Festa do Marisco de Barallobre

O porto de Barallobre acollerá unha nova edición da Festa do Marisco, organizada pola Confraría de Barallobre coa colaboración do Concello de Fene. O evento celebrarase o 24 e 25 de agosto, e ofrecerá degustacións de marisco fresco procedente da ría de Ferrol e certificado pola marca pescadeRías de onde se non?

O programa inclúe dous showcookings diarios, a cargo da cociñeira Nair González, do restaurante Muelle 43, adherido á marca.

Tamén haberá actividades de ocio para os máis pequenos e música ao vivo, nunha cita que pon en valor o traballo do mar e a calidade dos produtos procedentes da pesca artesanal galega.

II Xornadas Gastronómicas Corcubión

Do 22 ao 24 de agosto, a Confraría de Pescadores de Corcubión celebrará as II Xornadas Gastronómicas, co polbo como gran protagonista. O programa incluirá showcookings a cargo do chef Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, entidade adherida á marca pescadeRías de onde se non?, onde o público poderá descubrir novas formas de preparar e gozar deste emblemático produto da pesca artesanal galega. As prazas para os showcookings son limitadas e requiren inscrición previa no teléfono 981 746 951.

Ademais, haberá obradoiros infantís para achegar o mundo do mar aos máis pequenos e degustacións de racións de polbo a prezos populares.

Unha cita para saborear o verán!

Certificacións

Durante o mes de xullo realizáronse auditorías de seguimento a catro axentes certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arosa, con sede en Abanqueiro e certificada desde 2017 para bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos.

Porto-Muiños S.L., transformadora especializada en algas ecolóxicas, certificada desde 2012.

Descaexport S.L., distribuidora de polbo con sede en Burela e certificación para cefalópodos desde 2017.

Lonxa de Baixura do Porto Pesqueiro de Vigo, certificada desde 2009 para peixe, cefalópodos e crustáceos.

FICBUEU 2025

A edición deste ano do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), que se celebrará do 5 ao 20 de setembro, contará de novo cunha degustación guiada de produtos da pesca artesanal galega. O Souto Bar Restaurante, de Pontevedra, adherido á marca, será o encargado de ofrecer o showcooking, que terá lugar o 13 de setembro, dentro do programa oficial do festival.

Esta proposta gastronómica ofrece ao público asistente a oportunidade de coñecer en directo diferentes elaboracións con produto certificado pola marca pescadeRías de onde se non?, destacando o valor do peixe e marisco fresco, de tempada, procedente da nosa costa e obtido mediante artes de pesca respectuosas co medio mariño.

Nova normativa de traslado de especies

A Orde do 4 de xullo de 2025, publicada no DOG o 22 de xullo, regula a actividade de traslado en vivo de especies como a nécora, o camarón, o boi, o lumbrigante, a lagosta, a centola, o santiaguiño e a anguía na costa galega.

A norma define e establece os requisitos mínimos dos traslados en vivo previos ao desembarque: instalacións, apertura da declaración de traslado, rexistro de finalización, identificación dos puntos de almacenamento, duración máxima, número límite de operacións e garantías de trazabilidade.

Esta regulación responde a unha demanda do sector e busca unha maior seguridade xurídica e transparencia nas prácticas de comercialización. Podes consultar a orde aquí.

Tripulación pescadeRías: María José Basanta

María José Basanta, autora do blog Laurel y Canela, únese á Tripulación pescadeRías!

Acompañamos a María José nun percorrido pola praza de abastos de Santiago, onde nos fala da súa aposta pola pesca artesanal galega. Entre peixes e mariscos, destaca a importancia de mercar produto fresco e de tempada, e de confiar no saber facer dos praceiros e praceiras. Para ela, un bo peixe de calidade non precisa receitas complicadas: a cociña sinxela proporciónanos pratos auténticos e saudables.

María José tamén nos dá claves para consumir mellor: coñecer a orixe, escoller especies de tempada e apostar pola pesca responsable.

Podes ver a entrevista aquí.

Especie do mes: Bonito alistado

O bonito alistado (Katsuwonus pelamis) é un peixe fusiforme e robusto, sen escamas, co dorso azul escuro. Ten os flancos e ventre prateados, que lucen entre 4 e 6 bandas lonxitudinais escuras, converxentes cara á cola.  

Alimentase activamente de peixes, cefalópodos e crustáceos. É unha especie peláxica, gregaria e migratoria. Forma grandes bancos que se achegan á costa en verán, momento no que tamén é capturada pola frota artesanal galega, que o pesca con artes de cerco e palangre.

Na cociña admite múltiples preparacións, tanto á brasa ou a grella, como con mollos tradicionais (escabeches ou salsas de tomate) e tamén elaboracións ao estilo asiático.

Podes ampliar a información aquí.

Entidade do mes: Grupo Envimar NW

Desde novembro de 2018, Grupo Envimar NW, S.L. opera como empresa certificada baixo a marca pescadeRías de onde se non?, cun amplo alcance que inclúe peixes, cefalópodos, equinodermos, bivalvos e crustáceos. A empresa, con sede en Ribeira, está certificada como distribuidora, transformadora e centro de expedición de produtos da pesca artesanal galega, garantindo unha cadea de trazabilidade completa e calidade sistemática.

A empresa selecciona directamente produto fresco nas principais lonxas galegas e dispón dunha rede de distribuidores á que abastece tanto o sector da restauración como outras empresas transformadoras. Os seus procedementos son auditados periodicamente e están orientados á excelencia desde o mar ata o consumidor.

As algas galegas en cifras

Os investigadores Ángel M. Rodríguez e Emilio Abella, do Centro de Investigacións Mariñas (Cima), presentan un estudo pioneiro sobre a recollida e comercialización de algas en Galicia, elaborado no marco do proxecto ALGAPROX da REDEMAR. A investigación, desenvolvida entre 2020 e 2024, analiza datos procedentes de confrarías, lonxas, empresas transformadoras e organismos oficiais. A principal conclusión é clara: as algas son unha fonte de ingresos complementaria, que achega diversidade e estabilidade á pesca artesanal. Galicia destaca pola súa ampla variedade de especies comerciais, como o wakame, a ulva ou o codium, cunha estrutura produtiva sólida baseada nas confrarías e no tecido transformador.

Podes ler o artigo aquí.

A receita do mes: Coca de escalivada con sardiñas

Este mes propoñemos unha receita perfecta para o verán: coca de escalivada con sardiñas, unha elaboración saborosa, lixeira e con todo o sabor do mar. Trátase dunha receita de Vivi Taboada, autora do blog Ó carón da lareira, quen aposta por produtos de tempada e proximidade para unha cociña saudable e con identidade.

A receita combina vexetais asados e sardiñas frescas sen espiñas sobre unha base de masa caseira, ideal para ceas informais ou como prato principal nun día de praia. Anímate a preparar esta proposta con peixe azul con orixe, calidade e frescura garantida.

Podes ver a receita completa aquí.