Novas adhesións

En setembro adheríronse á marca a peixería do Centro Carrefour As Cancelas e os restaurantes O Souto e Nómade.

Na peixería do Centro Carrefour As Cancelas de Santiago de Compostela podemos atopar produtos certificados procedentes da pesca artesanal.

O Souto é un bar restaurante situado no casco histórico de Pontevedra. Aposta por unha cociña de produto que adquire en provedores de proximidade certificados.

Nómade é un bar de viños de autor con cociña de proximidade en Santiago de Compostela. Centrados na calidade e na sustentabilidade, viño e cociña fan protagonista ao pequeno produtor e ao produto de tempada.

Certificacións

A depuradora de moluscos Mariscos Ramais S.L. renova a súa certificación na marca pescadeRías, ¿de onde se non? para o grupo biolóxico bivalvos.

Así mesmo, a empresa distribuidora Mares de Galicia S.A. tamén renova a súa certificación para bivalvos, estando ademais certificada como transformadora deste grupo biolóxico.

Da Lonxa ao Prato S.L., depuradora de bivalvos ubicada na Lonxa de Ribeira, amplía a súa certificación na marca como distribuidora de peixe, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e antozoos.

Apertura de campañas e axudas

O 2 de outubro comeza a campaña 2023-2024 do ourizo (Paracentrotus lividus) nas Confrarías de Pescadores da provincia de Pontevedra. Así mesmo, o 1 de outubro iniciarase o período autorizado para a extracción do santiaguiño (Scyllarus arctus) nas costas galegas, que se extenderá ata o 5 de xaneiro do vindeiro ano.

Por outra banda, xa está aberta a convocatoria das axudas autonómicas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas. Máis información aquí.

O artigo do mes

Pedro Montero, Garbiñe Ayensa, Silvia Calvo e Silvia Allen-Perkins, do INTECMAR, presentan o artigo Mellorando o coñecemento das condicións hidrográficas nas zonas dedicadas ao cultivo de especies marisqueiras.

O INTECMAR, xunto con MeteoGalicia e o CETMAR, leva máis de dez anos participando no Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia que se dedica á observación e predición das condicións meteorolóxicas e oceanográficas da costa de Galicia. Esta información resulta de grande utilidade para os técnicos de marisqueo, xa que dá soporte na xestión sostible e coordinada do medio mariño.

Para ver o artigo completo, preme aquí.

A receita do mes

Este mes propoñemos unha receita elaborada por Sergio Roma, do Restaurante O Souto de Pontevedra, que foi presentada no FICBUEU: Nigiri, croqueta de kimchi, cheddar e robaliza lañada. Esta curiosa combinación é fantástica para degustar como aperitivo.

A robaliza (Dicentrarchus labrax) é un peixe semigraxo que está no seu mellor momento de consumo durante o outono e inverno. Ademais de ser fonte de proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos omega3, destaca o seu contido en fósforo e selenio e en vitaminas do grupo B.

Podes acceder á receita aquí.

Feira CONXEMAR 2023

Do 3 ao 5 de outubro celebrarase a 24ª edición da Feira Internacional de Produtos do mar Conxelados CONXEMAR no Instituto Feiral de Vigo.

A Feira CONXEMAR, consolidada como referente do sector do conxelado a nivel mundial e cunha superficie expositiva actual de 37.000 m2, é un gran punto de encontro para o sector transformador, maioristas, importadores, exportadores, fabricantes, distribuidores, frigoríficos, maquinaria e industria auxiliar. A feira renóvase baixo o concepto Blue Transformation, poñendo o foco na innovación e sustentabilidade.

A Consellería do Mar estará presente co stand institucional da Xunta de Galicia e cun espazo para 14 empresas coexpositoras, entre as que se atopan  as seguintes entidades certificadas pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?: O Percebeiro S.L., Costas y Miñán S.L. e a Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín. Ademais, participan con stand propio as empresas certificadas Frigoríficos de Camariñas S.L., Mariscos Daporta S.L., Frigoríficos Rosa de los Vientos S.L., Conservas Portomar, Porto-Muiños e Frigorífica Botana S.L.