Formación a futuros/as profesionais da hostalaría

O equipo de pescadeRías de onde se non? realizou unha actividade formativa dirixida ao alumnado do curso de Cociña Colectiva promovido polo Concello de Ribeira no marco do seu Plan de Emprego.

A sesión desenvolveuse en dúas partes: unha visita guiada á Praza de Abastos de Ribeira, onde o alumnado puido coñecer de primeira man as especies dispoñibles, a súa tempada, o etiquetado e os criterios de frescura; e un obradoiro na aula centrado na identificación de moluscos.

Durante a xornada abordáronse tamén aspectos clave como o etiquetado, a seguridade alimentaria, a trazabilidade e a valorización da pesca artesanal galega, para reforzar a formación práctica do alumnado e o coñecemento dos produtos do mar.

Con esta son tres as actividades formativas destinadas a futuros profesionais da hostalería que se impartiron no que vai de ano.

Visitamos o Obradoiro de Emprego Vigo Capacita X

O pasado 20 de xuño impartiuse unha acción formativa ao alumnado do Obradoiro de Emprego Vigo Capacita X, das especialidades de Operacións Básicas de Restaurante e Cociña. O obxectivo foi achegar a marca pescadeRías de onde se non? aos futuros profesionais da hostalaría, dando a coñecer os seus valores, requisitos e a importancia da trazabilidade nos produtos do mar.

A sesión abordou os criterios da marca e a súa relevancia na pesca artesanal e no consumo responsable. Na parte práctica, realizouse un obradoiro de identificación de moluscos bivalvos que incluíu seguimento da trazabilidade dos produtos da pesca artesanal a través do código QR das etiquetas.