Fish International Bremen

Nove empresas e entidades do sector mar-industria participarán na feira Fish International Bremen acompañadas pola Consellería do Mar, nunha acción pensada para reforzar a presenza das empresas comercializadoras galegas no mercado internacional.

A cita, que se celebrará do 22 ao 24 de febreiro, está considerada unha das máis relevantes do norte de Europa para o sector pesqueiro e transformador. Neses tres días, as empresas galegas disporán dun espazo desde o que amosar a calidade, a diversidade e a trazabilidade dos produtos da pesca e da acuicultura. A participación conxunta facilitará o contacto con compradores e profesionais do sector, permitirá coñecer as tendencias do mercado e contribuirá a consolidar a proxección exterior do sector galego e a apertura de novos canais de comercialización.

Feiras profesionais | Prazos para participar como empresa coexpositora

O vindeiro 12 de febreiro abrirase o prazo para que as empresas de comercialización de produtos do mar poidan solicitar a súa participación como coexpositoras nas feiras profesionais ás que acudirá a Consellería do Mar durante o segundo semestre do ano. Trátase dunha convocatoria dirixida a facilitar a presenza do sector galego en eventos de referencia, tanto a nivel nacional como internacional, nos que dar a coñecer a calidade, diversidade e trazabilidade dos peixes e mariscos de Galicia.

A participación nestas feiras supón unha oportunidade para reforzar a visibilidade dos produtos do mar galegos, establecer contacto directo con compradores, distribuidores e profesionais do sector, así como explorar novas oportunidades comerciais e coñecer as tendencias do mercado. A presenza conxunta baixo o paraugas institucional da Consellería do Mar permite, ademais, optimizar recursos e proxectar unha imaxe común do sector.

As empresas interesadas poderán consultar a relación de feiras previstas e tramitar a súa solicitude a través de Feimar, a plataforma habilitada para a xestión das inscricións. Desde esta ferramenta centralízase toda a información relativa aos eventos, requisitos de participación e prazos.

Estivemos en Xantar e Etiqueta Negra

Os produtos da pesca artesanal galega tiveron unha presenza destacada nas feiras Xantar e Etiqueta Negra, dúas citas gastronómicas de referencia na nosa comunidade. O público puido coñecer de primeira man a calidade e o valor do peixe e marisco de proximidade a través de degustacións, showcookings e actividades divulgativas.

Entre as intervencións máis salientables de Etiqueta Negra, Héctor López, do Restaurante España de Lugo, presentou creacións elaboradas con robaliza e berberechos certificados, poñendo en valor a versatilidade destes produtos. A participación en ambas feiras reforzou a difusión da pesca artesanal como recurso sostible e de alta calidade.

Podes ver un vídeo resumo cos mellores momentos aquí.

Participación en próximas feiras internacionais

O calendario internacional de feiras de produtos da pesca e da alimentación contará coa presenza dos produtos da pesca artesanal galega en dous escenarios de referencia mundial: Singapur e Miami.

Do 10 ao 12 de setembro celebraranse de xeito simultáneo a Seafood Expo Asia, na que participarán sete empresas galegas, e a Americas Food & Beverage Show & Conference, con dez compañías representadas dentro do stand institucional da Consellería do Mar. Nesta última destacan Conservas La Brújula S.L. e Costas y Miñán S.L., que presentarán as súas conservas elaboradas con peixes e mariscos certificados pola marca de calidade pescadeRías de onde se non?

Salón Gourmets 2025

A marca pescadeRías de onde se non? estivo presente na 38ª edición do Salón Gourmets, coa celebración do Día da Cociña Atlántica e das catas organizadas no stand institucional da Consellería do Mar. No día da Cociña Atlántica, Javier Olleros e Lucía Freitas cociñaron produtos certificados da pesca artesanal galega ante un público especializado.

Participaron como coexpositores as seguintes entidades certificadas: Fish Factory, S.L, Porto-Muiños, S.L., Mares de Galicia S.A., Conservas Portomar SLU., Conservas La Brújula, S.L., Artesa Rías Baixas S.L., O Percebeiro S.L., Conservera Gallega S.A. e Costas y Miñán S.L.

Podes ver un vídeo resumo aquí.

Tres novas citas internacionais para a promoción dos produtos da pesca artesanal galega

O mes de maio será clave para a proxección internacional dos produtos do mar galegos, con presenza destacada en tres importantes eventos: Seafood Expo Global (Barcelona), Tutto Food (Milán) e PLMA (Ámsterdam). A Consellería do Mar contará con stands institucionais nas tres citas, que servirán de plataforma de apoio ás empresas do sector mar-industria.

Á Seafood Expo Global de Barcelona, do 6 ao 8 de maio, acudirán 38 empresas coexpositoras. Entre elas, destacan seis entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: Frigoríficos de Camariñas S.L., Mariscos Daporta S.L., Mares de Galicia S.A., O Percebeiro S.L., Conservas La Brújula S.L. e Porto-Muiños S.L. Trátase dun dos encontros máis relevantes a nivel mundial da industria de produtos da pesca e a acuicultura, e espérase a asistencia de máis de 35.000 profesionais.

En Tutto Food (Milán), do 5 ao 8 de maio, feira de referencia para a industria alimentaria europea, estarán presentes 12 empresas galegas, incluída Costas y Miñán S.L., certificada pola marca pescadeRías de onde se non? Tutto Food é unha feira internacional especializada en alimentos e bebidas dirixida a profesionais.

A terceira cita será a PLMA’s World of Private Label en Ámsterdam, os días 20 e 21 de maio. A Consellería do Mar participará  xunto con 12 empresas, entre as que se atopan dúas entidades certificadas: Costas y Miñán S.L. e Conservas Portomar SLU. Esta asistencia forma parte dunha colaboración coa Federación Española de Industrias de Alimentación y Bebidas.

Ademais, a Consellería do Mar tamén terá presenza noutras dúas citas de referencia para o sector: Expomar (Burela, 7-10 de maio) e Aquafuture Spain (Vigo, 20-21 de maio), consolidando así o seu apoio á proxección da pesca artesanal galega.

Asistencia a feiras

A marca pescadeRías de onde se non? participou no Salón da Alimentación SIAL París 2024, cos coexpositores certificados Conservas La Brújula S.L., Fish Factory S. L. e Porto-Muiños.

Do 24 ao 27 de outubro estivemos no Salón Internacional de Turismo Gastronómico XANTAR, en Ourense. Acudiu tamén a Confraría de Pescadores de Ferrol, entidade certificada.

Do 4 ao 6 de novembro participamos no Forum Gastronómico de Barcelona, en colaboración con Galicia Calidade e coa presenza das empresas certificadas pola marca O Percebeiro S.L. e Artesa Rías Baixas S.L. Tamén tivo stand no Forum a Confraría de Pescadores de Barallobre.

Podes ver un vídeo aquí.