Charla-coloquio sobre consumo responsable

O pasado 19 de novembro presentamos a marca pescadeRías de onde se non? á Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios no Sporting Club Casino da Coruña.

Contamos cun público interesado e participativo, co que falamos das características dos produtos da pesca artesanal galega, frescura, etiquetado de produtos do mar, trazabilidade e boas prácticas de consumo.

Ademais da presentación cun formato charla-coloquio, impartimos un obradoiro de identificación de moluscos, no que as participantes puxeron a proba os seus coñecementos e fixeron gala da súa experiencia como consumidoras de produtos do mar de proximidade.

Formación a entidades usuarias

A formación en trazabilidade e seguridade alimentaria do persoal das entidades usuarias da marca é imprescindible para levar a cabo unha correcta xestión dos produtos certificados no día a día. O equipo técnico da marca encárgase de asesorar e impartir formación ás persoas implicadas no proceso de comercialización das entidades certificadas.

No mes de xuño impartiuse asesoramento e formación en hixiene e manipulación de alimentos e Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico APPC a membros da plantilla das seguintes entidades certificadas pola marca: Lonxa de Ferrol, Lonxa de Baiona, Lonxa de Mugardos e Mariscos Calimar.

Certificacións

No mes de maio tiveron auditoría de seguimento a Confraría de Pescadores de Aldán-Hío (cefalópodos, peixes, bivalvos e gasterópodos), HQ Seaweed S.L. (algas) e Frigoríficos Rosa de los Vientos S.L. (cefalópodos e bivalvos).

As auditorías de seguimento son de obrigado cumprimento para todos os axentes certificados e pásanse nun momento intermedio durante o período de vixencia da certificación. As certificacións outórganse por cinco anos.