Actividades en prazas de abastos

A marca pescadeRías de onde se non? realizou en outubro actividades para promover o consumo dos produtos da pesca artesanal galega nas prazas de abastos da Estrada, Ferrol e Lugo.

O público tivo oportunidade de participar nunha visita guiada aos puntos de venda de peixes e mariscos adheridos á marca. Contamos coa colaboración das propias praceiras, que explicaron como é a súa xornada de traballo, desde a compra do peixe en primeira venda ata a apertura ao público. A diferenciación de especies, consellos para ver o grado de frescura, información sobre etiquetado e orixe foron algúns dos contidos tratados. Tamén se levaron a cabo demostracións de cociña en directo con cata de elaboracións.

Podes ver un vídeo resume aquí.

Dinamización na Praza de Abastos de Ourense

O vindeiro 29 de novembro estaremos na Praza de Abastos de Ourense. Organizaremos unha visita guiada ás peixerías adheridas á marca, onde se falaremos de identificación de especies, frescura, etiquetado e da certificación pescadeRías de onde se non?

Está previsto un obradoiro de tamaños mínimos de peixes e mariscos e unha sesión de demostración de cociña a base de produtos da pesca artesanal galega, con degustación.

A inscripción é gratuíta, con aforo limitado. Para participar é preciso inscribirse previamente no correo pescaderiasdeondesenon.cmrm@gmail.com ou no 986 02 08 99.

Asistencia a feiras

A marca pescadeRías de onde se non? participou no Salón da Alimentación SIAL París 2024, cos coexpositores certificados Conservas La Brújula S.L., Fish Factory S. L. e Porto-Muiños.

Do 24 ao 27 de outubro estivemos no Salón Internacional de Turismo Gastronómico XANTAR, en Ourense. Acudiu tamén a Confraría de Pescadores de Ferrol, entidade certificada.

Do 4 ao 6 de novembro participamos no Forum Gastronómico de Barcelona, en colaboración con Galicia Calidade e coa presenza das empresas certificadas pola marca O Percebeiro S.L. e Artesa Rías Baixas S.L. Tamén tivo stand no Forum a Confraría de Pescadores de Barallobre.

Podes ver un vídeo aquí.

Entidades certificadas

No mes pasado leváronse a cabo auditorías nas seguintes entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?:

Auditoría de seguimento da depuradora José Mª Daporta e Hijos S.L., con alcance de bivalvos e crustáceos.

Auditoría de seguimento e ampliación da lonxa, depuradora, centro de expedición e distribución da Confraría de Pescadores de Barallobre. A auditoría de seguimento incluíu bivalvos, gasterópodos e equinodermos, e ademais ampliouse o alcance a antozoos.

Auditoría de seguimento da depuradora, centro de expedición e distribuidora Mariscos Campelo S.L., con alcance a bivalvos, equinodermos e cefalópodos.

Nova adhesión: Faro Pequeno

Damos a benvida á marca a un novo establecemento adherido: Faro Pequeno Taberna Atlántica, inaugurado hai uns meses e situado nun enclave moi especial: o antigo Faro Primitivo de Cabo Silleiro, en pleno itinerario do Camiño Portugués. O antigo faro foi rehabilitado como taberna con sabor atlántico e conta cunha terraza moi ben orientada para gozar da posta de sol e das conservas de La Curiosa, certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?

A proposta gastronómica inclúe peixes e mariscos frescos procedentes da pesca artesanal galega. Entre os seus provedores, as lonxas de Baiona e Cambados. Está previsto que este proxecto se complete cun hotel e restaurante ubicados no Faro Principal.

Formación

No mes de outubro tivemos sesión formativa na Confraría de Pescadores de Lira. Impartiuse un curso de manipulación de alimentos ao que asistiu o persoal de lonxa, o equipo encargado da conxelación do polbo e a asistencia técnica da confraría.

A formación en trazabilidade e seguridade alimentaria do persoal das entidades usuarias da marca é imprescindible para levar a cabo unha correcta xestión dos produtos certificados no día a día. O equipo técnico da marca encárgase de asesorar e impartir formación ás persoas implicadas no proceso de comercialización das entidades certificadas.

Consúltanos.

Entidade do mes: Ría de Arosa

A Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arosa, ubicada en Abanqueiro (Boiro, A Coruña), foi fundada no ano 1973, e xestiona unha zona de explotación na que os seus socios recolectan o marisco con destino á súa depuradora.

Dende o seu centro de expedición, lonxa, depuradora e cetárea comercializan produtos procedentes da pesca artesanal galega, ademais da canle online que permite a venda ao territorio peninsular en menos de 24 horas. A súa actividade principal está dirixida ao sector da restauración, ao que sirven directamente con furgóns isotermos (comarca Barbanza, Santiago, Caldas e Dubra).

A cooperativa está certificada para a comercialización de bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos desde xullo de 2017.

A especie do mes: abadexo

A especie do mes é o abadexo (Pollachius pollachius), un dos peixes máis axeitados para preparar ao xeito tradicional galego, con allada.

Trátase dun peixe branco, de corpo esvelto e longo, que a flota galega artesanal captura habitualmente con artes de anzol e enmalle. É moi habitual nos nosos mercados, e consúmese durante todo o ano.

IMPORTANTE: Recentemente o tamaño mínimo de captura desta especie foi modificado pola normativa europea e na actualidade é de 42 cm.

Podes ampliar a información sobre esta especie aquí.

Aperturas e peches

O 1 de novembro comezou a campaña do bou de vara na Ría de Arousa, e do bou de man  ou rapeta nas Rías de Arousa, Vigo e Pontevedra. Por tanto, volve a volandeira (Aequipecten opercularis) aos mercados. O período de capturas remata o 31 de marzo.

Está prevista a apertura da campaña da centola (Maja brachydactyla) a partir do 10 de novembro nas zonas A e B, que comprenden desde a desembocadura do Miño ata Estaca de Bares. A partir do 1 de decembro abrirá a zona C, de Estaca de Bares ao Río Eo.

A campaña do boi (Cancer pagurus) comezará a partir do 3 de novembro na zona C (de Estaca de Bares ao río Eo) e nas zonas A e B o 10 de novembro (da desembocadura do Miño a Estaca de Bares).

Axudas

Está aberta a convocatoria de axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), executados no ano 2023 (código de procedemento PE155C).

Podes ver a orde aquí.