Tripulación pescadeRías

Este mes en Tripulación pescadeRías conversamos con María Muíños, responsable da Lonxa de Canido, xestionada pola Confraría de Vigo. Con ela coñecemos de preto como funciona a lonxa, desde a organización interna ata o proceso de venda ao público. María tamén nos fala da importancia de apostar polo consumo de peixe e marisco fresco, capturado pola nosa frota artesanal, e do valor engadido que achegan en termos de calidade, sostibilidade e confianza.

Unha oportunidade única para achegarnos ao traballo e á dedicación das persoas que fan posible levar o mellor do mar ás nosas mesas.

Podes ver o vídeo da entrevista aquí.

Entidades certificadas

En setembro realizáronse diversas auditorías no marco da marca pescadeRías de onde se non?, un proceso esencial para garantir o cumprimento dos requisitos de certificación esixidos pola marca.

A empresa Marítima de Hoteles y Restaurantes S.L. (HORESMAR), situada na Lonxa de Vigo, tivo a súa auditoría inicial para obter a certificación como distribuidora de peixe, crustáceos, bivalvos e cefalópodos. Conservas Antonio Pérez Lafuente S.A., con sede en Vilanova de Arousa, afrontou a auditoría de seguimento como transformadora de bivalvos e peixe. Pola súa parte, a Confraría de Pescadores de Rianxo renovou a súa certificación como lonxa de peixe, cefalópodos, crustáceos e bivalvos, que ten vixente desde 2015.

A entidade do mes: Confraría de Pescadores de Sada

A Confraría de Pescadores de Sada forma parte da marca de calidade pescadeRías de onde se non? desde o ano 2008. A súa actividade principal céntrase na comercialización de peixe azul procedente da flota do cerco, coa sardiña como principal recurso.

A certificación abrangue a lonxa, como punto de primeira venda, e a actividade de distribución, e inclúe os grupos biolóxicos de peixes, crustáceos e cefalópodos.

A confraría dispón dun punto de venda directa ao consumidor na lonxa de Sada e tamén dunha tenda online que realiza envíos á Península Ibérica.

Nova entidade: tenda online Lonxa de Sada

A Lonxa de Sada dá un paso máis no seu compromiso coa pesca sostible coa posta en marcha dunha tenda online. Os consumidores poden adquirir peixe azul e marisco fresco, como sardiña, xurelo, centola ou camarón, con total trazabilidade e procedentes da pesca artesanal local.

Coa adhesión da tenda online ao selo pescadeRías de onde se non?, a Lonxa de Sada garante orixe galega, frescura e calidade. Esta nova canle de comercialización achega o produto do mar directamente á mesa dos consumidores, reforzando a visibilidade do traballo das confrarías e facilitando o acceso a produtos frescos e sostibles desde calquera punto de Galicia.

Alianza pescadeRías de onde se non? e pescaenverde: renovación de certificados

33 lonxas e centros de venda certificados pola marca pescadeRías de onde se non? acaban de recibir o certificado de renovación da marca de garantía pescaenverde, no marco da alianza entre a Consellería do Mar e a Universidade de Santiago de Compostela para identificar a pesca galega sostible e de alta calidade. Con esta renovación, xa son 42 lonxas e centros de venda que usan as marcas pescadeRías e pescaenverde conxuntamente nas súas etiquetas.

A marca pescaenverde, creada polo Grupo de Investigación de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medioambiente, a través de dous indicadores: a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxética-TRE.

Certificacións

Durante o pasado mes realizáronse auditorías de seguimento das seguintes entidades:

Confraría de Pescadores de Sada (peixe e cefalópodos). Ademais, a entidade ampliou o seu alcance a crustáceos e certificouse como distribuidor.

Confraría de Pescadores de Vigo (bivalvos, cefalópodos, crustáceos, peixe, algas, antozoos e equinodermos). Esta entidade realiza a primeira venda dos produtos da pesca na Lonxa de Canido e Lonxas do Porto de Vigo.

Confraría de Pescadores de Noia (bivalvos). Esta confraría xestiona a Lonxa e depuradora de bivalvos de Testal e o Centro de Venda de O Freixo.

Tripulación pescadeRías

Continuamos a sección Tripulación pescadeRías con Manuel Tomás Abal, poxador da Confraría de Pescadores de Ribeira. 

Como é o día a día nunha lonxa de peixe e marisco? Que funcións ten un poxador? Manuel cóntanolo de primeira man desde un dos portos pesqueiros máis importantes de Galicia. Coñeceremos en que consiste o seu traballo diario na Lonxa de Ribeira, onde cada día se descargan peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal galega, que despois atoparemos nos mercados de toda Galicia e tamén noutros puntos de España.

Podes ver o vídeo aquí.

Reapertura de A Túa Lonxa

A peixería A Túa Lonxa, da Confraría de Ferrol, volveu abrir despois dunha reforma integral que inclúe unha nova imaxe de marca e fachada acristalada. Ofrece, de martes a sábado, peixe e marisco fresco capturado de forma artesanal e certificado por pescadeRías de onde se non?

Ademais, modernizouse e ampliouse a depuradora para atender á crecente demanda de moluscos bivalvos.

A confraría ten o proxecto de habilitar a medio prazo unha terraza ao aire libre, de aproximadamente 300 metros cadrados, con vistas ao mar, onde os visitantes poderán gozar de peixes e mariscos da lonxa de Ferrol.

A entidade do mes: Confraría de Pescadores de Vigo

A actividade das persoas socias da Confraría de Pescadores de Vigo céntrase na extracción de recursos específicos, marisqueo, artes menores e cerco.

A confraría xestiona a lonxa de Canido. No 2023 as principais especies por volume foron a navalla, o polbo e a ameixa babosa. A súa principal clientela son maioristas e restaurantes; ademais, contan con servizo de venda directa ao público na lonxa de Canido. Está certificada pola marca pescadeRías de onde se non? para a comercialización de bivalvos, cefalópodos, crustáceos, peixes, algas, antozoos e equinodermos.

Máis información aquí.

Formación a entidades certificadas

A formación de todo o persoal implicado na cadea mar-industria é fundamental para que a trazabilidade dos produtos do mar sexa efectiva. O equipo de xestión da marca imparte formación aos distintos axentes certificados para que poidan aplicar estes coñecementos no seu día a día.

No mes de abril impartiuse formación sobre a marca ao persoal da Confraría de Pescadores San José de Cangas e da Confraría de Pescadores Nuestra Señora de las Arenas de Fisterra.