Aperturas de campaña

O 1 de abril iniciouse a campaña de extracción da lagosta (Palinurus elephas), que se prolongará ata o 30 de setembro.

Por outra banda, autorizáronse os Plans de pesca de anguía (Anguilla anguilla) para as confrarías de pescadores das rías de Vigo e Arousa para a tempada 2025, mediante Resolucións da Consellería de Mar do 26 de marzo.

Poderán participar nos plans de pesca de anguía as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación a nasa voitirón ou a nasa para anguía. O período autorizado é do 1 de abril ata o 30 de setembro de 2025, e cada embarcación poderá empregar ata 80 nasas diarias de anguía ou voitirón.

Especie do mes: Serrán Cabra

O serrán cabra (Serranus cabrilla) é unha especie capturada pola flota artesanal galega con artes de enmalle e anzol, que se comercializa en fresco. Habita fondos rochosos e destaca pola súa cor rosada con bandas transversais acastañadas.

Desde o punto de vista reprodutivo, é hermafrodita sincrónico, podendo actuar como macho ou femia. Trátase dun peixe solitario e territorial, que se agocha entre as rochas ao sentirse ameazado.

É un peixe de carne branca e sabor excelente, aínda que algo espiñento. A súa preparación tradicional inclúe fritido en aceite ben quente ou en caldeirada á galega, sendo tamén ideal para pratos de peixe esmiuzado. Máis información aquí.

A entidade do mes: Pescados Rabina

Con máis de cen anos de historia, Pescados Rabina é sinónimo de calidade, frescura e tradición na selección, venda e distribución de peixe e marisco galego. Fundada en 1895, mantivo sempre un firme compromiso coa excelencia e o respecto polo produto do mar. 

Situada no mercado da Praza de Lugo, na Coruña, a empresa adquire maioritariamente os seus produtos en Ribeira e Coruña, que comercializa a restaurantes, peixarías e consumidores de toda España. 

Marcos Rabina, cuarta xeración da familia, destaca que a súa filosofía non é só vender peixe, senón custodiar o legado familiar e a riqueza das nosas costas.

Premio ao proxecto Seacaps

O concurso Eduemprende Idea, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, premiou o proxecto Seacaps, unha proposta innovadora para crear un fertilizante concentrado en cápsulas elaborado con algas mariñas e cunchas de moluscos.

O proxecto foi desenvolvido por catro estudantes do ciclo superior de Comercio Internacional do CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, baixo a supervisión da profesora Paula Boo.

O equipo gañador poderá acceder aos viveiros da Rede galega de viveiros de empresas en centros educativos ou á área de emprendemento industrial do Centro Galego da Innovación da FP e recibir asesoramento técnico especializado. Máis información aquí.

A receita do mes: Choco Benedictino

A cociñeira Emma Pinal, do Gastrobar O Birrán de Ribadavia, sorprende cunha receita orixinal e sinxela: Choco Benedictino. O prato ten como protagonista o choco, que se acompaña de Pan de Cea e unha salsa especial que lle achega un sabor único.

Esta elaboración foi unha das presentadas no showcooking «pescadeRías de onde se non? – De proximidade e con selo propio», dentro da X edición do Galicia Fórum Gastronómico.

Se queres probar unha combinación diferente cun produto tan versátil como o choco, esta receita é unha excelente opción.

Podes ver a receita completa aquí.