O mellor das festas gastronómicas de agosto

Os produtos da pesca artesanal galega foron os grandes protagonistas das festas gastronómicas celebradas no mes de agosto, levando a súa frescura e calidade a milleiros de persoas.

Neste vídeo podes ver un resumo en imaxes dalgunhas das citas máis destacadas: as Xornadas Gastronómicas da Confraría de Corcubión, a Festa do Marisco da Confraría de Barallobre e o evento de exaltación do peixe azul organizado por Azul de Portosín. Incluímos tamén unhas imaxes da Xornada Vivir o Cerco con Peixe, organizada por ACERGA na lonxa de Sada, que puxo en valor o traballo da flota galega do cerco e os beneficios do consumo do peixe azul.

Estaremos en Auténtica Sevilla

Os días 15 e 16 de setembro celebrarase en Sevilla a Auténtica Food Fest 2025, unha das citas profesionais máis recentes e con maior proxección no ámbito da alimentación en España. O encontro converterase nun espazo de referencia que reunirá a milleiros de profesionais, directivos e cociñeiros vinculados á gran distribución, ao comercio retallista, ao canal horeca e á alta gastronomía, nun foro único para coñecer tendencias e retos do sector.

O evento contará cun stand institucional da Consellería do Mar no que participarán oito empresas, entre elas El Percebeiro S.L., Costas y Miñán S.L. e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?

Participación en próximas feiras internacionais

O calendario internacional de feiras de produtos da pesca e da alimentación contará coa presenza dos produtos da pesca artesanal galega en dous escenarios de referencia mundial: Singapur e Miami.

Do 10 ao 12 de setembro celebraranse de xeito simultáneo a Seafood Expo Asia, na que participarán sete empresas galegas, e a Americas Food & Beverage Show & Conference, con dez compañías representadas dentro do stand institucional da Consellería do Mar. Nesta última destacan Conservas La Brújula S.L. e Costas y Miñán S.L., que presentarán as súas conservas elaboradas con peixes e mariscos certificados pola marca de calidade pescadeRías de onde se non?

O mar en tapas

A Confraría de Pescadores da Illa de Arousa-OPP20 organiza os días 13 e 14 de setembro a terceira edición de O Mar en Tapas, unha ruta gastronómica por 11 establecementos hostaleiros da Illa.

O produto estrela será a ameixa rubia, un bivalvo emblemático das rías galegas e distintivo desta confraría, que o pasado ano liderou a súa comercialización tanto en volume como en cotización. Ao longo da fin de semana, as persoas participantes poderán degustar diferentes propostas culinarias elaboradas con este marisco, elixir as súas favoritas e participar no sorteo de dous lotes de marisco da Illa.

Podes ampliar a información aquí.

Xuntanza de blogueiros

Os produtos da pesca artesanal galega, certificados pola marca pescadeRías de onde se non? volverán estar presentes na XIII Xuntanza de Blogueiros Gastronómicos de Galicia, que se celebrará en Ribadeo os días 20 e 21 de setembro.

Máis de 25 blogueiros terán oportunidade de coñecer de preto o patrimonio mariñeiro e gastronómico da Mariña Lucense, cun programa que inclúe visitas á Praia das Catedrais, ao porto de Rinlo e ao forte de San Damián, ademais dun tapeo polos locais da vila. O encontro pechará cun xantar no restaurante Javier Montero, que ofrecerá unha mostra da súa cociña tradicional creativa.

Gala da Asociación Española contra o Cancro

O sábado 9 de agosto celebrouse no Gran Hotel de La Toja a tradicional gala benéfica organizada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC), un evento solidario que reuniu a numerosas persoas comprometidas coa causa.

A cita contou cunha degustación de navallas e polbo procedentes da pesca artesanal galega e certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

O apoio á investigación e á loita contra o cancro foron os protagonistas deste evento anual, que no seu décimo aniversario volveu converterse nun espazo de encontro, compromiso social e solidaridade.

Marta Franco únese á Tripulación pescadeRías

Marta Franco, armadora de artes menores e socia da Confraría de Vigo, únese á tripulación de pescadeRías de onde se non? para compartir connosco a súa vida no mar.

Nesta reportaxe danos a coñecer as especies que captura, as artes coas que traballa, e os labores asociados á súa actividade. Ademais, amósanos como se pesca ao boliche, un arte tradicional e respectuosa co mar. Unha testemuña que pon en valor a pesca artesanal galega e a entrega das persoas que a fan posible.

Preme aquí e acompáñanos nesta travesía coa tripulación pescadeRías.

Axudas remuda xeracional na pesca

A Consellería do Mar publicou a convocatoria de axudas para fomentar a remuda xeracional no sector pesqueiro, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). O obxectivo é facilitar o embarque do alumnado de ciclos formativos náutico-pesqueiros, de xeito que se lles ofrece a oportunidade de realizar prácticas a bordo que melloren as súas capacidades profesionais e impulsen a súa incorporación ao sector.

Así mesmo, a liña de axudas pretende busca apoiar ás persoas armadoras, coa compensación de parte dos gastos derivados da acollida destes estudantes.

Máis información aquí.

Especie do mes: Longueirón vello

Este mes a especie protagonista é o longueirón vello (Solen marginatus). Trátase dun molusco bivalvo de cuncha alongada e brillante que destaca pola súa calidade e valor gastronómico. Presente nos fondos areosos e lamacentos das rías, captúrase principalmente a mergullo, e tamén a pé nas baixamares vivas. A técnica de extracción, individuo a individuo, é selectiva e sostible.

Cun baixo contido en graxa e rico en proteínas, vitaminas e minerais, o longueirón é unha excelente opción para unha dieta equilibrada. Na cociña, resulta versátil e saboroso, e admite múltiples elaboracións tradicionais.

Amplía aquí a información.

A entidade do mes: Confraría de Pescadores de Sada

A Confraría de Pescadores de Sada forma parte da marca de calidade pescadeRías de onde se non? desde o ano 2008. A súa actividade principal céntrase na comercialización de peixe azul procedente da flota do cerco, coa sardiña como principal recurso.

A certificación abrangue a lonxa, como punto de primeira venda, e a actividade de distribución, e inclúe os grupos biolóxicos de peixes, crustáceos e cefalópodos.

A confraría dispón dun punto de venda directa ao consumidor na lonxa de Sada e tamén dunha tenda online que realiza envíos á Península Ibérica.