Entidade do mes: Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño

A Confraría de Pescadores de Carreira – Aguiño, fundada no ano 1924, é unha das entidades históricas do sector pesqueiro galego e un referente na posta en valor dos produtos do mar.

Certificada pola marca pescadeRías de onde se non? desde 2008, a súa certificación abrangue crustáceos, bivalvos e equinodermos. No ano 2025, o principal recurso comercializado por volume foi o ourizo, con 60 toneladas capturadas, seguido da navalla, o percebe e a ameixa babosa. Por importe de vendas, o percebe destacou como o recurso máis relevante, cunha facturación próxima aos 950.000 euros, que representou o 34% da recadación total.

Cada mes de xullo, a confraría organiza a tradicional Festa do Percebe de Aguiño, unha cita clave para achegar este produto de alta calidade ao público.

Índice gonadal do ourizo na zona V

O artigo deste mes, elaborado por un equipo multidisciplinar formado polas asistencias técnicas das confrarías de Lira, Fisterra e Corcubión, un técnico da Xefatura Territorial da Coruña e un investigador do Cima, analiza os factores ambientais que condicionan o ciclo reprodutivo do ourizo.

O estudo destaca o papel da temperatura da auga, da dispoñibilidade de macroalgas, da dinámica do afloramento costeiro e do cambio climático, variables que inflúen directamente no desenvolvemento das gónadas e no momento da posta. Unha información esencial para comprender e xestionar este recurso clave da pesca artesanal.

Podes ler o artigo aquí.

Peches de campaña

A campaña de extracción de ourizo de mar (Paracentrotus lividus) en Galicia chegou ao seu fin o pasado 30 de abril. A veda manterase ata o outono, cando poderá retomarse a actividade nos meses de outubro ou novembro, dependendo das zonas e dos plans de xestión das entidades.

Este peche temporal coincide coa etapa de reprodución natural da especie, que adoita producirse nos meses de marzo e abril. 

O produto, considerado un manxar, conta cunha importante demanda tanto no mercado nacional como internacional.

Manuel A. Reiriz en Tripulación pescadeRías

Este mes incorpórase á Tripulación pescadeRías Manuel A. Reiriz, armador da embarcación Os Gómez e presidente dos mariscadores e mariscadoras da Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño.

Manuel explícanos en que consiste o seu traballo diario, as especies que captura e a importancia dos plans de xestión como ferramenta para a explotación sostible dos recursos.

Tamén nos amosa a descarga e primeira venda en lonxa do ourizo, un recurso esencial neste porto, no que hai 57 embarcacións e 128 tripulantes autorizados para a súa explotación.

Podes ver o vídeo aquí.

Aperturas de campaña

O 3 de marzo comeza a campaña do ourizo (Paracentrotus lividus) das confrarías de Aguiño e Ribeira, con 78 embarcacións e 179 tripulantes habilitados. No ano 2024 comercializáronse 70.771 quilos de ourizo na lonxa de Aguiño e 33.688 na lonxa de Ribeira, certificados pola marca pescadeRías de onde se non? Está previsto que a campaña se estenda durante os meses de febreiro, marzo e abril.

Ese mesmo día retomarase a campaña de marisqueo na Confraría de Noia, con previsión de que se manteña aberta ata Semana Santa.

Aperturas e peches

O 1 de outubro comezou a campaña do ourizo (Paracentrotus lividus), santiaguiño (Scyllarus arctus) e peneira (Haliotis tuberculata).

A extracción de ourizo comezou nas confrarías da provincia de Pontevedra que teñen plan de explotación para este recurso, mentres que as confrarías das provincias de A Coruña e Lugo empezarán en novembro e decembro. O santiaguiño poderá capturarse ata o 5 de xaneiro. Comezou tamén a campaña nos bancos de libre marisqueo de Arousa e está previsto que o 14 de outubro arranque na Ría de Muros e Noia.

Por outra banda, o 30 de setembro pechou a campaña da lagosta (Palinurus elephas) e o 31 de outubro está previsto o peche da campaña de pesca con boliche.

Aperturas e peches

Despedímonos por uns meses do polbo (Octopus vulgaris) e o ourizo (Paracentrotus lividus), xa que as súas campañas acaban de pechar. O polbo abrirá de novo o 1 de xullo e o ourizo a partir do mes de outubro.

Por outra banda, volverán a estar presentes nos mercados o ameixón (Callista chione), desde o 6 de maio, debido á apertura da campaña na Ría de Muros, e os anemones (Anemonia viridis), xa que algunhas confrarías da provincia de A Coruña comezan a súa extracción este mes.

Apertura de campañas e axudas

O 2 de outubro comeza a campaña 2023-2024 do ourizo (Paracentrotus lividus) nas Confrarías de Pescadores da provincia de Pontevedra. Así mesmo, o 1 de outubro iniciarase o período autorizado para a extracción do santiaguiño (Scyllarus arctus) nas costas galegas, que se extenderá ata o 5 de xaneiro do vindeiro ano.

Por outra banda, xa está aberta a convocatoria das axudas autonómicas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas. Máis información aquí.