INDO e VINDO Espazo Gastronómico, no seu local ubicado en Cambados, ofrece catas, obradoiros e degustacións con produtos de tempada, proximidade e saudables. A súa adhesión ao selo pescadeRías reflicte o seu compromiso coa pesca artesanal e sostible.
Certificacións
En novembro realizáronse auditorías de seguimento no selo pescadeRías, ¿de onde se non? nas empresas distribuidoras Pulponor, S.Coop. Galega (cefalópodos) e Pescados Pulponor, S.L. (cefalópodos), que ademáis solicitou ampliación do grupo biolóxico peixe.
Empresa do mes: Conservas Portomar, S.L.U.
En Conservas Portomar, S.L.U. (Vilagarcía de Arousa) son especialistas na selección das mellores materias primas do mar, que cociñan con ingredientes 100% naturais e envasan de xeito artesanal, baixo os máis esixentes estándares internacionais de calidade.
Baixo as marcas El Pescador de Arosa e Portomar comercializan produtos certificados polo selo pescadeRías.
Guía Michelín 2023
O restaurante Serpe de Pepe Vieira (Poio – Pontevedra), adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, acadou a súa segunda Estrella Michelín durante a gala celebrada o pasado 22 de novembro.
A Guía Michelín España & Portugal 2023 distingue a Galicia con 16 Estrellas Michelín, 3 Estrellas Verdes e 26 restaurantes na categoría de Bib Gourmand. Parabéns a todos/as os/as galardoados/as.
III Premios Economía Azul
O pasado 1 de decembro tivo lugar a entrega dos III Premios Economía Azul. Os proxectos galardoados nas 4 diferentes categorías foron o acondicionamento da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico, a produción de algas por parte da empresa H. Q. Seaweed, a Aula do Mar creada pola Asociación de Saúde Mental da Mariña e o Centro de Transformación do Lixo Mariño, promovido pola Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia.
Campaña da vieira en Cambados
O 22 de novembro comezou a campaña da vieira en Cambados. As capturas son descargadas na lonxa da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados e a empresa Porto de Cambados, S.L. pon no mercado esta vieira eviscerada con todas as garantías de seguridade alimentaria e calidade. Ambas entidades están certificadas polo selo pescadeRías.
Inicio da campaña da ostra en Noia
O 21 de novembro comezou a campaña extractiva da ostra (Ostrea edulis) na Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia con 35 embarcacións autorizadas e topes de captura de 350 unidades por tripulante enrolado a bordo e día. A arte de pesca empregada polas embarcacións é o rastro de vieira e volandeira adaptado para a captura de ostra.
Breca vs pancho bicudo
A breca (Pagellus erythrinus) e o pancho bicudo (Pagellus acarne) son dúas especies que podemos atopar habitualmente nas lonxas e mercados de Galicia e que podemos confundir por ter bastantes similitudes na súa forma e tonalidade. Premendo aquí podes atopar unha ficha con algunhas pautas para poder diferencialas.
Accións formativas en A Aixola 2023
Aberto o prazo de preinscrición para diferentes accións formativas durante o ano 2023 no Centro de Formación A Aixola (Marín).
Premendo aquí podes consultar a oferta formativa e realizar a preinscrición.
Cursos de mariñeiro/a pescador/a
Publicadas convocatorias para realizar o curso de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol e no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.