Peche de campañas

O pasado 5 de xaneiro pechouse a campaña da lagosta (Palinurus elephas), a nécora (Necora puber) e o santiaguiño (Scyllarus arctus), tres especies emblemáticas que volverán progresivamente aos mercados ao longo do ano: a lagosta o 1 de abril, a nécora o 1 de xullo e o santiaguiño o 1 de outubro.

Durante a campaña da nécora comercializáronse 81 toneladas, cun valor próximo aos dous millóns de euros. As lonxas de Vigo, A Coruña, Ribeira, O Grove e Cangas concentraron o 65% do volume de primeira venda.

No caso do santiaguiño, nos seus tres meses de campaña capturáronse 850 quilos, cunha facturación de 105.000 euros. O prezo medio en lonxa foi de 123 euros por quilo, acadando máximos de 280 euros.

Aperturas de campaña

O 3 de novembro comezou a campaña do bou de vara na Ría de Arousa, e do bou de man ou rapeta nas Rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. Por tanto, volve a volandeira (Aequipecten opercularis) aos mercados. O período de capturas remata o 31 de marzo.

A campaña da centola (Maja brachydactyla) comeza o 10 de novembro nas zonas A e B, desde a desembocadura do Miño ata Estaca de Bares. O 1 de decembro abrirá a zona C, de Estaca de Bares ao Río Eo.

A campaña do boi (Cancer pagurus) comezou o 3 de novembro na zona C (de Estaca de Bares ao río Eo) e nas zonas A e B o 10 de novembro (da desembocadura do Miño a Estaca de Bares).

Peches de campaña

A campaña de extracción de ourizo de mar (Paracentrotus lividus) en Galicia chegou ao seu fin o pasado 30 de abril. A veda manterase ata o outono, cando poderá retomarse a actividade nos meses de outubro ou novembro, dependendo das zonas e dos plans de xestión das entidades.

Este peche temporal coincide coa etapa de reprodución natural da especie, que adoita producirse nos meses de marzo e abril. 

O produto, considerado un manxar, conta cunha importante demanda tanto no mercado nacional como internacional.

Peches de campaña

Aprobado o Plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) para a campaña 2025/26 mediante a Resolución da Consellería do Mar de 26 de marzo de 2025. O novo Plan recolle unha parada temporal da actividade durante o mes de abril e unha veda biolóxica durante os meses de maio e xuño.

O 31 de marzo foi o último día autorizado para o emprego do bou de vara e bou de man na ría de Arousa.  As especies que se capturan con estas artes son a volandeira (Aequipecten opercularis) a zamburiña (Mimachlamys varia) e outras especies demersais.

Tamén pechou o período de captura do lumbrigante (Homarus gammarus), ata o 1 de xullo.

Aperturas de campaña

O 1 de abril iniciouse a campaña de extracción da lagosta (Palinurus elephas), que se prolongará ata o 30 de setembro.

Por outra banda, autorizáronse os Plans de pesca de anguía (Anguilla anguilla) para as confrarías de pescadores das rías de Vigo e Arousa para a tempada 2025, mediante Resolucións da Consellería de Mar do 26 de marzo.

Poderán participar nos plans de pesca de anguía as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación a nasa voitirón ou a nasa para anguía. O período autorizado é do 1 de abril ata o 30 de setembro de 2025, e cada embarcación poderá empregar ata 80 nasas diarias de anguía ou voitirón.

Aperturas de campaña

No mes de maio abriu a campaña da zamburiña (Mimachlamys varia) na Ría de Ferrol,  o ameixón (Callista chione), na Ría de Muros e Noia, e os anemones  (Anemonia viridis).

Durante este mes capturáronse dúas toneladas de zamburiña, que se comercializaron nas lonxas das Confrarías de Ferrol e Barallobre. O volume de ameixón extraído foi perto de 10 toneladas, e o 98% da primeira venda fíxose na lonxa da Confraría de Muros.   De anemones capturáronse 518 quilos e a primeira venda canalizouse a través da lonxa da Confraría de Barallobre.

Aperturas e peches

Despedímonos por uns meses do polbo (Octopus vulgaris) e o ourizo (Paracentrotus lividus), xa que as súas campañas acaban de pechar. O polbo abrirá de novo o 1 de xullo e o ourizo a partir do mes de outubro.

Por outra banda, volverán a estar presentes nos mercados o ameixón (Callista chione), desde o 6 de maio, debido á apertura da campaña na Ría de Muros, e os anemones (Anemonia viridis), xa que algunhas confrarías da provincia de A Coruña comezan a súa extracción este mes.

Tempo de anguías

O pasado mes de abril comezou a campaña da anguía (Anguilla anguilla) para as confrarías da Ría de Arousa e da Ría de Vigo, que estará vixente ata o 28 de setembro. Nas primeiras catro semanas de campaña capturáronse 3.184 quilos na Ría de Vigo e 777 na Ría de Arousa, por un valor de 46.208 e 10.879 euros, respectivamente.

As primeiras vendas concentráronse na lonxa de Arcade, que acaparou o 78% do volume descargado, seguida das lonxas de Carril (20%) e Vigo (2%).