Axudas remuda xeracional na pesca

A Consellería do Mar publicou a convocatoria de axudas para fomentar a remuda xeracional no sector pesqueiro, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). O obxectivo é facilitar o embarque do alumnado de ciclos formativos náutico-pesqueiros, de xeito que se lles ofrece a oportunidade de realizar prácticas a bordo que melloren as súas capacidades profesionais e impulsen a súa incorporación ao sector.

Así mesmo, a liña de axudas pretende busca apoiar ás persoas armadoras, coa compensación de parte dos gastos derivados da acollida destes estudantes.

Máis información aquí.

Especie do mes: Longueirón vello

Este mes a especie protagonista é o longueirón vello (Solen marginatus). Trátase dun molusco bivalvo de cuncha alongada e brillante que destaca pola súa calidade e valor gastronómico. Presente nos fondos areosos e lamacentos das rías, captúrase principalmente a mergullo, e tamén a pé nas baixamares vivas. A técnica de extracción, individuo a individuo, é selectiva e sostible.

Cun baixo contido en graxa e rico en proteínas, vitaminas e minerais, o longueirón é unha excelente opción para unha dieta equilibrada. Na cociña, resulta versátil e saboroso, e admite múltiples elaboracións tradicionais.

Amplía aquí a información.

A entidade do mes: Confraría de Pescadores de Sada

A Confraría de Pescadores de Sada forma parte da marca de calidade pescadeRías de onde se non? desde o ano 2008. A súa actividade principal céntrase na comercialización de peixe azul procedente da flota do cerco, coa sardiña como principal recurso.

A certificación abrangue a lonxa, como punto de primeira venda, e a actividade de distribución, e inclúe os grupos biolóxicos de peixes, crustáceos e cefalópodos.

A confraría dispón dun punto de venda directa ao consumidor na lonxa de Sada e tamén dunha tenda online que realiza envíos á Península Ibérica.

Relación talla-peso do ameixón nun banco de libre marisqueo da Ría de Arousa

O artigo deste mes está asinado por Carlos Mariño, asistencia técnica da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados, e por Jesús A. Fernández Barreiro, biólogo da Xefatura Comarcal da Consellería do Mar en Carril.

Os autores presentan un estudo centrado na relación talla-peso do ameixón (Callista chione), un recurso que gaña presenza e valor tanto nas lonxas como nas mesas galegas. A análise deste parámetro permite coñecer o estado dos bancos marisqueiros e garantir unha explotación sostible.

Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes: Polbo á mugardesa

A cociñeira Nair González, do restaurante Muelle 43, tráenos a súa versión do tradicional polbo á mugardesa, unha das elaboracións máis emblemáticas da tradición mariñeira galega, nacida no porto de Mugardos e estendida co tempo a moitas mesas da toda Galicia.

Esta receita, sinxela na súa base pero chea de personalidade, é froito da sabedoría popular das xentes do mar, que souberon aproveitar un produto tan noso como o polbo para crear un prato inconfundible. Co seu punto xusto de pemento, cebola e aceite, mantén un carácter recoñecible que transmite memoria colectiva e identidade.

Podes ver a receita completa aquí.

Chega o noso Sorteo con Sabor a Mar!

Desde pescadeRías, de onde se non? queremos agradecer aos nosos seguidores e seguidoras o seu apoio á pesca artesanal galega.

E para iso sorteamos dous lotes -un en Facebook e o outro en Instagram- con agasallos exclusivos da marca pescadeRías de onde se non? e da campaña Galicia sabe Amar que che farán levar o espírito do mar alí onde vaias.

O pack inclúe:
Cunca, mandil, paraugas plegable, calcetíns, bolsa de alimentos, táboa de cociña, libro de receitas con conservas, báscula de cociña, paleta de cociña, fiambreira e pano de cociña.

Como participar?

En Facebook
1️⃣ Segue a nosa páxina.
2️⃣ Dálle Gústame á publicación principal.
3️⃣ Comenta cal é o teu agasallo favorito do lote que sorteamos.

En Instagram
1️⃣ Segue a nosa páxina.
2️⃣ Dálle Gústame á publicación principal.
3️⃣ Comenta etiquetando a esa persoa coa que compartirías mar, peixe e alegría!

Podes participar ata o 16 de setembro ás 23:59 horas.
Sorteo válido para territorio español (Excepto Canarias e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla).

Consulta as bases do sorteo en Facebook aquí.

Consulta as bases do sorteo en Instagram aquí.