Visita a Bueu coa Asociación Mulleres que Poden

O pasado sábado 28 de marzo organizamos unha visita guiada á praza de abastos de Bueu na que participaron 30 mulleres da Asociación Mulleres que Poden, da Estrada.

A xornada comezou no porto de Bueu cunha introdución á realidade pesqueira local, na que se explicaron as distintas artes e modalidades de pesca e se destacou o papel esencial da pesca artesanal no tecido económico e social da vila. Tamén se puxo en valor o coñecemento do mar como parte do noso patrimonio.

A continuación, desenvolveuse a visita á praza de abastos, onde se percorreron os postos para coñecer as especies dispoñibles, a súa tempada, os distintos cortes, o etiquetado e as claves para identificar a frescura do produto. As persoas participantes puideron resolver as súas dúbidas directamente cos praceiros e praceiras, que lles ofreceron explicacións claras e detalladas sobre os peixes e mariscos que venden.

Visita guiada á praza de Bueu

O sábado 27 de abril realizouse unha visita guiada á  praza de abastos de Bueu para a Asociación de Mulleres en Igualdade de Galicia.

As participantes comezaron a visita polo porto, onde recibiron información sobre o tipo de pesca, embarcacións e artes coas que se capturan os produtos certificados pola marca pescadeRías de onde se non? Xa na praza, fixeron un recorrido polas bancadas para ver os mariscos e os peixes expostos, identificar as súas características de frescura e interpretar os distintos apartados dunha etiqueta de peixes e mariscos.