Formación

O pasado mes de xullo, o equipo técnico da marca impartiu un curso de Hixiene e Manipulación de Alimentos na Confraría de Pescadores de Muros. Asistiron a Xunta Directiva da Agrupación de Marisqueo a Pé, persoal administrativo e persoal da lonxa.

A formación de todo o persoal implicado na cadea mar-industria é fundamental para que a trazabilidade dos produtos do mar sexa efectiva. O equipo de xestión da marca imparte formación aos distintos axentes certificados para que poidan aplicar estes coñecementos no seu día a día. Consúltanos.

Cursos Mariñeiro/a pescador/a

A Consellería do Mar publicou a convocatoria de cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación nos centros de formación náutico-pesqueira.

Podes ver a convocatoria completa nas seguintes ligazóns:

Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol.

Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira.

Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

A especie do mes: Dourada

A dourada (Sparus aurata) é un peixe moi aprezado na nosa gastronomía. O seu corpo é alto, comprimido e ovalado, cunha aleta dorsal longa e a cabeza moi arqueada.  De cor gris prateada, ten dúas manchas negras ao comezo da liña lateral e unha mancha dourada entre os ollos. Estas manchas tenden a desaparecer unha vez morto o animal. Os seus beizos son grosos e carnosos. Pode chegar aos 70 centímetros.

Aliméntanse de bivalvos, crustáceos, peixes e nalgunhas ocasións, de algas.

Podes atopar máis información sobre esta especie aquí.

A entidade do mes

Conservas Antonio Alonso S.A. é a empresa conserveira máis antiga en activo de España. Fabrican a marca Palacio de Oriente, recoñecida dentro e fóra das nosas fronteiras, e xa celebraron os seus primeiros 150 anos de historia.

Contan coa certificación pescadeRías de onde se non? para a transformación de moluscos bivalvos. A súa filosofía de traballo resúmese así:

Coñecemos, coidamos e amamos o mar para que este nos regale peixes e mariscos de primeira calidade. Elaboramos as nosas conservas respectando a tradición, porque só así podemos levar á túa mesa ese sabor inconfundible que nos define dende fai 5 xeracións.

O marisqueo a pé, un paradigma de sustentabilidade

Gumersindo Feijoo, catedrático de Enxeñería Química pola Universidade de Santiago de Compostela e coautor da marca de garantía de calidade «Pescaenverde», analiza neste artigo a pegada ambiental do marisqueo a pé. Ademais, o autor pon de relevancia a influencia que o quecemento global e o cambio nas condicións climáticas das rías galegas pode ter sobre esta actividade profesional.

Podes ler o artigo completo aquí.

A versión en castelán deste artigo foi publicada orixinalmente en The Conversation-España.

A receita do mes

A protagonista da nosa receita de agosto é a xouba (Sardina pilchardus) un dos peixes azuis máis empregados na nosa cociña tradicional. Agora é un bo momento para mercala no teu punto de venda de confianza e consumila coas súas propiedades nutricionais nos seus máximos niveis.

Alberto Carou, xefe de cociña do Restaurante Curral do Marqués de Rianxo, achéganos esta orixinal receita de xouba. Este petisco foi unha das elaboracións que cociñou no showcooking da última edición da Festa da Xouba de Rianxo. Elegante, fresca e moi acaída para estas datas nas que a xouba está en comida.

Podes ver a receita completa aquí.