FICBUEU

Ao redor de 30 profesionais do cinema nacional e internacional, asistentes á 16ª Edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu FICBUEU, participaron na degustación guiada “Descubrindo as excelencias do noso mar con pescadeRías, de onde se non?”, que se celebrou o sábado 16 de setembro na Praza de abastos de Bueu.

Sergio Roma, do Restaurante O Souto de Pontevedra, fixo as delicias das persoas asistentes coas elaboracións presentadas a base de navalla, polbo, xarda e robaliza certificadas.

Festa da empanada mariñeira

A Lonxa de Portonovo acolleu unha nova edición da Festa da Empanada Mariñeira de produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?

Celebrouse con gran éxito de participación os días 23 e 24 de setembro, organizada polo Clube de Piragüismo e a Confraría de Pescadores de Portonovo. Houbo degustación de empanadas elaboradas con produtos certificados de diferentes confrarías de Galicia, maridaxes, demostracións de cociña en directo e concurso popular da empanada mariñeira.

Xuntanza de Bloggers Gastronómicos

Un ano máis, os produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? estiveron presentes na XI Xuntanza de Bloggers Gastronómicos que tivo lugar en Vilagarcía de Arousa o 23 e 24 de setembro.

Pepe Solla, do restaurante Casa Solla, deseñou o menú do evento principal da xuntanza, que se celebrou no Pazo O Castriño. As persoas participantes puideron coñecer, ademais, o marisqueo a pé e a historia da Illa de Cortegada, entre outras actividades.

Mercado Mar de Mares 2023

O 23 e 24 de setembro celebrouse unha nova edición do Mercado do Mar na explanada do Parrote en A Coruña, no marco da X edición do Festival Mar de Mares.

O domingo 24 tivo lugar a cata guiada Tesouros das nosas Rías, a cargo de Diego Domínguez de A Ostrería e Nómade de Santiago de Compostela. O chef presentou dúas elaboracións moi recoñecidas: navalla cítrica e sargo con salmorejo e pan de Cea.

O Mercado do Mar contou coa participación como expositor da empresa Porto-Muíños, certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? para algas.

Saborea Andalucía

A Consellería do Mar estará presente co stand institucional da Xunta de Galicia no Congreso Saborea Andalucía que se celebrará en Sevilla do 3 ao 5 de outubro. Galicia é a comunidade autónoma invitada desta edición.

A  marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente no stand institucional da Xunta de Galicia.

Durante o evento celebraranse presentacións e degustacións guiadas de produtos certificados e impartiranse dous relatorios, un sobre a promoción dos produtos do mar en Galicia e outro sobre a marca pescadeRías, ¿de onde se non?

San Sebastián Gastronomika

Do 9 ao 11 de outubro celebrarase a XXV edición de San Sebastián Gastronomika. O Kursaal acollerá este encontro gastronómico de referencia mundial da alta cociña.

A Consellería do Mar estará presente co stand institucional da Xunta de Galicia, xunto con 6 empresas coexpositoras, entre as que se atopan as entidades certificadas Costas y Miñán S.L. e O Percebeiro S.L.

Os produtos certificados pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? serán protagonistas nas degustacións guiadas que se levarán a cabo durante o evento.

Confrarías centenarias

Dúas entidades certificadas conmemoraron os seus cen anos de historia no mes de setembro: a Confraría de Pescadores Nuestra Señora de las Arenas de Fisterra, o día 2, e a Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, o día 16.

Na celebración de ámbolos dous centenarios homenaxeouse aos patróns maiores que dirixiron as entidades ao longo dos 100 anos, poñendo en valor o compromiso e o labor realizado na defensa dos intereses dos profesionais do mar.

Parabéns pola traxectoria!

Podes ver varias imaxes dos eventos aquí.

Empresa do mes

Pulponor Sociedade Cooperativa Galega, certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? dende o ano 2015, dedícase á distribución de produtos conxelados, sendo o polbo o seu produto estrela.

O polbo da pesca artesanal galega que comercializan conxelado é un produto da mellor calidade, totalmente natural e cun sistema de embalaxe exclusiva con garantía de orixe das lonxas de baixura galegas.

O obxectivo da cooperativa é satisfacer, de forma eficiente, as necesidades de todos os profesionais do sector aos que se dirixen: pulpeiros/as, restauración e grandes superficies. Contan tamén con servizo para particulares a través da súa web www.pulponor.com

Especie do mes: a choupa

A choupa (Spondyliosoma cantharus) é un peixe semigraxo co corpo ovalado, alto e compacto. Pódese confundir co sargo. Para diferencialos podemos fixarnos na lixeira chepa que ten a choupa por detrás da cabeza. Ademais, carece da mancha negra que ten o sargo onde nace a aleta pectoral.

Os adultos presentan unha tonalidade gris azul prateada, con estrías douradas e discontInuas nos costados que van desde o opérculo ata a aleta caudal. Os exemplares novos son de cor gris escura. Entre os ollos presenta unha característica banda escura que chega ata o fociño.

Podes atopar máis información sobre esta especie nesta ligazón.

Accións formativas

No mes de setembro impartiuse formación en hixiene e manipulación dos produtos da pesca ao persoal da empresa Da Lonxa ao Prato S.L., situada na Lonxa de Ribeira.

Esta empresa conta con depuradora de bivalvos, cetaria de crustáceos e realiza distribución dos produtos da pesca dende a Lonxa de Ribeira.

Todo o persoal da industria alimentaria ten que contar con formación actualizada en manipulación de alimentos, así como coñecer os principios básicos do APPCC, segundo a frecuencia que determine o Plan de Formación de cada empresa.