PLMA International Council

A Consellería do Mar asistiu á feira anual PLMA’s World of Private Label que se celebrou en Ámsterdam os días 28 e 29 de maio, organizada pola Private Label Manufacturers Association. A presenza da Consellería do Mar neste evento enmarcouse nunha colaboración coa Federación Española de Industrias de Alimentación y Bebidas.

Conservas Portomar S.L.U. e Conservas La Brújula S.L., empresas certificadas, participaron como coexpositoras xunto con outras oito empresas galegas, e presentaron os seus produtos do mar xunto con 2.900 exhibidores de 70 países.

Galicia Market Place Mar

A marca pescadeRías de onde se non? participou na 8ª edición do Galicia Market Place Mar, organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia, que se celebrou o xoves 30 de maio.

Ana Pérez, coordinadora do equipo técnico da marca, interveu na mesa redonda de Consumo. As entidades certificadas Frigoríficos Rosa de los Vientos S.L., HQ Seaweed S.L., Porto de Cambados S.L. e a Confraría de Pescadores San José de Cangas tiveron presenza no espazo escaparate, de presentación de produtos artesanos/gourmet e novas iniciativas do mar de Galicia. Podes ver un vídeo resume aquí.

Salón de Alimentación do Atlántico

Estivemos no Salón de Alimentación do Atlántico Salimat-Abanca do xoves 30 de maio ao domingo 2 de xuño dando a coñecer os produtos do mar de Galicia certificados. As actividades de cata de produtos no stand institucional da Consellería do Mar tiveron lugar o venres 31 e o sábado 1.

Participaron na exposición sete empresas de produtos do mar, entre elas Real Conservera Española S.L. e Insuapesca S.L., ámbalas dúas certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?

Podes ver un resume das actividades neste vídeo.

Mercado Mar de Mares

O sábado 8 de xuño ás 12.00 h terá lugar o showcooking «Tesouros da nosa pesca artesanal» no Mercado Mar de Mares. Os cociñeiros Javier Freijeiro e Moncho Bargo, do Restaurante Pracer, presentarán a súa proposta creativa con produtos da marca pescadeRías de onde se non?

Participarán no mercado como expositores as empresas certificadas Porto-Muiños S.L. e Mariscos de Barallobre. O mercado Mar de Mares está enmarcado no Festival Mar de Mares, que se celebra do 8 ao 16 de xuño

Fancy Food Show Nova York

A Consellería do Mar asistirá á feira do sector gourmet Fancy Food Show en Nova York da man do ICEX.

A feira celebrarase do 23 ao 25 de xuño e está prevista a participación de empresas galegas do sector mar-industria, entre elas, as seguintes empresas certificadas pola marca: Conservas La Brújula S.L., Conservas Portomar S.L., HQ Seaweed S.L. e Fish Factory S.L.

Actividades formativas

Seguimos formando ao persoal das entidades certificadas en hixiene e seguridade alimentaria e requisitos da marca pescadeRías de onde se non? .

En maio recibiron formación o equipo directivo e persoal responsable do transporte e preparación para primeira venda da Confraría de Pescadores «Pedra da Oliveira» de Vilaboa, a nova traballadora do equipo de venda da lonxa da Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona e a responsable de calidade de Artesa Rías Baixas S.L.

Visita delegación do Ministerio de la Producción de Perú

Unha delegación do Ministerio de la Producción del Perú visitou Galicia no mes de maio para coñecer o sector pesqueiro galego e os programas de promoción de consumo de peixe da Consellería do Mar.

Visitamos con eles e co equipo do Centro tecnológico del Mar-Fundación Cetmar que os acompañaba, o porto, a lonxa e a praza de abastos de Bueu para darlles a coñecer a marca pescadeRías de onde se non?

Obradoiro de peixería de Marín

O equipo técnico da marca pescadeRías de onde se non? impartiu unha charla sobre a marca no obradoiro de peixería e elaboración de produtos da pesca e acuicultura organizado polo Concello de Marín no Espazo Emprendedor Parque Azul.

O alumnado do obradoiro traballou aspectos como diferenciación de especies, o etiquetado de produtos do mar, orixe, frescura, trazabilidade e sustentabilidade ligados á marca.

ONU Día Internacional

A Organización das Nacións Unidas ONU celebra o 5 de xuño o Día Internacional da Loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e tamén o Día Internacional do Medio Ambiente.

Desde a marca pescadeRías de onde se non? queremos poñer o foco na responsabilidade de todos os axentes implicados na cadea de consumo de produtos do mar -desde o sector extractivo ata o consumidor final- e compartir o vídeo publicado pola ONU “A pesca sustentable comeza por nós». Preme aquí para velo.

Quen é quen? Sargo e choupa

Algunhas especies presentan características físicas similares e resultan difíciles de distinguir no punto de venda. Isto non nos debe sorprender, pois é habitual que a clasificación taxonómica das especies vaia cambiando no tempo conforme avanza o coñecemento científico. Hoxe poñemos o foco en dúas especies de peixes que poden levar a confusión: o sargo común (Diplodus sargus) e a choupa (Spondylioma cantharus).

Preme aquí para ver as diferenzas. En caso de dúbida, consulta a etiqueta e pregunta ao teu peixeiro ou peixeira de confianza.