Tripulación pescadeRías: María José Basanta

María José Basanta, autora do blog Laurel y Canela, únese á Tripulación pescadeRías!

Acompañamos a María José nun percorrido pola praza de abastos de Santiago, onde nos fala da súa aposta pola pesca artesanal galega. Entre peixes e mariscos, destaca a importancia de mercar produto fresco e de tempada, e de confiar no saber facer dos praceiros e praceiras. Para ela, un bo peixe de calidade non precisa receitas complicadas: a cociña sinxela proporciónanos pratos auténticos e saudables.

María José tamén nos dá claves para consumir mellor: coñecer a orixe, escoller especies de tempada e apostar pola pesca responsable.

Podes ver a entrevista aquí.

Xornada formativa sobre pesca artesanal

O alumnado dos cursos AFD de Hostalaría do Concello de Boiro participou nunha xornada formativa sobre os produtos da pesca artesanal, o pasado 21 de marzo.

Durante a mañá, visitaron a Praza de Abastos de Boiro e as instalacións da entidade certificada Cooperativa Ría de Arosa, onde puideron identificar distintas especies de interese comercial, analizar as etiquetas dos produtos do mar e coñecer o proceso de depuración de moluscos bivalvos.

A xornada completouse con dúas sesións formativas sobre a marca pescadeRías de onde se non?, nas que se abordaron os tamaños mínimos de peixes e mariscos e a identificación de moluscos bivalvos.

Peixes e Mariscos Mónica

Peixes e Mariscos Mónica, peixería adherida á marca pescadeRías de onde se non?, continúa a súa expansión. Ademais do seu establecemento na Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa, agora tamén ofrece os seus produtos no Novo Mercado da Estrada.

En ámbolos dous puntos de venda a clientela pode atopar peixes e mariscos frescos procedentes das lonxas de Rianxo e Ribeira, capturados de xeito artesanal, con certificación de orixe, e garantía de máxima calidade e frescura.

Visita formativa

O alumnado do Obradoiro de Hostalaría Cualifica II do Concello do Porriño participou nunha visita formativa á praza de abastos de Pontevedra e á empresa certificada O Percebeiro.

Vimos nos puntos de venda os distintos produtos da pesca artesanal galega, o contido das etiquetas de peixes e mariscos e identificamos as características de frescura dos produtos do mar. Tamén houbo ocasión de diferenciar moluscos similares, como o longueirón e a navalla, e ver as instalacións de depuración, cetárea e expedición de O Percebeiro S.L.

Podes ver aquí un vídeo da visita.

Visita guiada á praza de Bueu

O sábado 27 de abril realizouse unha visita guiada á  praza de abastos de Bueu para a Asociación de Mulleres en Igualdade de Galicia.

As participantes comezaron a visita polo porto, onde recibiron información sobre o tipo de pesca, embarcacións e artes coas que se capturan os produtos certificados pola marca pescadeRías de onde se non? Xa na praza, fixeron un recorrido polas bancadas para ver os mariscos e os peixes expostos, identificar as súas características de frescura e interpretar os distintos apartados dunha etiqueta de peixes e mariscos.

Entidade do mes: Mariscos Areamar

Mariscos Areamar é un comercio minorista situado na praza de abastos de Portonovo e especializado na venda de marisco local fresco. Conta cunha ampla traxectoria na venda de produtos escollidos das lonxas galegas e distribúe a domicilio a toda a península.

Foi un dos primeiros minoristas adheridos á marca pescadeRías de onde se non?

Loli Alarcón, ao frente do equipo, vén de recibir o galardón Mulleres Senlleiras que otorga a Asociación Mujeres en Igualdad Amei Ría de Pontevedra.

Parabéns!

FICBUEU

Ao redor de 30 profesionais do cinema nacional e internacional, asistentes á 16ª Edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu FICBUEU, participaron na degustación guiada “Descubrindo as excelencias do noso mar con pescadeRías, de onde se non?”, que se celebrou o sábado 16 de setembro na Praza de abastos de Bueu.

Sergio Roma, do Restaurante O Souto de Pontevedra, fixo as delicias das persoas asistentes coas elaboracións presentadas a base de navalla, polbo, xarda e robaliza certificadas.