Entrega de agasallos do sorteo de verán

As premiadas do noso sorteo de verán en Facebook, Marisol Salgueiro e Mari Carmen Blandón, compartiron con nós as imaxes da recepción dos seus premios.

Recibiron un lote de merchandising da campaña Galicia sabe amar e da marca pescadeRías de onde se non? composto de bolsa-mochila, mandil, botella, prato, abanico, libro de receitas, libreta, bolígrafo, abrebotellas, chaveiro, bolsa de algodón, identificador de maletas, bloc de notas e pegatinas.

Desexamos que gocen cociñando e degustando peixes e mariscos da pesca artesanal galega equipadas cos seus agasallos.

Parabéns a ámbalas dúas!

Gala a beneficio da AECC

O sábado 10 de agosto tivo lugar no emblemático Eurostars Gran Hotel La Toja 5* a celebración da Gala Benéfica a favor da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) que organiza o Grupo Hotusa.

Este evento, que se celebra cada ano, ten como obxectivo a recadación de fondos para apoiar o financiamento de proxectos de investigación oncolóxicos e contribuír a erradicar esta enfermidade.

O menú foi elaborado polo chef executivo do hotel, Enrique Martínez Monteagudo. Asistiron 166 persoas, entre elas, personalidades do mundo da cultura, da política e da empresa que puideron degustar produtos da marca da pesca artesanal pescadeRías de onde se non?, bonito do Norte e pescada de Burela.

Corcubión: Xornadas Gastronómicas

A Confraría de Pescadores de Corcubión celebrou do 23 ao 25 de agosto as súas I Xornadas Gastronómicas, que tiveron o polbo como produto estrela.

Entre as actividades programadas, catro relatorios sobre os produtos do mar locais, a cargo dos cociñeiros Miguel Silvarredonda, Raúl Góñez Silva, Rafael Fuentes Arán e Brais Pichel Díaz. Estas ponencias incluirón unha cata de produtos do mar locais: algas, longueirón e polbo en elaboracións pouco habituais na cociña tradicional, como ceviche de longueirón ou polbo con ourizos de mar.

Unha boa maneira de coñecer as posibilidades culinarias dos produtos da pesca artesanal, de orixe e proximidade certificados.

XII Xuntanza de Bloggers Gastronómicos de Galicia

A marca pescadeRías de onde se non? estará presente nos menús que se degustarán na XII Xuntanza de Bloggers Gastronómicos de Galicia que terá lugar os días 14 e 15 de setembro. Durante estes dous días, os bloggers percorrerán a comarca do Salnés, cun programa de experiencias gastronómicas e turísticas que compartirán cos seus seguidores/as a través das súas canles e redes sociais.

Un dos puntos centrais desta xuntanza será o menú elaborado pola cociñeira Sefita de Monteagudo na bodega Gran Bazán de Vilanova de Arousa. Os bloggers poderán degustar polbo, rodaballo e berberechos procedentes da pesca artesanal galega e certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

Esperamos que nolo conten!

O Mar en Tapas

A OPP20 Illa de Arousa organizará o 14 de setembro a II Edición da súa ruta “O mar en tapas”. Nesta edición, na que participarán 15 establecementos de hostalería da Illa de Arousa, os produtos protagonistas serán a navalla e o longueirón capturados por mergulladores locais e certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

Realizarase un sorteo de 2 quilos de marisco da Illa entre aquelas persoas que completen os selos do folleto que se lles facilitará coa primeira tapa. O público tamén poderá votar para escoller a mellor tapa, e o local que obteña a maior puntuación recibirá un diploma de recoñecemento.

Toda a información sobre os locais, horarios e tapas aquí.

Formación en APPCC

No mes de agosto impartiuse formación en materia de Análise de Perigos e Puntos de Control Críticos -APPCC ao equipo administrativo e a asistencia técnica da Confraría de Pescadores de Mugardos.

A formación de todo o persoal implicado na cadea mar-industria é fundamental para que a trazabilidade dos produtos do mar sexa efectiva. A plantilla das entidades certificadas debe coñecer tanto o manual de xestión da marca pescadeRías de onde se non? como as súas responsabilidades e funcións.

O equipo de xestión da marca imparte formación aos distintos axentes certificados para que poidan aplicar estes coñecementos no seu día a día.

Consúltanos.

Axudas

Están convocadas as seguintes axudas da Consellería do Mar:

Axudas autonómicas para a paralización temporal das persoas mariscadoras a pé. Información aquí.

Axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan á mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños. Información aquí.

Axudas para accións formativas que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro. Información aquí.

Xarda vs. Xarda Pintada

A xarda (Scomber scombrus) e a xarda pintada (Scomber colias) son dous peixes pertencentes ao mesmo xénero, pero distinta especie. Teñen características físicas similares, que en ocasións poden confundirnos.

A principal diferenza a simple vista é a apariencia do ventre, que no caso da xarda é prateado e sen manchas, mentras que na xarda pintada presenta unhas manchas escuras difusas. Cando temos os dous peixes xuntos e podemos comparalos entre si, obsérvase que a xarda ten o corpo máis esvelto que a xarda pintada, que pola contra é máis redondeada. Ademais, a xarda ten os ollos máis pequenos que a xarda pintada.

Podes ampliar a imaxe aquí.

A entidade do mes: Cetaria Salitre

A entidade deste mes é a Cetaria Salitre, ubicada en Porto de Son, que conta cun punto de venda físico e tenda en liña. Desde o ano 2020 ofrecen ao público todo tipo de crustáceos e moluscos procedentes da pesca artesanal e local. Tamén venden peixe baixo pedido e conservas artesanais de peixes e mariscos de alta gama.

Contan coa certificación pescadeRías de onde se non? para as actividades de cetaria e distribución de crustáceos, cefalópodos, bivalvos e peixes.

Realizan envíos a toda a península e Baleares, e tamén a outros países, entre eles Portugal, Francia e Alemania.

Máis información aquí.

A especie do mes: carneiro

A especie do mes do noso boletín é o carneiro (Venus verrucosa), un molusco bivalvo que estaba pouco presente nos puntos de venda en fresco e ata hai pouco tempo se destinaba fundamentalmente á conserva. Na actualidade este recurso está despegando nas cociñas, e numerosos cociñeiros e cociñeiras de renome están apostando por incorporalo nas súas propostas gastronómicas.

Trátase dun bivalvo de forma case circular e valvas moi grosas de cor parda, que presentan surcos moi pronunciados. Captúrase con artes de marisqueo desde embarcación, en fondos de area algo lamacentos.

Podes ampliar a información aquí.