Entidade do mes: Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño

A Confraría de Pescadores de Carreira – Aguiño, fundada no ano 1924, é unha das entidades históricas do sector pesqueiro galego e un referente na posta en valor dos produtos do mar.

Certificada pola marca pescadeRías de onde se non? desde 2008, a súa certificación abrangue crustáceos, bivalvos e equinodermos. No ano 2025, o principal recurso comercializado por volume foi o ourizo, con 60 toneladas capturadas, seguido da navalla, o percebe e a ameixa babosa. Por importe de vendas, o percebe destacou como o recurso máis relevante, cunha facturación próxima aos 950.000 euros, que representou o 34% da recadación total.

Cada mes de xullo, a confraría organiza a tradicional Festa do Percebe de Aguiño, unha cita clave para achegar este produto de alta calidade ao público.

A entidade do mes: Confraría de Cangas

A Confraría de Pescadores San José de Cangas iniciou a súa certificación na marca pescadeRías de onde se non? no ano 2012. Na actualidade, o seu alcance inclúe bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixe, algas e antozoos.

A súa actividade abrangue a primeira venda en lonxa, a expedición de produtos procedentes de zonas A, a distribución de produto fresco e transformado, así como a venda a consumidor final. Colabora con depuradoras e empresas tamén certificadas para garantir a calidade ao longo de toda a cadea.

En 2023, a confraría lanzou ao mercado a liña gourmet NavalladasCíes, unha conserva artesanal en aceite de oliva con navallas de alta calidade, capturadas polos mergulladores/as da confraría.

Entidade do mes: Confraría de Fisterra

A Confraría de Pescadores de Fisterra é unha das máis antigas de España, con 101 anos desde a súa fundación e 106 persoas socias na actualidade. A súa flota está composta por embarcacións de baixura que se dedican á pesca con artes menores e palangre de fondo. Perto de 50 persoas socias dedícanse á extracción de recursos específicos a mergullo.

Os grupos biolóxicos principais capturados pola súa flota de baixura son peixes (65% en volume total e 54% do valor de facturación no ano 2023) e cefalópodos (15% en volumen e 19% en valor económico). Contan coa certificación pescadeRías de onde se non? para peixes, bivalvos, crustáceos, cefalópodos, equinodermos e algas.

Formación a entidades certificadas

A formación de todo o persoal implicado na cadea mar-industria é fundamental para que a trazabilidade dos produtos do mar sexa efectiva. O equipo de xestión da marca imparte formación aos distintos axentes certificados para que poidan aplicar estes coñecementos no seu día a día.

No mes de abril impartiuse formación sobre a marca ao persoal da Confraría de Pescadores San José de Cangas e da Confraría de Pescadores Nuestra Señora de las Arenas de Fisterra.

Entidade do mes: Confraría de Pescadores de Malpica

A actividade das persoas socias da confraría de pescadores de Malpica de Bergantiños está centrada na pesca artesanal: a pesca do cerco e a pesca con artes menores (enmalle, anzol e nasas) son as súas principais modalidades.

No ano 2023, as principais especies descargadas por volume foron a sardiña, a pescada, a saboga e a xarda. En volume de ingresos destacan, nesta orde, o polbo, a robaliza, o xurelo e o linguado.

Está certificada pola marca pescadeRías de onde se non? para a comercialización cefalópodos, crustáceos e peixe.

Certificacións

A Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda vén de renovar a súa certificación na marca pescadeRías de onde se non? para os grupos biolóxicos cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes.

Así mesmo, a empresa distribuidora Grupo Envimar NW, S.L., situada na Lonxa de Ribeira, tamén renova a súa certificación para peixes, cefalópodos, crustáceos e equinodermos.

Estas renovacións supoñen que estes usuarios da marca terán en vixencia a certificación por un período doutros cinco anos.

A entidade do mes: Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda

A Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda encárgase da primeira venda e distribución dos produtos do mar extraídos polos seus asociados. A venda dos productos do mar pode realizarse, ben mediante poxa na propia lonxa ou ben mediante venta directa do armador a compradores autorizados, como intermediarios ou comerciantes polo miúdo. Neste último caso os produtos deben pasar por lonxa para o seu control, rexistro e emisión da documentación necesaria.

Esta confraría está certificada pola marca pescadeRías de onde se non? dende o ano 2013 para os grupos biolóxicos peixes, cefalópodos, crustáceos e equinodermos.

Entidade do mes: Confraría de Mugardos

As persoas socias da Confraría de Pescadores «San Telmo» de Mugardos dedícanse ao marisqueo a pé e á pesca de baixura. A entidade está certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? dende o ano 2008 co alcance de bivalvos e gasterópodos.

A Confraría de Mugardos encárgase da primeira venda e distribución dos produtos do mar mediante poxa en lonxa ou ben directamente a empresas intermediarias, tanto almacenistas como comerciantes polo miúdo, mediante acordos de venda.