Novas adhesións

En setembro adheríronse á marca a peixería do Centro Carrefour As Cancelas e os restaurantes O Souto e Nómade.

Na peixería do Centro Carrefour As Cancelas de Santiago de Compostela podemos atopar produtos certificados procedentes da pesca artesanal.

O Souto é un bar restaurante situado no casco histórico de Pontevedra. Aposta por unha cociña de produto que adquire en provedores de proximidade certificados.

Nómade é un bar de viños de autor con cociña de proximidade en Santiago de Compostela. Centrados na calidade e na sustentabilidade, viño e cociña fan protagonista ao pequeno produtor e ao produto de tempada.

Certificacións

A depuradora de moluscos Mariscos Ramais S.L. renova a súa certificación na marca pescadeRías, ¿de onde se non? para o grupo biolóxico bivalvos.

Así mesmo, a empresa distribuidora Mares de Galicia S.A. tamén renova a súa certificación para bivalvos, estando ademais certificada como transformadora deste grupo biolóxico.

Da Lonxa ao Prato S.L., depuradora de bivalvos ubicada na Lonxa de Ribeira, amplía a súa certificación na marca como distribuidora de peixe, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e antozoos.

Apertura de campañas e axudas

O 2 de outubro comeza a campaña 2023-2024 do ourizo (Paracentrotus lividus) nas Confrarías de Pescadores da provincia de Pontevedra. Así mesmo, o 1 de outubro iniciarase o período autorizado para a extracción do santiaguiño (Scyllarus arctus) nas costas galegas, que se extenderá ata o 5 de xaneiro do vindeiro ano.

Por outra banda, xa está aberta a convocatoria das axudas autonómicas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas. Máis información aquí.

O artigo do mes

Pedro Montero, Garbiñe Ayensa, Silvia Calvo e Silvia Allen-Perkins, do INTECMAR, presentan o artigo Mellorando o coñecemento das condicións hidrográficas nas zonas dedicadas ao cultivo de especies marisqueiras.

O INTECMAR, xunto con MeteoGalicia e o CETMAR, leva máis de dez anos participando no Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia que se dedica á observación e predición das condicións meteorolóxicas e oceanográficas da costa de Galicia. Esta información resulta de grande utilidade para os técnicos de marisqueo, xa que dá soporte na xestión sostible e coordinada do medio mariño.

Para ver o artigo completo, preme aquí.

A receita do mes

Este mes propoñemos unha receita elaborada por Sergio Roma, do Restaurante O Souto de Pontevedra, que foi presentada no FICBUEU: Nigiri, croqueta de kimchi, cheddar e robaliza lañada. Esta curiosa combinación é fantástica para degustar como aperitivo.

A robaliza (Dicentrarchus labrax) é un peixe semigraxo que está no seu mellor momento de consumo durante o outono e inverno. Ademais de ser fonte de proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos omega3, destaca o seu contido en fósforo e selenio e en vitaminas do grupo B.

Podes acceder á receita aquí.