Volven aos mercados a nécora, o lumbrigante e o polbo capturados en augas galegas

Co inicio do mes de xullo, volven aos mercados tres especies moi prezadas e fundamentais para a frota artesanal galega: a nécora (Necora puber), o lumbrigante (Homarus gammarus) e o polbo (Octopus vulgaris). A apertura das súas respectivas vedas permite retomar a súa captura e comercialización, coincidindo coa alta demanda estival.

Tamén acaba de comezar a campaña do boliche nas rías galegas, unha arte tradicional empregada para a pesca da lura (Loligo vulgaris) e outras especies acompañantes. Esta actividade prolongarase ata o 31 de outubro, ofrecendo un produto fresco de proximidade e con garantías de trazabilidade e calidade.

En contraposición, outras especies entraron en veda. A centola (Maja brachydactyla), protagonista da tempada outono-inverno, iniciou a súa veda no mes de xuño e non volverá aos mercados ata novembro. Así mesmo, o vindeiro 21 de xullo comezará a veda do choco (Sepia officinalis) nas rías de Vigo e Pontevedra, que se estenderá ata o 31 de outubro.

Este calendario de vedas e campañas busca garantir un equilibrio entre actividade extractiva e conservación mariña que permita respectar os ciclos naturais das especies e promover un consumo responsable.

Especie do mes: a lura

A lura (Loligo vulgaris) é un cefalópodo de corpo musculoso, alongado con forma de cilindro comprimido e afiado, terminado con dúas aletas triangulares, a modo de torpedo. As aletas triangulares, con forma de rombo, esténdense desde o extremo final ata a metade do corpo. Posúe unha cuncha interna reducida a unha fina lámina transparente, en forma de pluma.

Aliméntase de crustáceos, pequenos peixes, poliquetos e doutros cefalópodos, e ten capacidade para mimetizarse co fondo, variando a súa cor como reacción a diversos estímulos. Preme aquí para ver a ficha informativa desta especie.

Plan de xestión coa arte de Boliche

Publicada a Resolución do 20 de xuño de 2023 pola que se autoriza o Plan de xestión coa arte de boliche entre os meses de xullo e outubro de 2023.

A especie obxecto de captura con esta arte de pesca é a lura e especies acompañantes, que deberán estar en época de extracción e superar o tamaño mínimo.