A pesca artesanal galega, en Etiqueta Negra Gourmet

Do 7 ao 9 de novembro, temos unha cita en Pontevedra. A feira Etiqueta Negra Gourmet contará coa presenza da pesca artesanal galega no stand institucional da Consellería do Mar.

As empresas certificadas por pescadeRías de onde se non? Conservas Lago Paganini, Costas y Miñán S.L., a OPP95 Noia e Insuapesca S.L. participarán como coexpositoras e amosarán os seus produtos aos visitantes.

E tamén haberá tempo para probar e descubrir novas formas de preparalos. Ao longo da fin de semana celebraranse varios showcookings e catas con produtos da pesca artesanal galega.

Tres días para coñecer, degustar e gozar dos produtos da pesca artesanal galega.

Próximas feiras internacionais

A Consellería do Mar promoverá a presenza dos produtos da pesca artesanal galega en tres citas internacionais clave no mes de marzo. A Foodex Xapón (10–13 de marzo), acudirán 4 empresas galegas, entre elas Conservas Portomar S.L.U., certificada por pescadeRías de onde se non?

Na Seafood Expo North America 2026, en Boston (15–17 de marzo), participarán 15 empresas; Costas y Miñán S.L., empresa certificada, é unha delas.

En Alimentaria Barcelona (23–26 de marzo) estarán presentes 29 empresas galegas. Entre elas figuran Costas y Miñán S.L., Mariscos Daporta S.L., Conservas La Brújula S.L., Porto Muíños, Conservas Portomar S.L.U., Fish Factory S.L., El Percebeiro S.L., Mares de Galicia S.A. e Conservera Gallega S.A., todas certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?

Salimat 2026

Continúa aberto o prazo de inscrición para participar como coexpositor no stand institucional da Consellería do Mar no Salón de Alimentación do Atlántico (SALIMAT), que terá lugar en Silleda do 4 ao 7 de xuño. Esta feira constitúe un dos principais encontros profesionais do sector alimentario no noroeste peninsular, con empresas produtoras, distribuidoras e canles de comercialización.

A participación no espazo institucional ofrece ás empresas galegas do mar a posibilidade de reforzar a súa visibilidade nun contexto profesional, presentar novidades, consolidar relacións comerciais xa existentes e abrir novas vías de negocio. Ademais, facilita a realización de accións promocionais coordinadas, degustacións e encontros con compradores, nun entorno que favorece o intercambio comercial e a proxección de marca.

Estivemos en Madrid Fusión

Os produtos da pesca artesanal galega amosaron en Madrid Fusión a súa calidade, diversidade e potencial gastronómico. No stand da Consellería do Mar, as empresas coexpositoras deron a coñecer diferentes especies en distintos formatos e presentacións a profesionais da cociña, da distribución e da restauración.

A participación completouse cun programa de catas no que se presentaron distintas elaboracións a base de peixes e mariscos certificados pola marca pescadeRías de onde se non?, que permitiron explorar novas formas de consumo e poñer en valor o produto do mar galego.

O vídeo resumo recolle algúns dos mellores momentos da feira, coa presenza das empresas participantes e unha selección das catas realizadas. Podes velo aquí.

Feiras internacionais en xaneiro

Este mes de xaneiro, a Consellería do Mar reforzará a promoción internacional dos produtos do mar galegos en tres feiras de referencia. Do 11 ao 13 de xaneiro participará na Winter FancyFaire* 2026, en San Diego, xunto a catro empresas galegas, entre elas Costas y Miñán S.L.

Do 26 ao 30 de xaneiro os produtos da pesca artesanal galega estarán presentes na Gulfood 2026, en Dubai, con dous espazos diferenciados: Seafood, con seis empresas, e World Food, con 14 entidades, entre as que se atopan Conservas La Brújula S.L., El Percebeiro S.L. e Conservas Portomar SLU.

Ademais, do 26 ao 28 de xaneiro, 15 empresas participarán no stand institucional en Madrid Fusión, incluídas as empresas certificadas Mariscos Daporta S.L., Costas y Miñán S.L., Artesa Rías Baixas S.L., HQ Seaweed S.L., Fish Factory S.L. e El Percebeiro S.L.

Etiqueta Negra Gourmet

Do 8 ao 10 de novembro celebrouse en Pontevedra a novena edición da feira ETIQUETA NEGRA Gourmet galego e innovación inspiradora.

O domingo día 9 tivo lugar o showcooking GALICIA SABE AMAR. pescadeRías de onde se non?, onde Héctor López do Restaurante España de Lugo presentou as súas creacións con robaliza  e berberechos certificados. Unha boa oportunidade para amosar a riqueza e a calidade dos produtos da pesca artesanal galega.

Participaron na feira as empresas certificadas Costas y Miñán S.L. e Insuapesca S.L.

Conxemar

Os produtos da pesca artesanal galega están presentes na feira Conxemar 2025, que se celebra en Vigo do 7 ao 9 de outubro, nunha nova edición deste gran encontro internacional da industria dos produtos do mar conxelados.

A feira, considerada unha cita ineludible para o sector, conta cun stand institucional da Consellería do Mar no que participan 16 empresas galegas. Entre elas destacan tres entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: Mariscos Daporta S.L., HQ Seaweed S.L. e Porto-Muíños S.L., que dan a coñecer as bondades dos produtos da pesca artesanal galega.

Vindeiras citas en eventos gastronómicos

A marca pescadeRías de onde se non? terá presenza en destacados eventos gastronómicos nas próximas semanas, con participación en San Sebastián Gastronómika e Gastrónoma Valencia. Na cita donostiarra estarán presentes as empresas certificadas Horesmar e Artesa Rías Baixas S.L., que amosarán produtos da pesca artesanal galega ante profesionais da alta cociña. En Valencia, participarán dez entidades vinculadas á comercialización de produtos do mar, entre elas cinco certificadas pola marca: Fish Factory S.L., a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, Costas y Miñán S.L., Artesa Rías Baixas S.L. e Conservas La Brújula S.L. Dúas citas que reforzan o valor e prestixio dos produtos da pesca artesanal galega.

Outras Feiras Internacionais

Ademais de acudir a Conxemar, a Consellería do Mar participará este mes en dúas das feiras internacionais máis relevantes do sector alimentario: ANUGA 2025, que se celebrará en Colonia do 4 ao 8 de outubro, e a China Fisheries & Seafood Expo 2025, en Qingdao, do 29 ao 31 de outubro. No stand institucional da Consellería en ANUGA participarán 17 empresas e entidades da industria de produtos do mar, entre elas tres certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: Conservas La Brújula S.L., Conservas Portomar S.L.U. e Costas y Miñán S.L. En China, o stand institucional acollerá cinco entidades vinculadas á comercialización de produtos do mar, incluídas Conxemar e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Estaremos en Auténtica Sevilla

Os días 15 e 16 de setembro celebrarase en Sevilla a Auténtica Food Fest 2025, unha das citas profesionais máis recentes e con maior proxección no ámbito da alimentación en España. O encontro converterase nun espazo de referencia que reunirá a milleiros de profesionais, directivos e cociñeiros vinculados á gran distribución, ao comercio retallista, ao canal horeca e á alta gastronomía, nun foro único para coñecer tendencias e retos do sector.

O evento contará cun stand institucional da Consellería do Mar no que participarán oito empresas, entre elas El Percebeiro S.L., Costas y Miñán S.L. e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?