Curso de recoñecemento de especies de interese comercial

No mes de xaneiro, desde pescadeRías de onde se non?, organizamos na lonxa de Baiona un curso de recoñecemento de especies de interese comercial, impartido por Rafael Bañón, biólogo especializado en taxonomía de peixes.

A xornada estivo orientada a reforzar o coñecemento e a correcta identificación de especies con morfoloxía similar, un aspecto clave para a súa adecuada clasificación, comercialización e posta en valor.

No curso participou persoal das lonxas da Confraría de Pescadores de Vigo, da Confraría da Guarda e da Confraría de Baiona, nun espazo de aprendizaxe compartida e intercambio de experiencia arredor das especies que chegan a diario ás lonxas.

Certificacións

No mes de xaneiro realizáronse as auditorías de seguimento de dúas entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: a Confraría da Guarda e Mar do Morrazo Sociedade Cooperativa Galega, no marco do sistema de control da marca.

No caso da Confraría da Guarda, o alcance da certificación corresponde á primeira venda en lonxa e inclúe cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes. Esta entidade mantén a certificación desde o ano 2013.

Pola súa banda, Mar do Morrazo Sociedade Cooperativa Galega conta coa certificación desde 2008 como vendeduría, co alcance actual de cefalópodos, crustáceos e peixes.

Ademais levouse a cabo a auditoría de ampliación de alcance a algas, antozoos, crustáceos e equinodermos da Confraría de Aldán-Hío, que se uniu á marca no 2016 e xa estaba certificada para bivalvos, cefalópodos, gasterópodos e peixes.

A entidade do mes: Porto Muíños

Porto Muíños, empresa galega pioneira e referente na valorización das algas mariñas para consumo humano, é a entidade destacada do mes. Certificada pola marca desde o ano 2012, o alcance da certificación abrangue a distribución de algas frescas e a súa transformación para uso alimentario.

Situada en Cerceda (A Coruña), a empresa leva máis de dúas décadas traballando cunha aposta clara pola innovación, a investigación e o aproveitamento sostible dos recursos do mar. Ademais da súa actividade produtiva, Porto Muíños conta cunha tenda en liña a través da cal achega directamente os seus produtos ao consumidor, facilitando o acceso ás algas galegas para uso doméstico e profesional.

Porto Muíños foi unha das primeiras empresas en introducir as algas na gastronomía galega contemporánea, abrindo camiño a novos produtos, formatos e usos culinarios, cun forte compromiso coa calidade, a trazabilidade e o respecto polo medio mariño.

A especie do mes: a cherna

A cherna (Polyprion americanus) é unha das especies máis representativas da pesca artesanal galega, tanto polo seu gran tamaño como pola recoñecida calidade da súa carne. Trátase dun peixe de corpo robusto e cabeza grande, que pode superar os dous metros de lonxitude e cunha coloración que vai do marrón ao gris azulado. É un peixe de hábitos solitarios e dieta claramente carnívora.

Na idade adulta vive en fondos rochosos a gran profundidade e en Galicia captúrase principalmente con artes de anzol, o que permite unha extracción selectiva e respectuosa co medio mariño. O tamaño mínimo de captura establécese en 50 centímetros, unha medida clave para favorecer a reprodución e garantir a sustentabilidade da especie. Na cociña, a súa carne branca, semigraxa e de sabor fino resulta moi apreciada, especialmente en elaboracións sinxelas como a prancha con aceite e sal.

Amplía aquí a información.

Axudas

Aberta a convocatoria de axudas:

PE120B | Investimentos que melloren as condicións laborais e seguridade a bordo

PE201B | Pemes de transformación de produtos do mar

PE610A | Accións formativas que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro

PE120C | Eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático e/ou reducción das emisións de CO2

PE120A | Diminución do efecto da pesca

PE209F | Protección e recuperación da biodiversidade mediante a recollida de residuos e de arribazóns

PE120E | Investimentos que aumenten o valor engadido, a economía circular e a seguridade alimentaria

Cunchas de vieira para a construción de arrecifes artificiais sostibles

Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña vén de publicar un estudo pioneiro que conecta a alta gastronomía coa restauración dos ecosistemas mariños.

A investigación analiza a reutilización de cunchas de pectínidos procedentes de restaurantes con estrela Michelin como material sostible para a construción de arrecifes artificiais. O traballo, publicado na revista International Journal of Gastronomy and Food Science, demostra que estes refugallos poden substituír parte dos áridos tradicionais en ecoformigóns sen perder resistencia, contribuíndo á economía circular e á rexeneración costeira. Un exemplo de como ciencia, mar e gastronomía poden avanzar xuntas desde Galicia con proxección internacional.

Podes ampliar a información e ler o artigo completo aquí.

A receita do mes: pastel de escacho

Ricardo Fernández, cociñeiro e profesor dos ciclos de formación profesional de cociña no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, propón unha receita de pastel de escacho sinxela, saborosa e moi agradecida na cociña do día a día. Con esta receita, Ricardo quere poñer o foco no coñecemento do produto e no aproveitamento responsable dos recursos mariños.

Trátase dunha elaboración versátil, que admite variacións segundo o peixe dispoñible e permite adaptarse facilmente ao que marca a tempada e a lonxa. O resultado é un prato equilibrado, de textura suave e sabor limpo, no que o produto do mar é o verdadeiro protagonista. Un bo peixe, unha salsa de tomate caseira e unha elaboración coidada fan deste pastel unha opción perfecta tanto para menús familiares como para restauración colectiva.

Podes ver aquí a receita completa.

Feiras profesionais | Prazos para participar como empresa coexpositora

O vindeiro 12 de febreiro abrirase o prazo para que as empresas de comercialización de produtos do mar poidan solicitar a súa participación como coexpositoras nas feiras profesionais ás que acudirá a Consellería do Mar durante o segundo semestre do ano. Trátase dunha convocatoria dirixida a facilitar a presenza do sector galego en eventos de referencia, tanto a nivel nacional como internacional, nos que dar a coñecer a calidade, diversidade e trazabilidade dos peixes e mariscos de Galicia.

A participación nestas feiras supón unha oportunidade para reforzar a visibilidade dos produtos do mar galegos, establecer contacto directo con compradores, distribuidores e profesionais do sector, así como explorar novas oportunidades comerciais e coñecer as tendencias do mercado. A presenza conxunta baixo o paraugas institucional da Consellería do Mar permite, ademais, optimizar recursos e proxectar unha imaxe común do sector.

As empresas interesadas poderán consultar a relación de feiras previstas e tramitar a súa solicitude a través de Feimar, a plataforma habilitada para a xestión das inscricións. Desde esta ferramenta centralízase toda a información relativa aos eventos, requisitos de participación e prazos.