A especie do mes: a peneira

A peneira (Haliotis tuberculata) é un molusco gasterópodo coa cuncha en forma de orella, de cor parda escura, cunha espiral pequena e unha última volta notablemente grande. A cuncha é resistente, co interior nacarado e sete orificios dispostos en liña.

Habita sobre substratos rochosos, desde o intermareal inferior ata profundidades superiores aos 40 m, aínda que é máis abundante entre os 3 e os 10 m de profundidade. En Galicia, distribúese pola zona media e externa das rías. Aliméntase principalmente de macroalgas e microalgas.

Podes ampliar a información aquí.

Novas peixerías adheridas

Este mes damos a benvida a dúas novas peixerías, la Pescadería de mi Barrio e a Peixaría Oia.

La Pescadería de Mi Barrio atópase no mercado de Teis, en Vigo. Comercializa produtos da pesca artesanal que adquire a diferentes provedores certificados. Un dos seus obxectivos é acercar o mercado tradicional á cidadanía. Realiza servizos a domicilio no concello de Vigo e envíos a toda a península.

A Peixaría Oia está situada no concello de Oía. A clientela pode atopar no seu punto de venda produtos de proximidade procedentes das confrarías da contorna, principalmente da lonxa de A Guarda.

Certificacións

Durante o mes de febreiro leváronse a cabo auditorías de seguimento nas seguintes entidades:

As empresas distribuidoras Pulponor S. Coop. Galega e Pescados Pulponor S.L. tiveron auditoría de recertificación na marca con alcance de cefalópodos e peixes.

Formación

No mes de febreiro impartimos formación en hixiene e manipulación de alimentos a tres entidades certificadas: Mariscos Comesaña S.L., Lonxa de Sada e Lonxa de Cambados.

A formación en Mariscos Comesaña S.L. estivo dirixida ao persoal da empresa co obxectivo reforzar os coñecementos e as boas prácticas esenciais para garantir a seguridade, trazabilidade e a calidade dos produtos do mar.

Nas confrarías de Sada e Cambados participou o persoal responsable de garantir a trazabilidade e as boas prácticas de manipulación dos productos da pesca.

A entidade do mes: Frigoríficos Moldes S.L.

Frigoríficos Moldes S.L., con sede en Pontevedra é unha empresa conxeladora fundada no ano 1967.

Esta empresa transformadora está certificada pola marca pescadeRías de onde se non? desde xullo de 2015 co alcance de cefalópodos. A principal especie é o polbo procedente da pesca artesanal galega que adquire en diferentes lonxas galegas. A certificación é unha garantía de calidade e orixe para a súa clientela.

Subministran unha ampla gama de produtos conxelados ao canal Horeca, ás cadeas de supermercados e colectividades baixo a súa marca ”La Marina”.

AXUDAS GALP

Está aberta a convocatoria para o ano 2025 para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 (código de procedemento PE155A).

O prazo de presentación remata o 21/03/2025.

Podes ver toda a información sobre o procedemento aquí.

O artigo do mes

Ocenebra erinaceus e Tritia reticulata son dúas especies de “cornetas”,  gasterópodos de pequeno tamaño que son consideradas depredadoras de moluscos bivalvos polos profesionais do marisqueo e retiradas indistintamente dos bancos marisqueiros. Non obstante, os traballos científicos indican que T. reticulata unicamente se alimenta de restos de animais mortos ou moribundos e que non ten capacidade anatómica para perforar as cunchas.

José Manuel Parada, do Centro de Investigacións Mariñas, investigou o comportamento de ámbalas dúas especies, e achéganos os resultados no artigo deste mes. Podes lelo aquí.

A receita do mes

Chema García, de El Faro Gastronómico, tráenos unha receita cun dos seus peixes favoritos, tanto en fresco como en conserva: a xarda, que ademais é un dos produtos destacados da pesca artesanal galega. Trátase dunha receita sinxela de xarda con curry fresco e ensalada de rúcula.

O ingrediente principal é a xarda en conserva, acompañada dunha salsa deliciosa e fresca que lle da o toque final ao prato.

Podes ver a receita aquí.