Como distinguir a vieira galega da vieira foránea no mercado

Non toda a vieira fresca é galega: así podes recoñecer a que procede das nosas rías

A vieira é un dos produtos do mar máis apreciados da gastronomía galega. Porén, non toda a vieira fresca que atopamos nos mercados ou nas peixerías é galega, nin se comercializa do mesmo xeito. Ter información é imprescindible para saber diferenciala, que non nos confundan e pagar polo que realmente estamos a comprar, e, o que é máis importante, con todas as garantías de seguridade alimentaria.

En Galicia, a extracción de vieira está regulada pola Orde do 15 de xaneiro de 2012 da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administracións Públicas, baixo autorización da Consellería do Mar. Esta normativa existe debido á presenza da toxina amnésica ASP (Amnesic Shellfish Poisoning), asociada ao ácido domoico producido por determinadas microalgas do xénero Pseudo-nitzschia.

A diferenza doutros moluscos bivalvos, a vieira presenta un proceso de intoxicación moi rápido e unha eliminación extremadamente lenta desta toxina. Por este motivo, en Galicia só se permite a extracción de vieira destinada exclusivamente á súa evisceración en plantas autorizadas. Durante este proceso elimínanse as partes nas que se concentra a toxina, garantindo que o músculo e as gónadas sexan totalmente seguros para o consumo.

Actualmente existen dúas plantas autorizadas e certificadas por pescadeRías de onde se non? para realizar este proceso en Galicia: Porto de Cambados, participada pola Confraría de Pescadores de Cambados, e Artesa Rías Baixas S.L., situada en Barro. Nelas procédese á evisceración e ao procesado da vieira capturada nas rías galegas autorizadas, como as de Vigo, Pontevedra, Arousa ou Ferrol. Para isto, os niveis de ácido domoico na vieira, analizados polo INTECMAR periodicamente, deben ser inferiores ao límite legal, o que permitiría autorizar a extracción.

Entón, como podemos identificar a auténtica vieira galega?

A clave está na etiquetaxe. A vieira galega fresca comercialízase sempre eviscerada, envasada individualmente e perfectamente etiquetada e identificada, con todas as garantías de trazabilidade e seguridade alimentaria.

Pola contra, se atopamos nunha peixería vieiras frescas a granel, sen eviscerar, sen etiquetar individualmente ou sen información clara sobre a súa procedencia, esas vieiras non son galegas. Trátase de produto foráneo importado doutros países.

A vieira galega tamén pode atoparse durante todo o ano en formato conxelado e desconxelado, xa procesada e eviscerada, e debidamente etiquetada, mantendo intactas todas as garantías de calidade e seguridade.

Escoller produto do mar galego é apostar pola trazabilidade, a seguridade alimentaria e polo traballo das confrarías e profesionais do noso litoral.

Parasitos no peixe: como consumir peixe con seguridade

Coñecer os riscos e aplicar boas prácticas de conservación e manipulación son claves para desfrutar do peixe con todas as garantías.

Cando falamos de peixe fresco e de calidade, tamén é importante falar de seguridade alimentaria. Entre os parasitos que poden aparecer nalgunhas especies mariñas, o máis coñecido é o anisakis, un verme presente de maneira natural no medio mariño e que pode atoparse en diferentes peixes e cefalópodos. Pero a súa presenza non debe alarmarnos: existen controis, tratamentos e boas prácticas que permiten consumir peixe con total seguridade.

O anisakis é un nematodo, é dicir, un verme de corpo alongado e abrancuxado, que adoita localizarse nas vísceras dos peixes e, en ocasións, tamén na musculatura. As especies máis afectadas poden ser a pescada, a xarda, o xurelo, a sardiña, o bacallao ou a lura, entre outras.

Nas persoas, a inxestión accidental de larvas vivas pode provocar anisakidose, unha enfermidade que causa dor abdominal, náuseas ou vómitos. Ademais, algunhas persoas poden desenvolver reaccións alérxicas. Por iso, toda a cadea do sector pesqueiro aplica medidas de prevención e control, desde a captura ata a venda.

A correcta evisceración do peixe é unha das medidas máis importantes. Canto antes se retiren as vísceras despois da captura, menor será a probabilidade de que as larvas migren cara ao músculo. Tamén son fundamentais a conservación en frío, a inspección visual e os controis sanitarios obrigatorios antes da comercialización. A normativa europea prohibe expresamente a venda de peixe claramente parasitado e establece controis ao longo de toda a cadea alimentaria.

No fogar, tamén podemos seguir unhas recomendacións sinxelas para consumir peixe con tranquilidade. O tratamento térmico adecuado elimina o risco. No caso de preparacións en cru ou semicru, como sushi, ceviche, peixe mariñado ou afumados en frío, recoméndase conxelar previamente o produto a -20 ºC durante unha semana en conxeladores domésticos de catro estrelas, ou compralo xa conxelado.

Cómpre lembrar que os produtos procesados, como os afumados en quente, as salgaduras ou os produtos pasteurizados, son seguros.

Para saber máis sobre o anisakis, compartimos esta infografía divulgativa, na que se explica que é, como se controla e que recomendacións debemos seguir para garantir un consumo seguro e responsable.

Formación na Confraría de Portonovo

O pasado 27 de abril, o equipo de xestión da marca pescadeRías de onde se non? impartiu unha xornada formativa sobre manipulación e hixiene alimentaria na Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo.

Esta acción permitiu actualizar coñecementos en aspectos clave como a hixiene, a seguridade alimentaria, a trazabilidade e as boas prácticas na manipulación dos produtos do mar. A formación está orientada a reforzar a calidade e as garantías no traballo diario coa pesca artesanal galega.

A iniciativa enmárcase no compromiso da marca coa formación continua do sector, co fin de contribuír á profesionalización e á mellora dos estándares en toda a cadea de valor.

Envimar obtén a certificación ISO 22000:2018

Grupo Envimar NW S.L., empresa distribuidora situada na lonxa de Ribeira e certificada pola marca pescadeRías de onde se non?, vén de obter a certificación, o que reforza o seu compromiso coa seguridade alimentaria no sector pesqueiro.

Esta norma internacional garante un control rigoroso da inocuidade e da trazabilidade ao longo de toda a cadea, desde a recepción ata a entrega de produto fresco e conxelado. O sistema integra os principios APPCC e aposta pola mellora continua dos procesos.

Con este recoñecemento, Envimar consolídase como unha empresa aliñada cos máis altos estándares internacionais, ofrecendo unha garantía adicional de calidade e confianza para clientes e distribuidores.

Nova pílula formativa sobre anisakis

A marca pescadeRías de onde se non? vén de lanzar a primeira dunha serie de pílulas formativas dirixidas ao persoal das entidades usuarias, co obxectivo de reforzar os coñecementos en ámbitos clave como a seguridade alimentaria, a trazabilidade, a manipulación e hixiene, os envases, a xestión de residuos e a lexislación vixente.

Esta nova liña de materiais divulgativos preséntase en formato visual e accesible, facilitando a súa aplicación práctica no traballo diario ao longo de toda a cadea de valor.

A primeira pílula, en formato infografía, está centrada no anisakis. Inclúe información sobre que é, as patoloxías asociadas, a súa presenza nos peixes, o ciclo de vida e as principais medidas de control, tanto a bordo como en terra e nos puntos de venda, así como métodos de inactivación e recomendacións para as persoas consumidoras.

Podes acceder á infografía aquí.

Charla no Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira

O equipo de xestión da marca impartiu unha charla formativa no marco do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira. A sesión, celebrada na Aula de Cociña da Praza de Abastos, estivo dirixida ao alumnado do curso de operacións básicas de cociña do SEPE.

A formación tivo un carácter práctico e abordou cuestións como o etiquetado e a trazabilidade dos produtos do mar, a seguridade alimentaria, os tamaños mínimos das especies e a diferenciación de moluscos bivalvos de interese comercial. Tamén incluíu a presentación de ferramentas dixitais de consulta que permiten acceder a información actualizada sobre especies, e a ecoetiqueta pescaenverde.

Formación a entidades certificadas

En decembro impartiuse na lonxa de Baiona o curso de Hixiene alimentaria e manipulación de alimentos dirixido ao seu persoal. Esta acción formativa enmárcase no compromiso coa calidade e coa correcta xestión dos produtos do mar certificados baixo o selo pescadeRías de onde se non?

 A actualización continua en materia de trazabilidade, hixiene e seguridade alimentaria resulta un requisito clave para garantir a confianza do consumidor e o cumprimento da normativa vixente. A formación permitiu reforzar coñecementos prácticos sobre boas prácticas, control sanitario e manexo adecuado do produto na primeira venda. O equipo técnico da marca imparte este tipo de cursos ás entidades certificadas como parte do seu labor de acompañamento, mellora continua e posta en valor da pesca artesanal galega.

Actividades formativas

En novembro desenvolvéronse diversas accións formativas dirixidas a entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?, co obxectivo de reforzar a seguridade alimentaria e a trazabilidade dos produtos certificados.

En Da Lonxa ao Prato S.L. impartíuse formación en hixiene e manipulación de alimentos tanto ao persoal de planta como ao persoal de oficina.

En Mariscos Calimar S.L. realizouse unha sesión de hixiene e manipulación dirixida ao persoal de planta e outra centrada nos sistemas APPCC, destinada ao equipo de administración.

Estas actividades contribúen a garantir procesos seguros e unha xestión rigorosa dos produtos da pesca artesanal.

Certificacións

Durante o mes de xullo realizáronse auditorías de seguimento a catro axentes certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arosa, con sede en Abanqueiro e certificada desde 2017 para bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos.

Porto-Muiños S.L., transformadora especializada en algas ecolóxicas, certificada desde 2012.

Descaexport S.L., distribuidora de polbo con sede en Burela e certificación para cefalópodos desde 2017.

Lonxa de Baixura do Porto Pesqueiro de Vigo, certificada desde 2009 para peixe, cefalópodos e crustáceos.

Visitamos o Obradoiro de Emprego Vigo Capacita X

O pasado 20 de xuño impartiuse unha acción formativa ao alumnado do Obradoiro de Emprego Vigo Capacita X, das especialidades de Operacións Básicas de Restaurante e Cociña. O obxectivo foi achegar a marca pescadeRías de onde se non? aos futuros profesionais da hostalaría, dando a coñecer os seus valores, requisitos e a importancia da trazabilidade nos produtos do mar.

A sesión abordou os criterios da marca e a súa relevancia na pesca artesanal e no consumo responsable. Na parte práctica, realizouse un obradoiro de identificación de moluscos bivalvos que incluíu seguimento da trazabilidade dos produtos da pesca artesanal a través do código QR das etiquetas.