Certificacións

No mes de maio tiveron auditoría de seguimento a Confraría de Pescadores de Aldán-Hío (cefalópodos, peixes, bivalvos e gasterópodos), HQ Seaweed S.L. (algas) e Frigoríficos Rosa de los Vientos S.L. (cefalópodos e bivalvos).

As auditorías de seguimento son de obrigado cumprimento para todos os axentes certificados e pásanse nun momento intermedio durante o período de vixencia da certificación. As certificacións outórganse por cinco anos.

Nova entidade adherida

Damos a benvida á peixería Carrefour Market de Sada, que comercializa produto da pesca artesanal galega, e acaba de adherirse á marca pescadeRías de onde se non?

O seu proveedor é Orixe da Ría S.L., distribuidor certificado que compra diariamente nas lonxas galegas.

Orixe da Ría S.L. provee tamén á peixería do Carrefour Market de Sanxenxo, adherida á marca con anterioridade.

Aperturas de campaña

No mes de maio abriu a campaña da zamburiña (Mimachlamys varia) na Ría de Ferrol,  o ameixón (Callista chione), na Ría de Muros e Noia, e os anemones  (Anemonia viridis).

Durante este mes capturáronse dúas toneladas de zamburiña, que se comercializaron nas lonxas das Confrarías de Ferrol e Barallobre. O volume de ameixón extraído foi perto de 10 toneladas, e o 98% da primeira venda fíxose na lonxa da Confraría de Muros.   De anemones capturáronse 518 quilos e a primeira venda canalizouse a través da lonxa da Confraría de Barallobre.

Axudas

Están abertas as seguintes convocatorias de axudas e subvencións de interese para o sector pesqueiro e marisqueiro:

Subvencións da Deputación de Pontevedra ás confrarías de pescadores/as, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras da provincia de Pontevedra para investimentos. Información aquí.

Axudas da Consellería do Mar a persoas armadoras e tripulantes, por paralización temporal da actividade marisqueira. Información aquí.

Especie do mes: Longueirón

O longueirón (Ensis siliqua) é un molusco bivalvo con dúas cunchas rectas e alongadas, o cal o diferencia da navalla (Ensis magnus), que é lixeiramente curva. Nótase moito nas valvas a liña de crecemento e presenta dúas zonas de cor diferente, separadas por unha diagonal: unha zona de liñas horizontais marróns ou alaranxadas e outra de liñas verticais.

Vive en fondos areosos, no intermareal inferior e no infralitoral. A súa extracción faise mediante mergullo a pulmón ou con subministro de aire dende superficie, capturando os individuos de un en un coa man. Máis información aquí.

Entidade do mes: Da lonxa ao prato

Da Lonxa ao Prato S.L. é  unha empresa familiar con base en Ribeira e profundamente imbricada no sector da pesca desta localidade. Dedícase á venda de produtos pesqueiros frescos, a maioristas e minoristas, tanto a nivel local e autonómico, como nacional e internacional.

Teñen unha instalación depuradora de moluscos bivalvos e cetárea propia. Están certificados pola marca para a comercialización de bivalvos, peixes, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e antozoos.

O artigo do mes

O artigo do mes está centrado no consumo de peixe azul e amósanos unha perspectiva dupla: os seus beneficios para a saúde e para o medio ambiente.

O catedrático de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela Gumersindo Feijoo explica os aportes nutricionais do peixe azul e os efectos da dieta atlántica sobre a poboación. Tamén proporciona información sobre o impacto ambiental das modalidades de pesca empregadas na súa captura e a pegada de carbono asociada. Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes

O restaurante Liresca de Cee proponnos cociñar un dos peixes que está en tempada neste mes de xuño: o pinto (Labrus bergylta).

A súa caldeirada de pinto con parmentier de pataca de Coristanco e fabas do marisco (alubia verdina da Costa da Morte) xunta no mesmo prato os nosos sabores do mar e da terra, produto local, temporalidade e sustentabilidade.

Podes ver a receita completa aquí.