Charla no Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira

O equipo de xestión da marca impartiu unha charla formativa no marco do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira. A sesión, celebrada na Aula de Cociña da Praza de Abastos, estivo dirixida ao alumnado do curso de operacións básicas de cociña do SEPE.

A formación tivo un carácter práctico e abordou cuestións como o etiquetado e a trazabilidade dos produtos do mar, a seguridade alimentaria, os tamaños mínimos das especies e a diferenciación de moluscos bivalvos de interese comercial. Tamén incluíu a presentación de ferramentas dixitais de consulta que permiten acceder a información actualizada sobre especies, e a ecoetiqueta pescaenverde.

Formación a entidades certificadas

En decembro impartiuse na lonxa de Baiona o curso de Hixiene alimentaria e manipulación de alimentos dirixido ao seu persoal. Esta acción formativa enmárcase no compromiso coa calidade e coa correcta xestión dos produtos do mar certificados baixo o selo pescadeRías de onde se non?

 A actualización continua en materia de trazabilidade, hixiene e seguridade alimentaria resulta un requisito clave para garantir a confianza do consumidor e o cumprimento da normativa vixente. A formación permitiu reforzar coñecementos prácticos sobre boas prácticas, control sanitario e manexo adecuado do produto na primeira venda. O equipo técnico da marca imparte este tipo de cursos ás entidades certificadas como parte do seu labor de acompañamento, mellora continua e posta en valor da pesca artesanal galega.

Actividades formativas

En novembro desenvolvéronse diversas accións formativas dirixidas a entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?, co obxectivo de reforzar a seguridade alimentaria e a trazabilidade dos produtos certificados.

En Da Lonxa ao Prato S.L. impartíuse formación en hixiene e manipulación de alimentos tanto ao persoal de planta como ao persoal de oficina.

En Mariscos Calimar S.L. realizouse unha sesión de hixiene e manipulación dirixida ao persoal de planta e outra centrada nos sistemas APPCC, destinada ao equipo de administración.

Estas actividades contribúen a garantir procesos seguros e unha xestión rigorosa dos produtos da pesca artesanal.

Certificacións

Durante o mes de xullo realizáronse auditorías de seguimento a catro axentes certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arosa, con sede en Abanqueiro e certificada desde 2017 para bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos.

Porto-Muiños S.L., transformadora especializada en algas ecolóxicas, certificada desde 2012.

Descaexport S.L., distribuidora de polbo con sede en Burela e certificación para cefalópodos desde 2017.

Lonxa de Baixura do Porto Pesqueiro de Vigo, certificada desde 2009 para peixe, cefalópodos e crustáceos.

Visitamos o Obradoiro de Emprego Vigo Capacita X

O pasado 20 de xuño impartiuse unha acción formativa ao alumnado do Obradoiro de Emprego Vigo Capacita X, das especialidades de Operacións Básicas de Restaurante e Cociña. O obxectivo foi achegar a marca pescadeRías de onde se non? aos futuros profesionais da hostalaría, dando a coñecer os seus valores, requisitos e a importancia da trazabilidade nos produtos do mar.

A sesión abordou os criterios da marca e a súa relevancia na pesca artesanal e no consumo responsable. Na parte práctica, realizouse un obradoiro de identificación de moluscos bivalvos que incluíu seguimento da trazabilidade dos produtos da pesca artesanal a través do código QR das etiquetas.

X Reunión da Rede de Laboratorios Oficiais de Biotoxinas Mariñas

En marzo tivo lugar a X Reunión da Rede de Laboratorios Oficiais de Biotoxinas Mariñas no Intecmar, designado Laboratorio Nacional de Referencia en 2021. Covadonga Salgado, directora do Intecmar, destaca os avances no control da calidade das augas, cambios lexislativos e a cooperación entre centros de toda España.

O encontro reuniu sete das oito entidades da rede e reforzou o intercambio técnico e científico. Galicia, cunha ampla rede de puntos de mostraxe, lidera a resposta ante episodios tóxicos, emitindo anualmente máis de 600 informes e 400 resolucións para garantir a seguridade dos produtos do mar.

Podes ler o artigo completo aquí.

Formación

En abril recibiron formación en Hixiene e Manipulación de Alimentos o patrón maior, a asistencia técnica e o persoal administrativo da Confraría de Pescadores de Miño. Esta acción, orientada á implantación do sistema APPCC (Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico), busca formar ao equipo no aseguramento da calidade e seguridade dos produtos.

A formación enmárcase no proceso de preparación para a obtención da certificación pescadeRías de onde se non?, que garante a orixe e frescura dos produtos do mar, reforzando o compromiso da confraría coa sustentabilidade e a trazabilidade.

Formación

No mes de marzo impartiuse formación en Hixiene e Manipulación de Alimentos e Principios do Sistema APPCC a tres entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: Confraría de Pescadores de Vigo (Lonxa de Canido), Cíes Artesanais S. Coop. Galega e Confraría de Pescadores de Arcade.

Na confraría de Vigo e na cooperativa Cíes Artesanais a formación estivo dirixida ao novo persoal, que adquiriu coñecementos sobre as funcións e responsabilidades relacionadas co sistema APPCC e o autocontrol.

O equipo da Confraría de Arcade recibiu formación específica en APPCC e boas prácticas de manipulación, trazabilidade e seguridade alimentaria de bivalvos.

Formación a entidades usuarias

Seguimos avanzando no programa de formación en materia de seguridade, trazabilidade e hixiene alimentaria para entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non? O obxectivo principal desta formación é garantir a máxima calidade, trazabilidade e seguridade alimentaria dos produtos que chegan aos consumidores/as.

En novembro organizamos unha sesión destinada ao persoal encargado da comercialización dos produtos do mar na Lonxa de Campelo. Contamos tamén coa participación das directivas das agrupacións de marisqueo das tres confrarías que xestionan a lonxa: Pontevedra, Raxó e Lourizán. Este enfoque colaborativo reforza a importancia de traballar conxuntamente para promover a excelencia no sector.

Se necesitas información, consúltanos!

Actividades formativas

Seguimos formando ao persoal das entidades certificadas en hixiene e seguridade alimentaria e requisitos da marca pescadeRías de onde se non? .

En maio recibiron formación o equipo directivo e persoal responsable do transporte e preparación para primeira venda da Confraría de Pescadores «Pedra da Oliveira» de Vilaboa, a nova traballadora do equipo de venda da lonxa da Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona e a responsable de calidade de Artesa Rías Baixas S.L.