Peixes e Mariscos Mónica

Peixes e Mariscos Mónica, peixería adherida á marca pescadeRías de onde se non?, continúa a súa expansión. Ademais do seu establecemento na Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa, agora tamén ofrece os seus produtos no Novo Mercado da Estrada.

En ámbolos dous puntos de venda a clientela pode atopar peixes e mariscos frescos procedentes das lonxas de Rianxo e Ribeira, capturados de xeito artesanal, con certificación de orixe, e garantía de máxima calidade e frescura.

Reapertura de A Túa Lonxa

A peixería A Túa Lonxa, da Confraría de Ferrol, volveu abrir despois dunha reforma integral que inclúe unha nova imaxe de marca e fachada acristalada. Ofrece, de martes a sábado, peixe e marisco fresco capturado de forma artesanal e certificado por pescadeRías de onde se non?

Ademais, modernizouse e ampliouse a depuradora para atender á crecente demanda de moluscos bivalvos.

A confraría ten o proxecto de habilitar a medio prazo unha terraza ao aire libre, de aproximadamente 300 metros cadrados, con vistas ao mar, onde os visitantes poderán gozar de peixes e mariscos da lonxa de Ferrol.

Certificacións e adhesións

No mes de xuño leváronse a cabo as auditorías de seguimento das lonxas xestionadas pola Confraría de Pescadores de Portosín (peixe), a Confraría de Pescadores Pedra da Oliveira de Vilaboa (bivalvos e cefalópodos); e da empresa de distribución e transformación Susión e Hijos S.L. (cefalópodos). Ademais, realizouse a auditoría de recertificación da lonxa e depuradora da Confraría de Pescadores de Ferrol (bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes).

Damos a benvida á marca a unha nova entidade adherida, a Peixería Mareas Vivas da Picota, Mazaricos, que ten como proveedores a entidades certificadas pola marca.

Novas adhesións

En setembro adheríronse á marca a peixería do Centro Carrefour As Cancelas e os restaurantes O Souto e Nómade.

Na peixería do Centro Carrefour As Cancelas de Santiago de Compostela podemos atopar produtos certificados procedentes da pesca artesanal.

O Souto é un bar restaurante situado no casco histórico de Pontevedra. Aposta por unha cociña de produto que adquire en provedores de proximidade certificados.

Nómade é un bar de viños de autor con cociña de proximidade en Santiago de Compostela. Centrados na calidade e na sustentabilidade, viño e cociña fan protagonista ao pequeno produtor e ao produto de tempada.