A receita do mes

A protagonista da nosa receita de agosto é a xouba (Sardina pilchardus) un dos peixes azuis máis empregados na nosa cociña tradicional. Agora é un bo momento para mercala no teu punto de venda de confianza e consumila coas súas propiedades nutricionais nos seus máximos niveis.

Alberto Carou, xefe de cociña do Restaurante Curral do Marqués de Rianxo, achéganos esta orixinal receita de xouba. Este petisco foi unha das elaboracións que cociñou no showcooking da última edición da Festa da Xouba de Rianxo. Elegante, fresca e moi acaída para estas datas nas que a xouba está en comida.

Podes ver a receita completa aquí.

A receita do mes

Este mes comeza a campaña do polbo (Octopus vulgaris) e propoñemos unha receita na que é o ingrediente protagonista. Trátase dunha proposta de Paula Martínez e Lolo Mosteiro, chefs do restaurante A Artesa da Moza Crecha de Betanzos, que podemos replicar na nosa casa para sorprender a familia e amizades.

Non vos deixedes amedrentar, é moito máis sinxela do que podería parecer a primeira vista. Só tedes que seguir os pasos da receita para obter un delicioso prato, moi fresco e acaído para esta época, que ademáis ten a vantaxe de elaborarse con anticipación.

Preme aquí para ver a receita completa.

A receita do mes

O restaurante Liresca de Cee proponnos cociñar un dos peixes que está en tempada neste mes de xuño: o pinto (Labrus bergylta).

A súa caldeirada de pinto con parmentier de pataca de Coristanco e fabas do marisco (alubia verdina da Costa da Morte) xunta no mesmo prato os nosos sabores do mar e da terra, produto local, temporalidade e sustentabilidade.

Podes ver a receita completa aquí.

Vieira certificada en arte TV

A canle francoalemana Arte TV dedicou unha reportaxe á vieira galega, á que denominou “O ouro do mar”

José Antonio Domínguez, do blog Rutas y restaurantes, foi o anfitrión do programa en A Coruña, e deleitou á audiencia da canle cunha receita de vieiras ao albariño. Explicou paso a paso o procedemento, con consellos para tratar o produto de xeito que se poida apreciar ao máximo o seu sabor e textura. A receita foi elaborada con produto certificado de Porto de Cambados, S.L., adquiridas en Pescados y Mariscos Rabina.

Podes ver a reportaxe aquí.

A receita do mes

A receita do mes chéganos da man de Fernando “Caco” Agrasar e Gonzalo Blanco do Restaurante Salitre de A Coruña. Trátase dunha elaboración de xarda con emulsión do seu escabeche, e foi presentada na última edición do Fórum Gastronómico con grande éxito de crítica.

A xarda, tamén chamada rincha, é un peixe azul que nestes meses está en comida. A receita que vos propoñemos é sinxela de preparar e moi fresca e saborosa en boca, de xeito que resalta o sabor do peixe.

Para ver a receita completa, preme aquí.

A receita do mes

O sanmartiño (Zeus faber) é un delicioso peixe que vale a pena probar se o atopamos na nosa peixería. Ten unha carne apreciada e saborosa que fai moitos amigos cando ocupa o seu lugar no prato. É un dos mellores peixes para facer ao sal, no forno e tamén para filetear, pola súa carne compacta. Tamén se pode facer en caldeirada.

Anxo Fernández, chef do Hostal La Viuda, en A Pobra de Trives, proponnos esta sinxela receita coa que podemos sorprender aos nosos convidados. 

Podes ver a receita completa aquí.

A receita do mes

Este mes propoñemos unha receita elaborada por José Rodolfo Hernández, cociñeiro do Espazo Gastronómico DeLito, de Santiago de Compostela: vieiras con aires de mar. Este molusco bivalvo é fonte de minerais como o selenio, calcio, iodo, fósforo, ferro ou potasio e de proteínas de alto valor biolóxico. Ademais destaca o aporte de ácidos graxos omega 3 e de vitamina B12 .

A extracción de vieira galega está nestes momentos permitida na Confraría de Pescadores de Barallobre, polo que se pode atopar no mercado eviscerada fresca, conxelada ou refrixerada. Consume por canles legais: colaboras na sustentabilidade social e económica do sector pesqueiro e coidas da túa saúde.

Preme aquí para ver a receita completa.

A receita do mes

Este mes propoñemos unha receita elaborada por Sergio Roma, do Restaurante O Souto de Pontevedra, que foi presentada no FICBUEU: Nigiri, croqueta de kimchi, cheddar e robaliza lañada. Esta curiosa combinación é fantástica para degustar como aperitivo.

A robaliza (Dicentrarchus labrax) é un peixe semigraxo que está no seu mellor momento de consumo durante o outono e inverno. Ademais de ser fonte de proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos omega3, destaca o seu contido en fósforo e selenio e en vitaminas do grupo B.

Podes acceder á receita aquí.

A receita do mes

Este mes traemos unha receita moi acaída para os días de calor, por cortesía de Emma Pinal, chef do Gastrobar O Birrán: Sargo lañado con ensalada de repolo e laranxa. Trátase dunha combinación de peixe e vexetais, na que o protagonista é o sargo, un peixe semigraxo que nesta época se atopa en comida.

Con poucos ingredientes e unha elaboración sinxela, este prato é ideal para sorprender á familia e amigos cun prato de tempada do máis fresco e orixinal.

Podes acceder á receita aquí.