Charla no Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira

O equipo de xestión da marca impartiu unha charla formativa no marco do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira. A sesión, celebrada na Aula de Cociña da Praza de Abastos, estivo dirixida ao alumnado do curso de operacións básicas de cociña do SEPE.

A formación tivo un carácter práctico e abordou cuestións como o etiquetado e a trazabilidade dos produtos do mar, a seguridade alimentaria, os tamaños mínimos das especies e a diferenciación de moluscos bivalvos de interese comercial. Tamén incluíu a presentación de ferramentas dixitais de consulta que permiten acceder a información actualizada sobre especies, e a ecoetiqueta pescaenverde.

Actividades co CIFP Carlos Oroza

Estivemos no Espazo Oroza da Praza de Abastos de Pontevedra co alumnado do ciclo de Dirección de Cociña do CIFP Carlos Oroza para desenvolver unha actividade práctica centrada no coñecemento dos produtos do mar. Durante a xornada visitamos os postos de peixes e mariscos da praza e abordamos o recoñecemento e a diferenciación de especies de peixes e mariscos, así como a identificación do sexo nos crustáceos.

O alumnado afondou tamén na interpretación da información das etiquetas, con atención á trazabilidade, á orixe do produto e ás garantías de seguridade alimentaria. A actividade permitiu achegar aos futuros profesionais da cociña á realidade da praza e ao valor do produto fresco. Reforzouse así a importancia de coñecer en profundidade o que se cociña para tomar decisións responsables, informadas e aliñadas coa calidade e a sustentabilidade do sector.

Visitamos o Obradoiro de Emprego Vigo Capacita X

O pasado 20 de xuño impartiuse unha acción formativa ao alumnado do Obradoiro de Emprego Vigo Capacita X, das especialidades de Operacións Básicas de Restaurante e Cociña. O obxectivo foi achegar a marca pescadeRías de onde se non? aos futuros profesionais da hostalaría, dando a coñecer os seus valores, requisitos e a importancia da trazabilidade nos produtos do mar.

A sesión abordou os criterios da marca e a súa relevancia na pesca artesanal e no consumo responsable. Na parte práctica, realizouse un obradoiro de identificación de moluscos bivalvos que incluíu seguimento da trazabilidade dos produtos da pesca artesanal a través do código QR das etiquetas.

A receita do mes

Este mes a receita da nosa sección é unha elaboración mar e montaña apta para persoas vexetarianas. Si, vexetariana e con produtos do mar, porque un dos ingredientes protagonistas, que lle imprime o carácter mariño, é a alga wakame (Undaria pinnatifida).

Esta elaboración foi unha das favoritas do público asistente ao Obradoiro de cociña con Algas e Mariscos organizado pola OPP20 Illa de Arousa. O Obradoiro foi impartido por Mariví Otero, cociñeira do Chiringuito Coco Bao da Illa de Arousa, quen nos proporcionou esta receita de pani puris recheos de bechamel de alga wakame e cogomelos portobello.

Podes ver a receita completa aquí.

Obradoiros de cociña con algas

A Organización de Produtores do Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra O.P.P.20 organizou durante o mes de xuño tres obradoiros de cociña con algas e mariscos que resultaron ser todo un éxito. Os obradoiros desenvolvéronse no chiringuito Coco Bao da Illa de Arousa, conducidos por Mariví Otero, cociñeira do propio local.

As persoas participantes tiveron a oportunidade de cociñar coas algas wakame e kombu, carneiro e navallas.

A OPP20 é entidade usuaria da marca pescadeRías de onde se non? e está certificada para bivalvos, algas, crustáceos e antozoos.