Nova entidade adherida: Pescadería Áncora

A Pescadería Áncora, situada en Bandeira (Silleda), vén de incorporarse á rede de entidades adheridas á marca de calidade pescadeRías de onde se non?, consolidando así a súa aposta polos produtos da pesca artesanal galega.

O establecemento ofrece peixe e marisco fresco procedente maioritariamente da lonxa de Ribeira, o que garante orixe certificada, frescura e trazabilidade. O seu horario de apertura é de martes a sábado, de 09:00 a 14:00 horas, e conta cun servizo a domicilio que facilita o acceso ao mellor produto do mar. Ademais, admite pagamentos con tarxeta e Bizum, que da resposta ás novas necesidades da clientela.

A entidade do mes: Pescados Loureda

A entidade do mes de outubro é Pescados Loureda S.L., certificada pola marca pescadeRías de onde se non? desde novembro de 2024 para peixe, cefalópodos, crustáceos e bivalvos. Con sede no porto da Coruña, a empresa merca diariamente en diversas lonxas galegas, garantindo frescura, trazabilidade e calidade nos produtos da pesca artesanal galega.

Especializada no abastecemento de comedores escolares, hospitais e outras colectividades, destaca pola súa aposta por un modelo responsable baseado na estratexia Desperdicio Cero. Ofrece máis de cen referencias e máis de vinte tipos de preparación de peixe fresco e aporta valor pola súa capacidade de aconsellar e acompañar á súa clientela.

A especie do mes: O santiaguiño

A especie protagonista deste mes é o santiaguiño (Scyllarus arctus), un crustáceo decápodo moi apreciado que acaba de iniciar a súa campaña de capturas, vixente ata o 5 de xaneiro.

O seu nome provén da forma das espiñas do dorso do caparazón, que lembra a cruz de Santiago. De corpo aplanado e robusto, presenta unha coloración parda con tons vermellos e unhas antenas anchas en forma de paleta. Vive en fondos rochosos entre os 3 e 50 metros de profundidade e péscase con nasas e trasmallos.

A súa carne é delicada, de sabor fino e intenso.

Podes ampliar a información aquí.

Seguimento do Índice de Maduración Visual da ostra plana na Ría de Ferrol

O artigo do mes presenta o desenvolvemento dun Índice de Maduración Visual (IMV) para a ostra plana (Ostrea edulis). O traballo foi realizado por Carlos Brezmes Comesaña, biólogo da Delegación Territorial de Ferrol da Consellería do Mar, xunto con asistencias técnicas das confrarías da Ría de Ferrol.

O obxectivo é crear un método práctico e accesible para avaliar o estado de maduración sexual da especie. O IMV baséase na observación da cor e aspecto da gónada, de xeito que permite estandarizar o seguimento reprodutivo e facilitar unha xestión sostible da pesqueira. Podes ler o artigo aquí.

A receita do mes: Arroz verde cremoso de raia con polbo e boletus

Paco Caneda, cociñeiro e profesor do Obradoiro de Emprego de Hostalaría da Mancomunidade do Salnés, comparte unha das súas propostas máis destacadas: un arroz verde cremoso de raia con polbo e boletus. A elaboración, presentada na Festa da Raia de Portonovo (Sanxenxo), destaca pola combinación da tradición mariñeira galega coa innovación gastronómica, resultando nun prato cheo de sabor e cor.

Cun uso creativo de produtos do mar certificados, esta receita pon en valor a versatilidade da raia e do polbo, dous clásicos da nosa cociña.

Podes consultar a receita completa aquí.

Formación en diferenciación de especies mariñas de interese comercial

A marca pescadeRías de onde se non? pon en marcha un programa de sesións formativas dirixidas ao persoal de lonxas, centrado no recoñecemento e diferenciación de especies mariñas de interese comercial en Galicia.

As accións, de catro horas de duración, repetiranse en distintas localidades para facilitar a asistencia do persoal das lonxas certificadas pola marca. O contido inclúe unha introdución ás principais características dos peixes e aos elementos anatómicos clave para a súa identificación. Ademais, impartirase un módulo específico sobre parasitos en peixe, con especial atención ao Anisakis, un aspecto indispensable para a seguridade alimentaria.

O primeiro curso terá lugar na Lonxa de Fisterra o 28 de outubro, en horario de 09:00 a 13:00, e está destinado ao persoal das lonxas de Muros, Lira, Corcubión, Fisterra e Malpica.

📞 Información e inscricións: 678 79 60 10
📧 Correo: ardora@ardoraformacion.com