunión da Rede de Laboratorios Oficiais de Biotoxinas Mariñas

En marzo tivo lugar a X Reunión da Rede de Laboratorios Oficiais de Biotoxinas Mariñas no Intecmar, designado Laboratorio Nacional de Referencia en 2021. Covadonga Salgado, directora do Intecmar, destaca os avances no control da calidade das augas, cambios lexislativos e a cooperación entre centros de toda España.

O encontro reuniu sete das oito entidades da rede e reforzou o intercambio técnico e científico. Galicia, cunha ampla rede de puntos de mostraxe, lidera a resposta ante episodios tóxicos, emitindo anualmente máis de 600 informes e 400 resolucións para garantir a seguridade dos produtos do mar.

Podes ler o artigo completo aquí.

PERMEX

Están abertas as convocatorias de varios procesos selectivos para a obtención de permisos de explotación en distintas modalidades e confrarías:

Confraría de Pescadores de Cangas: acceso ao permiso de explotación na modalidade de marisqueo a pé.

Confraría de Pescadores da Illa de Arousa: incremento do número de cotas de captura das embarcacións incluídas nos plans de xestión de algas e solénidos.

Confraría de Pescadores de Espasante: incremento do número de cotas de captura das embarcacións incluídas nos plans de xestión de percebe.

Toda a información aquí.

A receita do mes: Pescada con allada en texturas

Este mes presentamos unha elaboración de pescada con allada en texturas. Trátase dunha creación do cociñeiro Marcos S. Area, propietario de É Restaurante de Marín, establecemento que está adherido á marca pescadeRías de onde se non?

Está receita é unha fantástica e deliciosa interpretación da receita tradicional da caldeirada de pescada.

Anímate a preparala!

Podes ver a receita completa aquí.