Festa do Percebe en Aguiño e da vieira en Cambados

A Confraría de Carreira e Aguiño celebrará o sábado 27 de xullo a tradicional Festa do Percebe, que ofrecerá ao público unha tonelada deste prezado marisco, recoñecido pola súa calidade e sabor. A cita contará cun amplo espazo gastronómico no porto onde se poderán degustar racións de percebe certificado pola marca pescadeRías de onde se non?, acompañado de viños e música ao vivo.

Uns días antes, do 17 ao 20 de xullo, celebrarase a Festa da Vieira, organizada pola Confraría de Cambados xunto co Concello e Zona Centro. Serviranse 16.000 vieiras da ría procesadas por Porto de Cambados S.L., entidade certificada pescadeRías de onde se non? Non faltarán concertos, sesións vermú e showcookings a cargo do Obradoiro de Hostalaría do Salnés, Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa e Marcos Arufe, gañador do concurso de cociña Talentos Abril.

Festa da empanada mariñeira

A Lonxa de Portonovo acolleu unha nova edición da Festa da Empanada Mariñeira de produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?

Celebrouse con gran éxito de participación os días 23 e 24 de setembro, organizada polo Clube de Piragüismo e a Confraría de Pescadores de Portonovo. Houbo degustación de empanadas elaboradas con produtos certificados de diferentes confrarías de Galicia, maridaxes, demostracións de cociña en directo e concurso popular da empanada mariñeira.

Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos

A Confraría de Pescadores San Telmo de Mugardos celebrou o 1 de xullo a II edición da Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos. Esta iniciativa pretende amosar a calidade do produto que se extrae na ría.

A Lonxa de Mugardos está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de bivalvos e gasterópodos.

Festa da Vieira de Cambados

Entre o 14 e o 16 de xullo terá lugar unha nova edición da Festa da Vieira de Cambados no parque de Torrado, organizada pola Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados. Entre outras actividades, levaranse a cabo tres showcooking a cargo de Yolanda Martínez do restaurante Cocinandos de León, Xan Galbán do restaurante María Castaña de Santiago de Compostela e Alberto Castiñeiras do restaurante Jondal de Ibiza. Durante os tres días poderase degustar a vieira certificada de Porto de Cambados S.L.