Equiocio 2024

A marca pescadeRías de onde se non? participou no certame hípico e de lecer familiar Equiocio Ferrol, que se celebrou do 1 ao 4 de agosto.

A programación do evento incluíu catro demostracións de cociña en directo con cata das elaboracións, que tiveron como protagonistas os produtos certificados do mar de Galicia, tanto peixes como algas e mariscos. Os cociñeiros Marcos Cabanas, do Restaurante El Olivo de Narón, e Borja García, do Restaurante Indómito de Santiago de Compostela, foron os encargados de cociñar en directo e explicar os pasos das elaboracións ao público asistente.

Resultados do sorteo de verán

Xa temos o resultado do noso sorteo de verán. As persoas agraciadas foron:

En Facebook, Marisol Salgueiro e Mari Carmen Blandón Gómez. En Instagram, os perfís @vicra44 e @javier_del_pozo. Podes ver o vídeo oficial de resultados de Facebook aquí e de Instagram aquí.

Recibirán cadanseu lote de produtos da campaña Galicia sabe Amar e da marca pescadeRías de onde se non? compostos de bolsa-mochila, mandil, botella, prato, abanico, libro de receitas, libreta, bolígrafo, abrebotellas, chaveiro, bolsa de algodón, identificador de maletas, bloc de notas e pegatinas. Parabéns!

Os produtos certificados estiveron de festa

As festas gastronómicas de produtos do mar están en pleno apoxeo. Durante o mes de xullo tiveron lugar eventos gastronómicos de exaltación de peixes e mariscos certificados en distintas localidades mariñeiras, entre elas a Festa da Vieira de Cambados, o evento gastronómico Azul de Portosín, a Festa da Xouba de Rianxo, a Festa do Percebe de Aguiño e a Degustación Popular de Lira.

No seguinte vídeo podes ver algunhas das imaxes que nos deixaron estas celebracións. Preme aquí.

Visita formativa

O alumnado do Obradoiro de Hostalaría Cualifica II do Concello do Porriño participou nunha visita formativa á praza de abastos de Pontevedra e á empresa certificada O Percebeiro.

Vimos nos puntos de venda os distintos produtos da pesca artesanal galega, o contido das etiquetas de peixes e mariscos e identificamos as características de frescura dos produtos do mar. Tamén houbo ocasión de diferenciar moluscos similares, como o longueirón e a navalla, e ver as instalacións de depuración, cetárea e expedición de O Percebeiro S.L.

Podes ver aquí un vídeo da visita.

Festa do Marisco e Centenario da Confraría de Barallobre

Os días 17 e 18 de agosto terá lugar a Festa do Marisco de Barallobre, coincidindo cos actos de celebración do centenario da confraría.

O programa de eventos inclúe actuacións musicais, xantares populares e dous showcookings con produto certificado: o sábado 17, Marcos Cabanas do Restaurante El Olivo de Narón, cociñará vieira e carneiro en directo; e o domingo 18, Nair González, do Restaurante Muelle 43, navalla e ameixa.

Podes ver o programa de actividades aquí.

Certificacións

Durante o mes de xullo leváronse a cabo as auditorías de seguimento das seguintes confrarías de pescadores:

Muros (bivalvos, cefalópodos, crustáceos, peixes, equinodermos).

Mugardos (bivalvos e gasterópodos).

Portonovo (bivalvos, cefalópodos, equinodermos, peixes, crustáceos).

Baiona (bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixes, algas, antozoos, gasterópodos).

Moaña (bivalvos).

Formación

O pasado mes de xullo, o equipo técnico da marca impartiu un curso de Hixiene e Manipulación de Alimentos na Confraría de Pescadores de Muros. Asistiron a Xunta Directiva da Agrupación de Marisqueo a Pé, persoal administrativo e persoal da lonxa.

A formación de todo o persoal implicado na cadea mar-industria é fundamental para que a trazabilidade dos produtos do mar sexa efectiva. O equipo de xestión da marca imparte formación aos distintos axentes certificados para que poidan aplicar estes coñecementos no seu día a día. Consúltanos.

Cursos Mariñeiro/a pescador/a

A Consellería do Mar publicou a convocatoria de cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación nos centros de formación náutico-pesqueira.

Podes ver a convocatoria completa nas seguintes ligazóns:

Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol.

Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira.

Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

A especie do mes: Dourada

A dourada (Sparus aurata) é un peixe moi aprezado na nosa gastronomía. O seu corpo é alto, comprimido e ovalado, cunha aleta dorsal longa e a cabeza moi arqueada.  De cor gris prateada, ten dúas manchas negras ao comezo da liña lateral e unha mancha dourada entre os ollos. Estas manchas tenden a desaparecer unha vez morto o animal. Os seus beizos son grosos e carnosos. Pode chegar aos 70 centímetros.

Aliméntanse de bivalvos, crustáceos, peixes e nalgunhas ocasións, de algas.

Podes atopar máis información sobre esta especie aquí.

A entidade do mes

Conservas Antonio Alonso S.A. é a empresa conserveira máis antiga en activo de España. Fabrican a marca Palacio de Oriente, recoñecida dentro e fóra das nosas fronteiras, e xa celebraron os seus primeiros 150 anos de historia.

Contan coa certificación pescadeRías de onde se non? para a transformación de moluscos bivalvos. A súa filosofía de traballo resúmese así:

Coñecemos, coidamos e amamos o mar para que este nos regale peixes e mariscos de primeira calidade. Elaboramos as nosas conservas respectando a tradición, porque só así podemos levar á túa mesa ese sabor inconfundible que nos define dende fai 5 xeracións.