Peche de campañas

O pasado 5 de xaneiro pechouse a campaña da lagosta (Palinurus elephas), a nécora (Necora puber) e o santiaguiño (Scyllarus arctus), tres especies emblemáticas que volverán progresivamente aos mercados ao longo do ano: a lagosta o 1 de abril, a nécora o 1 de xullo e o santiaguiño o 1 de outubro.

Durante a campaña da nécora comercializáronse 81 toneladas, cun valor próximo aos dous millóns de euros. As lonxas de Vigo, A Coruña, Ribeira, O Grove e Cangas concentraron o 65% do volume de primeira venda.

No caso do santiaguiño, nos seus tres meses de campaña capturáronse 850 quilos, cunha facturación de 105.000 euros. O prezo medio en lonxa foi de 123 euros por quilo, acadando máximos de 280 euros.

Volven aos mercados a nécora, o lumbrigante e o polbo capturados en augas galegas

Co inicio do mes de xullo, volven aos mercados tres especies moi prezadas e fundamentais para a frota artesanal galega: a nécora (Necora puber), o lumbrigante (Homarus gammarus) e o polbo (Octopus vulgaris). A apertura das súas respectivas vedas permite retomar a súa captura e comercialización, coincidindo coa alta demanda estival.

Tamén acaba de comezar a campaña do boliche nas rías galegas, unha arte tradicional empregada para a pesca da lura (Loligo vulgaris) e outras especies acompañantes. Esta actividade prolongarase ata o 31 de outubro, ofrecendo un produto fresco de proximidade e con garantías de trazabilidade e calidade.

En contraposición, outras especies entraron en veda. A centola (Maja brachydactyla), protagonista da tempada outono-inverno, iniciou a súa veda no mes de xuño e non volverá aos mercados ata novembro. Así mesmo, o vindeiro 21 de xullo comezará a veda do choco (Sepia officinalis) nas rías de Vigo e Pontevedra, que se estenderá ata o 31 de outubro.

Este calendario de vedas e campañas busca garantir un equilibrio entre actividade extractiva e conservación mariña que permita respectar os ciclos naturais das especies e promover un consumo responsable.

Aperturas e peches

O pasado 5 de xaneiro, o santiaguiño (Scyllarus artus), a nécora (Necora puber) e a lagosta (Palinurus elephas) despedíronse temporalmente dos mercados galegos ao entrar en veda, unha medida que busca garantir a súa conservación e sostibilidade. Tamén o día 3 rematou a campaña de marisqueo en Noia, que agora pecha de forma temporal tras o período de Nadal.

Por outra banda, o 2 de xaneiro deu comezo a campaña de pesca da lamprea de mar (Petromyzon marinus) no tramo internacional do río Miño, onde están autorizadas artes tradicionais como a rede lampreeira de tres panos e a nasa butrón. A Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda, certificada pola marca pescadeRías de onde se non?, lidera a primeira venda deste prezado manxar en Galicia.

Aperturas e peches

Despedímonos por uns meses do polbo (Octopus vulgaris) e o ourizo (Paracentrotus lividus), xa que as súas campañas acaban de pechar. O polbo abrirá de novo o 1 de xullo e o ourizo a partir do mes de outubro.

Por outra banda, volverán a estar presentes nos mercados o ameixón (Callista chione), desde o 6 de maio, debido á apertura da campaña na Ría de Muros, e os anemones (Anemonia viridis), xa que algunhas confrarías da provincia de A Coruña comezan a súa extracción este mes.

Peches e aperturas de campañas

O pasado 31 de marzo rematou a campaña de extracción da volandeira (Aequipecten opercularis), cun total de 233.360 quilos extraídos, e un valor en primeira venda de 766.828 euros. Tamén pechou a tempada de capturas do lumbrigante (Homarus gammarus), que abrirá de novo 1 de xullo. O volume de capturas de lumbrigante nesta campaña acadou os 25.370 quilos, cun valor en primeira venda de 827.404 euros.

Por outra banda, o 1 de abril comezou a campaña de extracción da lagosta (Palinurus elephas), que permanecerá aberta ata o o 30 de setembro.