Novo restaurante adherido

Damos a benvida á marca pescadeRías de onde se non? a un novo establecemento de hostalaría: Bágoa Gastrobar de Ourense.

En Bágoa, o cociñeiro Martín Fernández fai unha homenaxe ás súas avoas. O seu proxecto ten como base a comida tradicional galega pero cun toque moderno e internacional.

No seu establecemento mestúrase a tradición coa vangarda, o bo comer co bo rollo, e as ganas de festa co sabor de verdade.

A proposta gastronómica inclúe produtos procedentes da pesca artesanal galega que adquire a provedores certificados.

Aperturas de campaña

O 3 de novembro comezou a campaña do bou de vara na Ría de Arousa, e do bou de man ou rapeta nas Rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. Por tanto, volve a volandeira (Aequipecten opercularis) aos mercados. O período de capturas remata o 31 de marzo.

A campaña da centola (Maja brachydactyla) comeza o 10 de novembro nas zonas A e B, desde a desembocadura do Miño ata Estaca de Bares. O 1 de decembro abrirá a zona C, de Estaca de Bares ao Río Eo.

A campaña do boi (Cancer pagurus) comezou o 3 de novembro na zona C (de Estaca de Bares ao río Eo) e nas zonas A e B o 10 de novembro (da desembocadura do Miño a Estaca de Bares).

A especie do mes: melgacho

A especie protagonista deste mes é o melgacho (Scyliorhinus canicula), pequeno tiburón presente nas lonxas e mercados onde se vende limpo e esfolado porque ten unha pel moi áspera ao tacto. Este peixe cartilaxinoso posúe unha cabeza aplanada dorsoventralmente, algo triangular, morro curto. Os ollos son grandes, ovalados, en posición lateral. A súa cor é marrón clara polo dorso, salpicado de numerosas manchiñas negras, que forman zonas máis escuras e o ventre branco.

Vive en fondos de substrato coralíxeno, rochas cubertas de algas, area ou lama, desde os 40 metros ata os 700 metros de profundidade. Péscase con artes de pesca de enmalle, palangre e arrastre. Podes ampliar a información aquí.

A entidade do mes: Fresco y del Mar

A entidade do mes de novembro é a empresa distribuidora Pesca Artesanal Fresco y del Mar S.L., certificada pola marca pescadeRías de onde se non? desde xullo de 2023 para peixe, cefalópodos, crustáceos e bivalvos.

Con sede en Esteiro (Muros), a empresa merca diariamente en diversas lonxas da Costa da Morte e da ría de Muros e Noia, apostando pola frescura, trazabilidade e calidade dos produtos da pesca artesanal galega.

Comercializan os seus produtos tanto a consumidor final como a profesionais. A entidade conta cunha peixería online adherida á marca pescadeRías de onde se non? Os pedidos pódense realizar a través da web, por correo electrónico ou por teléfono.

As algas, unha fonte de saúde

O artigo deste mes presenta a investigación de Ana Belén Crujeiras Martínez, líder do grupo Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

Este proxecto está centrado no estudo dos beneficios das algas dentro da dieta atlántica e no potencial das rías galegas como produtoras das mesmas. Pretende amosar ata que punto este produto pode converterse tamén nun aliado para o noso benestar.

O estudo permitirá contar con datos clínicos propios e abrirá as portas a novas recomendacións nutricionais ademais de posicionar a Galicia como referente internacional na investigación sobre algas e saúde.

Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes

Alberto Carou, xefe de cociña do Restaurante Curral do Marqués de Rianxo, propón unha creación que pon en valor o mellor da nosa pesca artesanal: cilindro de congro en tempura negra, crema de coliflor afumada e pesto de algas.

O congro é un peixe capturado de xeito sustentable con técnicas de anzol, de sabor intenso e textura firme. Neste prato combínase con verduras frescas, froitos secos e algas galegas para crear un xogo de contrastes cheo de matices.

O resultado é un prato equilibrado e saudable, feito con produtos do mar que contribúen ao coidado do corazón, ao desenvolvemento neurolóxico e ao benestar xeral.

Descobre a receita completa aquí.