Asistencia a feiras

A marca pescadeRías de onde se non? participou no Salón da Alimentación SIAL París 2024, cos coexpositores certificados Conservas La Brújula S.L., Fish Factory S. L. e Porto-Muiños.

Do 24 ao 27 de outubro estivemos no Salón Internacional de Turismo Gastronómico XANTAR, en Ourense. Acudiu tamén a Confraría de Pescadores de Ferrol, entidade certificada.

Do 4 ao 6 de novembro participamos no Forum Gastronómico de Barcelona, en colaboración con Galicia Calidade e coa presenza das empresas certificadas pola marca O Percebeiro S.L. e Artesa Rías Baixas S.L. Tamén tivo stand no Forum a Confraría de Pescadores de Barallobre.

Podes ver un vídeo aquí.

Entidades certificadas

No mes pasado leváronse a cabo auditorías nas seguintes entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?:

Auditoría de seguimento da depuradora José Mª Daporta e Hijos S.L., con alcance de bivalvos e crustáceos.

Auditoría de seguimento e ampliación da lonxa, depuradora, centro de expedición e distribución da Confraría de Pescadores de Barallobre. A auditoría de seguimento incluíu bivalvos, gasterópodos e equinodermos, e ademais ampliouse o alcance a antozoos.

Auditoría de seguimento da depuradora, centro de expedición e distribuidora Mariscos Campelo S.L., con alcance a bivalvos, equinodermos e cefalópodos.

Nova adhesión: Faro Pequeno

Damos a benvida á marca a un novo establecemento adherido: Faro Pequeno Taberna Atlántica, inaugurado hai uns meses e situado nun enclave moi especial: o antigo Faro Primitivo de Cabo Silleiro, en pleno itinerario do Camiño Portugués. O antigo faro foi rehabilitado como taberna con sabor atlántico e conta cunha terraza moi ben orientada para gozar da posta de sol e das conservas de La Curiosa, certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?

A proposta gastronómica inclúe peixes e mariscos frescos procedentes da pesca artesanal galega. Entre os seus provedores, as lonxas de Baiona e Cambados. Está previsto que este proxecto se complete cun hotel e restaurante ubicados no Faro Principal.

Formación

No mes de outubro tivemos sesión formativa na Confraría de Pescadores de Lira. Impartiuse un curso de manipulación de alimentos ao que asistiu o persoal de lonxa, o equipo encargado da conxelación do polbo e a asistencia técnica da confraría.

A formación en trazabilidade e seguridade alimentaria do persoal das entidades usuarias da marca é imprescindible para levar a cabo unha correcta xestión dos produtos certificados no día a día. O equipo técnico da marca encárgase de asesorar e impartir formación ás persoas implicadas no proceso de comercialización das entidades certificadas.

Consúltanos.

Entidade do mes: Ría de Arosa

A Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arosa, ubicada en Abanqueiro (Boiro, A Coruña), foi fundada no ano 1973, e xestiona unha zona de explotación na que os seus socios recolectan o marisco con destino á súa depuradora.

Dende o seu centro de expedición, lonxa, depuradora e cetárea comercializan produtos procedentes da pesca artesanal galega, ademais da canle online que permite a venda ao territorio peninsular en menos de 24 horas. A súa actividade principal está dirixida ao sector da restauración, ao que sirven directamente con furgóns isotermos (comarca Barbanza, Santiago, Caldas e Dubra).

A cooperativa está certificada para a comercialización de bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos desde xullo de 2017.

A especie do mes: abadexo

A especie do mes é o abadexo (Pollachius pollachius), un dos peixes máis axeitados para preparar ao xeito tradicional galego, con allada.

Trátase dun peixe branco, de corpo esvelto e longo, que a flota galega artesanal captura habitualmente con artes de anzol e enmalle. É moi habitual nos nosos mercados, e consúmese durante todo o ano.

IMPORTANTE: Recentemente o tamaño mínimo de captura desta especie foi modificado pola normativa europea e na actualidade é de 42 cm.

Podes ampliar a información sobre esta especie aquí.

Aperturas e peches

O 1 de novembro comezou a campaña do bou de vara na Ría de Arousa, e do bou de man  ou rapeta nas Rías de Arousa, Vigo e Pontevedra. Por tanto, volve a volandeira (Aequipecten opercularis) aos mercados. O período de capturas remata o 31 de marzo.

Está prevista a apertura da campaña da centola (Maja brachydactyla) a partir do 10 de novembro nas zonas A e B, que comprenden desde a desembocadura do Miño ata Estaca de Bares. A partir do 1 de decembro abrirá a zona C, de Estaca de Bares ao Río Eo.

A campaña do boi (Cancer pagurus) comezará a partir do 3 de novembro na zona C (de Estaca de Bares ao río Eo) e nas zonas A e B o 10 de novembro (da desembocadura do Miño a Estaca de Bares).

Axudas

Está aberta a convocatoria de axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), executados no ano 2023 (código de procedemento PE155C).

Podes ver a orde aquí.

O CIMA: 50 anos de investigacións mariñas

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) está a piques de cumplir 50 anos de investigación sobre o medio mariño e como referente no asesoramento á administración pública e ao sector primario da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia.

No artigo deste mes, Carlos Gabín, director do CIMA, danos a coñecer as actividades e as principais áreas de investigación deste centro de referencia.

Podes ler o artigo aquí.

A receita do mes

Este mes presentamos unha elaboración de salmonete con verduras de tempada e salsa beurre blanc. Trátase dunha creación do cociñeiro Alberte Gutiérrez, do Restaurante Alberte de Vigo, establecemento adherido á marca pescadeRías de onde se non?

O ingrediente principal é o salmonete, acompañado de verduras de tempada e unha salsa deliciosa que lle da o toque final ao prato. Anímate a preparala!

Podes ver a receita aquí.