Madrid Fusión 2025

Estivemos na 23ª edición do Congreso Madrid Fusión Alimentos de España 2025, acompañados de 10 empresas coexpositoras, das que catro están certificadas pola marca:  O Percebeiro S.L., HQ Seaweed S.L., Artesa Rías Baixas, S.L. e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre.  Tamén estivo en Madrid Fusión a empresa certificada Portomuíños, cun stand propio.

Podes ver un vídeo resume da participación das empresas e das catas de produtos do mar certificados aquí.

Nova campaña de extracción de vieira

A Confraría de Barallobre comezou o 20 de xaneiro unha nova campaña de extracción de vieira, coa participación de 12 embarcacións e 34 tripulantes, e unha previsión de extraer 40.800 quilos empregando o rastro de vieira.

A confraría colabora coa empresa certificada Artesa Rías Baixas S.L. para garantir a evisceración e comercialización en fresco baixo o selo pescadeRías de onde se non? A confraría ten a disposición do público vieira fresca nas súas instalacións.

Recoñecemento a Mercedes González

Felicitamos a Mercedes González Malvido, Directora de Frigoríficos Rosa de los Vientos S.L., que foi premiada pola Asociación de Frigoríficos de Pesca Extractiva AFRIPEX, en recoñecemento do seu papel no sector marítimo pesqueiro.

Frigoríficos Rosa de los Vientos S.L., situada no Porto de Marín, leva desde 2016 certificada pola marca pescadeRías de onde se non? como transformadora de cefalópodos e bivalvos. Unha empresa que combina tradición e sustentabilidade para garantir a máxima calidade dos produtos do mar galego.

Xornada de portas abertas en Artesa Rías Baixas S.L.

Ángel González e Mar Ambroa abriron as portas das súas instalacións para amosar de primeira man o coidado e profesionalidade que hai detrás actividade de Artesa Rías Baixas, S.L. Durante a visita, clientes e amizades tiveron a oportunidade de descubrir a excelencia dos produtos do mar galego que comercializan, como o polbo e as volandeiras.

Artesa Rías Baixas é distribuidor certificado pola marca pescadeRías de onde se non? para bivalvos, cefalópodos, peixes, crustáceos e equinodermos.

Aperturas e peches

O 3 de marzo comeza a campaña do ourizo das confrarías de Aguiño e Ribeira, con 78 embarcacións e 179 tripulantes habilitados. No ano 2024 comercializáronse 70.771 quilos de ourizo na lonxa de Aguiño e 33.688 na lonxa de Ribeira, certificados pola marca pescadeRías de onde se non? Está previsto que a campaña se estenda durante os meses de febreiro, marzo e abril.

Ese mesmo día retomarase a campaña de marisqueo na Confraría de Noia, con previsión de que se manteña aberta ata Semana Santa.

Formación

Este mes impartiuse unha sesión formativa en hixiene e manipulación de alimentos destinada ao persoal da empresa certificada Mariscos Calimar S.L.

Participaron no curso o equipo fixo da depuradora e o persoal eventual que se encarga do escachado do ourizo durante a campaña, que actualizaron os seus coñecementos para garantir a seguridade e calidade dos produtos do mar.

Mariscos Calimar S.L. uniuse á marca pescadeRías de onde se non en 2016, e a súa certificación abrangue bivalvos, equinodermos e crustáceos.

Peixes e Mariscos Mónica

Peixes e Mariscos Mónica, peixería adherida á marca pescadeRías de onde se non?, continúa a súa expansión. Ademais do seu establecemento na Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa, agora tamén ofrece os seus produtos no Novo Mercado da Estrada.

En ámbolos dous puntos de venda a clientela pode atopar peixes e mariscos frescos procedentes das lonxas de Rianxo e Ribeira, capturados de xeito artesanal, con certificación de orixe, e garantía de máxima calidade e frescura.

Tripulación pescadeRías

Como anunciamos no pasado boletín, en xaneiro estreamos nas redes sociais da marca a sección «Tripulación pescadeRías de onde se non?», unha serie de entrevistas cos verdadeiros protagonistas da pesca artesanal galega.

No primeiro capítulo falamos con María Maceiras, mariscadora e divulgadora, que nos contou a súa experiencia no mundo do mar e nas redes sociais. Descubre como combina tradición, sustentabilidade e innovación na súa paixón polo mar.

Podes ver o vídeo aquí.

Especie do mes: as raias

O xénero Raja spp. agrupa a un gran número de especies de peixes elasmobranquios que teñen en común un corpo aplanado con forma de disco ou rombo, con ás angulosas e un rabo longo.

O fociño das raias é alongado e a súa pel moi áspera. A zona dorsal das raias presenta distintos patróns de coloración e ten dentes cutáneos puntiagudos, mentres que o ventre é claro.

De decembro a febreiro a raia atópase en tempada: é o momento idóneo para cociñala. Se precisas inspiración, visita a sección de receitas da nosa web nesta ligazón.

Podes ampliar a información aquí.