Actualizamos a app pescadeRías, ¿de onde se non?

Coñece a nosa APP pescadeRías, ¿de onde se non? para móbiles.  Esta aplicación oficial da Consellería do Mar é gratuíta e serache de grande utilidade para atopar información sobre a marca e os produtos da pesca artesanal certificados, consultar onde podes adquirilos, coñecer as entidades certificadas e os restaurantes, peixerías e tendas online adheridas, visualizar as receitas e estar ao día das novas relacionadas coa marca.

Ademais, incorpora un sistema de xeorreferenciación que permite localizar nun mapa os diferentes axentes usuarios e adheridos da marca. A aplicación está dispoñible en galego e en castelán para dispositivos móbiles co sistema Android e IOS.

Anímate a descargala e aposta pola nosa pesca artesanal!

Certificacións

No mes de xuño renovaron a certificación a Confraría de Pescadores de Cedeira (Bivalvos, Crustáceos, Peixes e Cefalópodos) e a Lonxa de Ribeira (Bivalvos, Peixes, Cefalópodos, Crustáceos, Equinodermos e Gasterópodos).

Ademais, a depuradora Aurelio Silva Abalo S.L. tamén renovou a súa certificación para moluscos Bivalvos.

Dúas novas empresas, ubicadas no Porto de Muros, realizaron a auditoría inicial de certificación na marca: Pescados y Mariscos Areamaior S.L., para crustáceos e bivalvos, e Pesca artesanal Fresco y del Mar S.L. para peixe, bivalvos, cefalópodos e crustáceos.

Veda da centola

A veda da centola comezou o 24 de xuño nas provincias de Pontevedra e A Coruña e prolongarase ata o vindeiro 5 de novembro, incluído. Na provincia de Lugo a veda comezou o 3 de xullo e prolongarase ata o 27 de novembro.

Así o establece a resolución pola que se aproba o Plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2023-2024, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Polbo, nécora e lumbrigante

O 3 de xullo comezou en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2024. Ver a resolución aquí.

Na mesma data rematou a veda do lumbrigante e a nécora. A extracción do lumbrigante prolongarase ata o 31 de decembro (ver orde reguladora aquí) deste ano e a da nécora ata o 5 de xaneiro de 2024 (ver orde reguladora aquí).

Plan de xestión coa arte de Boliche

Publicada a Resolución do 20 de xuño de 2023 pola que se autoriza o Plan de xestión coa arte de boliche entre os meses de xullo e outubro de 2023.

A especie obxecto de captura con esta arte de pesca é a lura e especies acompañantes, que deberán estar en época de extracción e superar o tamaño mínimo.

Convocatoria de PERMEX

Publicada a Resolución da Xefatura Territorial da Consellería do Mar na Coruña, pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación, modalidade de marisqueo xeral a pé, para o exercicio da actividade extractiva no ámbito da confraría de pescadores de Noia.

O prazo de presentación e de 15 días hábiles desde o 28 de xuño de 2023.

Detección de mareas vermellas

Este mes recollemos un artigo publicado orixinariamente na revista GCiencia  no que se presenta unha nova metodoloxía con fotografías de Sentinel-2 para controlar as proliferacións de algas potencialmente nocivas, desenvolvida por investigadoras do CSIC.

Para saber máis, preme aquí.

Imaxe: Andrés Simón Gómez

A receita do mes

A sardiña (Sardina pilchardus) é un peixe azul de pequeno tamaño, alongado e esvelto, de cor azul verdoso e ventre prateado. Aporta proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos Omega3, entre outras propiedades nutricionais.

Na pasada edición do Salón Salimat, Emma Pinal de Gastrobar O Birrán de Ribadavia en Ourense elaborou a preparación Sardiñas marinadas, queixo Cebreiro e mazá. Podes acceder á receita aquí.