Próxima cita, Fórum Gastronómico

A Consellería do Mar participará no Fórum Gastronómico que se celebrará en A Coruña do 7 ao 9 de abril. Están confirmadas como coexpositoras tres entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: Porto-Muiños, S.L.; a Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre.

O stand institucional contará cunha sala de cata onde se levarán a cabo, entre outras actividades, varios showcooking que terán como protagonistas os produtos do mar certificados. A cargo dunha destas degustacións guiadas estará o cociñeiro Fernando «Caco» Agrasar, do Restaurante As Garzas de Malpica.

Alimentaria Barcelona

Do 23 ao 26 de marzo celebrouse a Feira Alimentaria Barcelona, que contou coa presenza da Consellería do Mar nun stand con 500 m2 de zona expositiva, repartidos en tres áreas para as empresas coexpositoras e unha zona para cociña, descanso e centro de negocios.

Participaron un total de 25 empresas da conserva e da transformación de peixes e mariscos, incluídas oito empresas certificadas: O Percebeiro S.L.Conservera Gallega S.A.Costas y Miñán S.L.Mares de Galicia S. A., Conservas Portomar SLU.Fish Factory, S.L.Conservas La Brújula, S.L. e Porto-Muiños, S.L. Tamén acudiron asociacións da industria dos produtos do mar, entre as que se atopaban Anfaco Cecopesca, e a D.O.P. Mexillón de Galicia.

SeaFood Expo Barcelona

Os produtos de marca pescadeRías de onde se non? volverán ser protagonistas das actividades que terán lugar no stand institucional da Consellería do Mar na Seafood Expo de Barcelona, que se celebrará do 23 ao 25 de abril.

Trátase dun dos eventos mundiais de maior calibre no ámbito da industria de produtos da pesca e a acuicultura.

No stand institucional da Consellería do Mar terán presenza 38 empresas coexpositoras, das cales tres están certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: Frigoríficos de Camariñas S.L., Mariscos Daporta S.L. e Mares de Galicia S.A.

Salón Gourmets

Do 22 ao 25 de abril celebrarase en Madrid o Salón Gourmets, a feira líder en Europa de alimentos e bebidas de alta calidade.

Os productos certificados da marca pescadeRías de onde se non? terán o seu propio programa de actividades na sala de catas do stand institucional da Consellería do Mar, no que participarán como coexpositores as seguintes entidades certificadas: Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, O Percebeiro S.L., Conservera Gallega S.A., Costas y Miñán S.L., Conservas Portomar SLU., Fish Factory, S.L., Conservas La Brújula, S.L. e Porto-Muiños, S.L.

Salimat Abanca

Do 30 de maio ao 2 de xuño celebrarase en Silleda a 21ª Edición do Salón de Alimentación do Atlántico Salimat Abanca. O salón ofrece unha completa área expositiva, un atractivo programa de actividades e os seus encontros internacionais de compradores.

A Consellería do Mar, como en anos anteriores, terá presenza institucional e organizará distintas actividades para promocionar os productos do mar.

Neste momento está aberto o prazo de inscripción para aquelas empresas que queiran participar como expositores.

Para máis información, preme aquí.

Entidade do mes: Mariscos Areamar

Mariscos Areamar é un comercio minorista situado na praza de abastos de Portonovo e especializado na venda de marisco local fresco. Conta cunha ampla traxectoria na venda de produtos escollidos das lonxas galegas e distribúe a domicilio a toda a península.

Foi un dos primeiros minoristas adheridos á marca pescadeRías de onde se non?

Loli Alarcón, ao frente do equipo, vén de recibir o galardón Mulleres Senlleiras que otorga a Asociación Mujeres en Igualdad Amei Ría de Pontevedra.

Parabéns!

Especie do mes: ameixa babosa

A ameixa babosa (Venerupis corrugata) é un molusco bivalvo coa cuncha de cor gris ou crema, con manchas escuras irregulares. Presenta dous sifóns unidos na súa totalidade, característica a que nos permite diferenciala das outras ameixas.
Aliméntase de partículas orgánicas en suspensión e fitoplancto presentes na auga de mar.
É máis delicada que as outras ameixas; pequenas variacións de temperatura e de salinidade poden provocar a súa morte e, ademais, resiste menos tempo fóra da auga que a ameixa fina.

Podes atopar máis información sobre esta especie nesta ligazón.

Peches e aperturas de campañas

O pasado 31 de marzo rematou a campaña de extracción da volandeira (Aequipecten opercularis), cun total de 233.360 quilos extraídos, e un valor en primeira venda de 766.828 euros. Tamén pechou a tempada de capturas do lumbrigante (Homarus gammarus), que abrirá de novo 1 de xullo. O volume de capturas de lumbrigante nesta campaña acadou os 25.370 quilos, cun valor en primeira venda de 827.404 euros.

Por outra banda, o 1 de abril comezou a campaña de extracción da lagosta (Palinurus elephas), que permanecerá aberta ata o o 30 de setembro.

Plan de xestión da sardiña

O pasado 12 de marzo publicouse no Diario Oficial de Galicia o Plan de xestión da sardiña (Sardina pilchardus) con arte de xeito para o ano 2024 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O plan establece as condición nas que se desenvolverá a actividade, comos as características da arte, tamaño mínimo de captura, especies acompañantes, topes de captura mensuais, horarios, puntos de control e venda, mostraxes e seguimento, entre outros aspectos.

Para ver a resolución completa, preme aquí.

Permisos de explotación-PERMEX

Están abertos os procesos selectivos para o acceso a distintos permisos de explotación nas seguintes confrarías:

Confraría de Pescadores de Camelle . Algas a pé, mergullo en apnea e con subministro de aire dende a superficie. Información nesta ligazón e nesta outra.

Confraría de pescadores de Corcubión. Anemones a pé. Información aquí.

Confraría de Pescadores de Miño. Poliquetos a pé. Información aquí.

Confraría de pescadores de Palmeira. Solénidos. Mergullo en apnea. Información aquí.