Aperturas e peches

O cambio de tempada vén marcado por aperturas e peches de campañas nas nosas rías.

A volandeira (Aequipecten opercularis) despediuse dos mercados o 31 de marzo na Ría de Arousa cunha campaña destacada: 423.801 quilos e 1.822.770 euros de facturación. Na mesma data pechou tamén o lumbrigante (Homarus gammarus), con 12.844 quilos e 536.868 euros.

O 1 de abril abriu a campaña da lagosta (Palinurus elephas), mentres que en marzo comezou a extracción de vieira (Pecten maximus) na Ría de Vigo, con oito embarcacións das confrarías de Cangas e Redondela, e un obxectivo de 7.500 quilos. A súa transformación realízase en Porto de Cambados S.L. con todas as garantías sanitarias.

Aperturas de campaña

O 1 de abril iniciouse a campaña de extracción da lagosta (Palinurus elephas), que se prolongará ata o 30 de setembro.

Por outra banda, autorizáronse os Plans de pesca de anguía (Anguilla anguilla) para as confrarías de pescadores das rías de Vigo e Arousa para a tempada 2025, mediante Resolucións da Consellería de Mar do 26 de marzo.

Poderán participar nos plans de pesca de anguía as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación a nasa voitirón ou a nasa para anguía. O período autorizado é do 1 de abril ata o 30 de setembro de 2025, e cada embarcación poderá empregar ata 80 nasas diarias de anguía ou voitirón.

Aperturas e peches

O pasado 5 de xaneiro, o santiaguiño (Scyllarus artus), a nécora (Necora puber) e a lagosta (Palinurus elephas) despedíronse temporalmente dos mercados galegos ao entrar en veda, unha medida que busca garantir a súa conservación e sostibilidade. Tamén o día 3 rematou a campaña de marisqueo en Noia, que agora pecha de forma temporal tras o período de Nadal.

Por outra banda, o 2 de xaneiro deu comezo a campaña de pesca da lamprea de mar (Petromyzon marinus) no tramo internacional do río Miño, onde están autorizadas artes tradicionais como a rede lampreeira de tres panos e a nasa butrón. A Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda, certificada pola marca pescadeRías de onde se non?, lidera a primeira venda deste prezado manxar en Galicia.

Aperturas e peches

O 1 de outubro comezou a campaña do ourizo (Paracentrotus lividus), santiaguiño (Scyllarus arctus) e peneira (Haliotis tuberculata).

A extracción de ourizo comezou nas confrarías da provincia de Pontevedra que teñen plan de explotación para este recurso, mentres que as confrarías das provincias de A Coruña e Lugo empezarán en novembro e decembro. O santiaguiño poderá capturarse ata o 5 de xaneiro. Comezou tamén a campaña nos bancos de libre marisqueo de Arousa e está previsto que o 14 de outubro arranque na Ría de Muros e Noia.

Por outra banda, o 30 de setembro pechou a campaña da lagosta (Palinurus elephas) e o 31 de outubro está previsto o peche da campaña de pesca con boliche.

Peches e aperturas de campañas

O pasado 31 de marzo rematou a campaña de extracción da volandeira (Aequipecten opercularis), cun total de 233.360 quilos extraídos, e un valor en primeira venda de 766.828 euros. Tamén pechou a tempada de capturas do lumbrigante (Homarus gammarus), que abrirá de novo 1 de xullo. O volume de capturas de lumbrigante nesta campaña acadou os 25.370 quilos, cun valor en primeira venda de 827.404 euros.

Por outra banda, o 1 de abril comezou a campaña de extracción da lagosta (Palinurus elephas), que permanecerá aberta ata o o 30 de setembro.